O CONCELLO DE CARRAL E A U.D. CARRAL ORGANIZAN A V EDICIÓN DO TORNEO DE FÚTBOL DE VERÁN
O Concello de Carral e a Unión Deportiva Carral, celebrarán o vindeiro sábado, 8 de agosto, a V edición do Torneo de Fútbol de Verán, unha cita xa consolidada no calendario deportivo municipal de verán que reunirá no Campo do Castro, a partir das 18:00 horas, a dous equipos referentes do fútbol Coruñés.
Nesta quinta edición enfrontaranse a U.D. Carral e o Atlético Coruña F.C., nun encontro que permitirá gozar dunha tarde de deporte, convivencia e promoción dos valores asociados ao fútbol.
Desde o Concello de Carral quérese poñer en valor o labor desenvolvido pola U.D. Carral na promoción do deporte e agradecer a implicación de todas as persoas que fan posible a celebración deste evento, así como a colaboración da Deputación da Coruña, entidade que apoia esta iniciativa.
O Concello anima á veciñanza e aos afeccionados ao fútbol a asistir ao Campo do Castro para desfrutar dunha xornada deportiva que volverá converter Carral nun punto de encontro para o fútbol de verán.





