O CONCELLO DE CARRAL CULMINA AS OBRAS DE MELLORA DO CEIP DE TABEAIO
O Concello de Carral culminou as obras de mellora e acondicionamento do CEIP de Tabeaio, unha actuación coa que o goberno municipal continúa avanzando no seu compromiso coa mellora das instalacións educativas e coa prestación duns servizos públicos de calidade para o conxunto da cidadanía.
A concelleira de Educación, Cristina Casal, e o concelleiro de Obras, Óscar Bodelo, visitaron o centro con motivo da finalización dos traballos, acompañados polas tamén edís María Isabel López e Patricia López, para comprobar o resultado dunha intervención que permitiu dar resposta a distintas necesidades das instalacións.
A actuación supuxo unha renovación integral de distintos elementos do colexio. No exterior, procedeuse á substitución da carpintería, mellorando as condicións de illamento do edificio e contribuíndo a incrementar a súa eficiencia enerxética. No interior, os traballos incluíron a substitución de portas, a instalación dun novo falso teito de placas de cartón xeso con illamento de la de roca e a renovación da iluminación.
Estas melloras permitirán dispoñer dunhas instalacións máis confortables para o alumnado e o profesorado, á vez que contribúen a optimizar as condicións de eficiencia enerxética do edificio. A actuación responde, ademais, ás necesidades trasladadas ao Concello pola comunidade educativa do centro.
O proxecto contou cun orzamento de 41.135,60 euros, financiado con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña, e os traballos programáronse durante o período non lectivo co obxectivo de minimizar calquera afección sobre a actividade educativa.





