O CONCELLO RECUPERA OS CURSOS DE TENIS E CONSOLIDA A PRÁCTICA DO PÁDEL NA SÚA PROGRAMACIÓN DEPORTIVA DE VERÁN
O Concello iniciou esta semana os cursos municipais de verán de tenis e pádel, dúas propostas incluídas no programa de promoción da práctica deportiva e do ocio saudable que se desenvolverá ao longo do mes de xullo.
Pádel: a actividade rexistrou unha notable acollida entre a veciñanza, cun total de 30 persoas inscritas, distribuídas en tres grupos. As sesións celebraranse os luns e mércores, entre as 19:00 e as 22:00 horas, nas instalacións municipais. A maior parte das persoas participantes son adultas e, segundo indican desde a área de Deportes, a gran maioría nunca practicara este deporte, polo que os cursos están a servir como primeira aproximación a unha disciplina que continúa gañando adeptos ano tras ano.
A recuperación dos cursos de tenis constitúe unha das principais novidades da programación deportiva deste verán. Esta modalidade non se ofertaba no municipio desde 2018, cando as deficientes condicións das antigas pistas municipais obrigaron a interromper a actividade.
A posta en marcha desta iniciativa foi posible grazas ás recentes obras de mellora executadas na pista municipal de tenis, actuacións que contaron co apoio económico da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial da Coruña. Os traballos permitiron dotar a instalación dun novo pavimento de formigón puído baixo cuberta, dun sistema eléctrico e de iluminación renovado e dunha pintura específica para a práctica do tenis, mellorando de forma significativa a funcionalidade e a calidade da infraestrutura deportiva.
Tenis: os cursos contan nesta primeira edición con 19 alumnos e alumnas, maioritariamente persoas adultas e de nivel de iniciación. As clases impartiranse os martes e xoves, en dous grupos, entre as 19:30 e as 21:30 horas.
Desde o Concello destacan que estas iniciativas permiten ampliar a oferta deportiva municipal durante o período estival, ao tempo que favorecen a adquisición de hábitos de vida saudables e o aproveitamento activo do tempo de lecer. Ademais, subliñan a importancia de continuar mellorando as infraestruturas deportivas para ofrecer novos servizos á cidadanía e responder á crecente demanda de actividades físicas e deportivas no municipio.
Os cursos de pádel e tenis desenvolveranse durante todo o mes de xullo e forman parte da programación impulsada polo Concello para fomentar a práctica deportiva entre persoas de todas as idades.





