,

O CONCELLO REALIZARÁ A SINALIZACIÓN AMBIENTAL DA RUTA DA AUGA DE CARRAL

O goberno local, por medio das concellerías de Medioambiente e de Turismo, levará a cabo a sinalización ambiental da Ruta da Auga de Carral, a través dunha subvención do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Estas axudas están destinadas aos estudos e investimentos vinculadas á conservación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural, así como á sensibilización ecolóxica nas Rede de Reservas de Biosfera de Galicia.

Esta actuación, baixo o marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 de Galicia, ten o obxectivo de sinalizar este roteiro, de 9,3 km de lonxitude, para dar valor á conservación e recuperación das zonas naturais do municipio, que nesta ocasión afectan as parroquias de San Vicente e Cañás, na contorna do río Barcés.

Entre as funcións ambientais desta actuación destacan a sensibilización do espazo natural das persoas visitantes, o fomento do lecer responsable coa natureza, a axuda ao mantemento e conservación das especies e os seus hábitats ou axudar a coñecer os valores naturais e culturais máis relevantes do río Barcés no Concello de Carral.

A instalación destes elementos realizarase en dous tramos, un nesta anualidade 2024 na que se instalarán catro mesas informativas con códigos QR e outra durante o próximo ano, con diversas pezas informativas.