Tag Archive for: Amorodio

A Concellería de Cultura mantén desde hai anos unha estratexia de avaliación da súa programación anual, tendo especial atención nalgunhas das súas propostas. O programa Teatro de Outono é un dos máis importantes e no que conta coa participación dos espectadores que atenden enquisas postas á súa disposición na sala ao remate de cada función ou de xeito “en liña”. Para a análise da edición do ano 2025 o departamento de Cultura contou con 244 enquisas atendidas, o que lle ofrece un nivel aceptable de fiabilidade dos resultados.

O informe aborda múltiples aspectos, tanto das obras exhibidas como dos hábitos de consumo teatral do público. Carlos Lorenzo, técnico municipal de Cultura e responsable do informe, presenta no documento unha serie de conclusións que servirán para o mellor deseño de vindeiras programacións. Algúns dos datos a salientar son que as obras Neura (De Ste Xeito Producións) e Cortello de amor (Amorodio Teatro) foron as mellor valoradas polo público; os espectadores proceden fundamentalmente de Tabeaio e Carral con moi pouca asistencia desde as parroquias rurais; as mulleres seguen a ser maioritarias na asistencia ás funcións e sobre todo persoas de mediana idade; o medio máis eficaz para comunicar a programación é o whatsapp Novas Carral; unha gran maioría indica que nos últimos anos ten aumentado o seu interese polo teatro e puntúan entre alto e moi alto a calidade do ciclo teatral de Carral.

O informe, que é de doada lectura e que conta os datos de xeito moi gráfico, pódese consultar e descargar premendo neste link.