O CONCELLO DE CARRAL ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA A DÉCIMA EDICIÓN DO TORNEO DE PÁDEL DE VERÁN
O torneo celebrarase entre o 20 de xullo e o 13 de setembro e consolídase como unha
das citas deportivas máis destacadas do calendario estival no municipio.
O Concello de Carral, a través da súa área de Deportes, abre o prazo de inscrición para
participar no X Torneo de Pádel de Verán, unha competición que alcanza este ano a súa
décima edición, consolidándose como unha actividade de referencia para os afeccionados e
afeccionadas a este deporte na localidade.
As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición entre os días 3 e 18 de xullo, ben
de maneira presencial no Complexo Deportivo de Carral ou a través do formulario habilitado
para este fin.
O torneo de adultos consta de 2 categorías; a categoría A está dirixida a aquelas parellas
cun nivel medio/alto, mentres que a categoría B está destinada a aquelas parellas cun nivel
medio.
O torneo desenvolverase entre o 20 de xullo e prolongarase ata o 13 de setembro. Nas
primeiras semanas disputarase unha fase de liga por grupos, de cuxas clasificacións sairá o
cadro eliminatorio. Os partidos disputaranse en horario de tarde-noite.
Está dirixido a xogadores e xogadoras a partir dos 15 anos de idade. A cota de participación
será de 5 euros por parella, mentres que os horarios dos encontros serán acordados polos
propios participantes para facilitar a conciliación e a organización dos partidos.
A celebración desta décima edición é unha mostra da excelente saúde da que goza o pádel
en Carral. Ao longo dos últimos anos, esta disciplina experimentou un notable crecemento no
municipio, apoiada por unha oferta deportiva estable e por unha ampla participación cidadá.
Neste sentido, ademais do tradicional Torneo de Verán, Carral conta cunha Liga de Pádel,
qeu se disputa na primavera, e que reúne cada tempada a máis de 25 parellas,
converténdose nunha das competicións afeccionadas con maior seguimento dentro da
programación deportiva municipal.
A este impulso súmase tamén a posta en marcha este verán dos cursos de pádel, unha
nova proposta formativa que está a contar cunha gran acollida e na que participan
actualmente 30 alumnos e alumnas de diferentes idades e niveis.
Os datos da pasada edición avalan igualmente o interese que esperta esta competición. No IX
Torneo de Pádel de Verán, celebrado en 2025, participaron 24 parellas, que disputaron
preto de 80 partidos ao longo de toda a competición. Desde a organización confían en
manter ou incluso superar estas cifras nesta nova edición, consolidando a tendencia de
crecemento que o pádel vén experimentando no municipio.





