O CONCELLO DE CARRAL RECUPERA O TORNEO DE TENIS DE VERÁN TRAS OITO ANOS DE PARÓN
O Concello de Carral volverá organizar este verán o seu tradicional Torneo de Tenis de
Verán, unha cita deportiva que alcanza a súa XVI edición e que supón a recuperación dunha
das competicións máis emblemáticas do calendario deportivo municipal.
A última edición do torneo celebrouse no ano 2018, coincidindo coa súa vixésimo quinta
convocatoria. Agora, en 2026, e unha vez acometidas as actuacións de mellora necesarias
para poñer a pista de tenis municipal en condicións óptimas para a práctica deportiva, o
Concello aposta por retomar esta histórica competición, moi arraigada entre os afeccionados
e afeccionadas ao tenis da localidade.
O prazo de inscrición abrirase o vindeiro 4 de xullo e permanecerá activo ata o 18 de xullo.
As persoas interesadas poderán formalizar a súa participación de maneira presencial no
Complexo Deportivo Municipal ou a través do formulario habilitado para este fin.
O torneo está dirixido a xogadores e xogadoras a partir dos 15 anos, cunha cota de inscrición
de 5 euros por participante. A competición desenvolverase entre o 20 de xullo e o 13 de
setembro, cun sistema de horarios flexible, xa que os encontros serán acordados polos
propios participantes para facilitar a súa organización.
A recuperación deste torneo chega nun momento especialmente positivo para o tenis en
Carral. Esta modalidade deportiva está a experimentar unha notable demanda, como
demostran os case vinte alumnos e alumnas inscritos na escola de verán de tenis, así
como o elevado nivel de utilización das instalacións municipais desde a súa reapertura,
rexistrándose un importante número de reservas por parte da veciñanza.
Desde o Concello de Carral destacan que a volta deste torneo responde ao interese crecente
pola práctica do tenis no municipio e ao obxectivo de seguir ampliando a oferta deportiva
local, recuperando ao mesmo tempo actividades que forman parte da historia deportiva
carralesa.





