O TORNEO DE PÁDEL DE VERÁN DE CARRAL PECHA A SÚA DÉCIMA EDICIÓN CON 13 PARELLAS PARTICIPANTES
O Torneo de Pádel de Verán de Carral pechou este sábado, 19 de setembro, a súa décima edición, consolidándose como unha das actividades deportivas con maior tradición dentro da programación estival do municipio. A competición, organizada polo Concello de Carral a través da súa Concellería de Deportes, desenvolveuse entre o 29 de xullo e o 19 de setembro nas pistas do Complexo Deportivo de Paleo.
Nesta décima edición participaron un total de 13 parellas, que disputaron 34 partidos ao longo da competición. Os encontros celebráronse en horarios flexibles, acordados entre as propias parellas participantes, o que permitiu adaptar o desenvolvemento do torneo á dispoñibilidade dos xogadores.
O Torneo de Pádel de Verán forma parte da ampla oferta de actividades deportivas promovidas polo Concello de Carral durante a tempada estival. A programación municipal de deportes de raqueta incluíu tamén a celebración dun torneo de tenis, alén de cursos de tenis e pádel.
Estes cursos tiveron unha boa acollida entre a cidadanía e alcanzaron un total de 40 persoas rexistradas, reflectindo o interese existente no municipio pola práctica dos deportes de raqueta e polas actividades deportivas impulsadas desde o Concello.
O concelleiro de Deportes, Óscar Bodelo, foi o encargado de entregar os trofeos ás dúas mellores parellas da competición durante o acto de clausura, poñendo así o broche final á décima edición do torneo.
En canto aos resultados da final, a parella formada por Carlos López e Óscar Blanco proclamouse campioa desta edición, mentres que Christian Martínez e Javier Gestal obtiveron o subcampeonato.





