O CONCELLO E AUGAS DE GALICIA ESTUDAN VÍAS DE COLABORACIÓN PARA RENOVAR A DEPURADORA DO QUENLLO
O alcalde, José Luis Fernández Mouriño, e o concelleiro, Óscar Bodelo, mantiveron esta mañá unha reunión co director xeral de Augas de Galicia, Roi Fernández. O obxectivo foi solicitar a colaboración do organismo, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, para resolver a problemática actual da depuradora do Quenllo. No encontro, acordouse que o Concello remitirá, proximamente, un anteproxecto que o persoal técnico de Augas de Galicia estudará para valorar posibles vías de colaboración.
O primeiro edil agradece “a boa disposición amosada polo director de Augas de Galicia, que se interesou polo tema desde o primeiro momento e comprometeuse a estudar e analizar a documentación que lle presentemos para arranxar esta instalación”.
Fernández Mouriño incide en que a cooperación entre administracións “é esencial para seguir traballando na mellora dos servizos para a cidadanía”. O primeiro edil recalca que ante cuestións “importantes como a da depuradora do Quenllo temos que ser quen de deixar a un lado calquera outro interese e pensar no que é mellor para os carraleses”.
Unha actuación prioritaria
A reparación da depuradora do Quenllo é unha das actuacións “prioritarias” que o rexedor se marcou cando recuperou a Alcaldía. Con todo, non é a única liña de actuación que Fernández Mouriño expón para os próximos meses. Así, durante o encontro desta mañá, o rexedor solicitou tamén a colaboración do ente autonómico para continuar implantando o saneamento nalgunhas parroquias do municipio que aínda carecen del, como no caso de Quembre, Sumio e Beira.




