Tag Archive for: branca trigo

O poemario escrito conxuntamente por Sara Plaza e Baldo Ramos ven de ser elixido como a obra gañadora do 29º Premio de Poesía Concello de Carral. É a primeira ocasión no que o certame premia unha autoría dobre.

O premio está dotado con 3.500 € e a publicación da obra en Edicións Espiral Maior.

Dun total de 77 obras presentadas ao concurso, o xurado, por unanimidade, decidiu premiar Porcelana e chumbo pola súa voz elixíaca, grave e meditativa. Pon en valor que a escrita aparece como unha forma de acompañar a perda, a cegueira e a memoria moi presentes en todo o traballo. Destaca tamén a madurez expresiva, a densidade poética, as imaxes innovadoras que afondan nos grandes temas universais: a soidade, o paso do tempo e o valor do íntimo. Ademais o xurado quere salientar a orixinalidade que supón crear un  poemario a dúas voces.

O xurado estivo constituído pola concelleira de Cultura, Isabel López, que exerceu de presidenta, as poetas Branca Trigo, Miriam Ferradáns e Modesto Fraga, e o técnico de Cultura e coordinador do certame, Carlos Lorenzo, como secretario con voz e sen voto.

Baldo Ramos (Celanova, 1971), que xa obtivera este premio na súa quinta edición, é poeta e artista plástico. A súa obra poética compóñena unha vintena de libros, entre os que detacan, A árbore da cegueira (2002), El sueño del murciélago (2003), Escura e transparente (2005), Monólogo do calígrafo (2008), Palimpsesto (2009), Palabras para un baleiro (2009), A ferida de comprender (2011), Cartografía do exilio (2014), Cartas dende o esquenzo (2018), Palabras sen ninguén (2019), Porque te quero (2020) ou No interior do abandono (2020). Recibiu os premios Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro, Concello de Carral, María del Villar Berruezo, Arcipreste de Hita, Fiz Vergara Vilariño e ten sido accésit do Premio de Poesía Iberoamericana Víctor Jara e do Premio de Poesía Miguel González Garcés.

A súa obra poética aparece en antoloxías como Enfocarte (ed. Teresa Seara, 2002), Poetas en blanco y negro (ed. Amalia Iglesias Senra, Madrid, 2006),Veinte puntos de fuga (ed. Teresa Seara, Caracas, 2011), Antoloxía de referencia (ed. Carlos Arias-Mariña Pérez Rei, Santiago, 2012), Novas de poesía. 17 poetas (ed. Ana Gorría, Lugo, 2013) ou Migrant Shores, (ed. Manuela Palacios, Salmon Poetry, County Clare-Ireland, 2017).

A súa obra plástica ten sido exposta individualmente en diferentes galerías, museos e feiras de arte de todo Estado.

Sara Plaza Moreno, nada en Bustarviejo (comunidade de Madrid) en 1972, é unha escritora, tradutora e ilustradora española en lingua galega. Entrou en contacto coa lingua galega a través de xornais dixitais, programas culturais da TVG e portais na rede. Participou nos cursos de verán de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”, organizados polo Instituto da Lingua Galega da USC e a Real Academia Galega. En 2019 instalouse en Lugo e matriculouse na USC no Mestrado en Dirección de Actividades Educativas da Natureza. En 2020 gañou a XXXIII edición do premio de poesía Pérez Parallé coa obra Todos os pasos fan ruído.

O acto de entrega do premio, así como a presentación da obra gañadora na pasada edición, Especies invasoras, de Branca Trigo, terá lugar o venres 5 de xuño na Casa da Cultura.

O Concello de Carral convoca unha nova edición do seu certame de poesía, un dos máis prestixiosos da literatura galega.

A obra gañadora será publicada en Edicións Espiral Maior e o seu autor ou autora recibirá un premio económico de 3.500 €. Os poemarios deberán estar escritos en galego, deberán ser orixinais e inéditos e ter unha unha extensión mínima de 500 versos.

O prazo límite para presentar as obras é o 20 de marzo de 2026. O xuri tomará a decisión da obra gañadora no mes de maio e o acto de entrega do premio, que ademais é o de presentación do libro Especies invasoras de Branca Trigo, que foi a vencedora na edición do pasado ano, será o venres 5 de xuño, no que será obrigatoria a presenza da persoa gañadora.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia colabora no desenvolvemento do concurso.

As dúbídas pódense consultar en cultura@carral.es ou no teléno 981 672 580. As bases están dispoñibles premendo neste vencello.

O Concello de Carral vén de anunciar a obra gañadora da 28ª edición do seu Premio de Poesía: Especies invasoras, autoría da viguesa Branca Trigo Cabaleiro. O certame contou nesta edición cunha participación récord de 100 obras, consolidándose así como un dos principais referentes da poesía en lingua galega.

O xurado, presidido polo alcalde Javier Gestal e co técnico de cultura Carlos Lorenzo como secretario, estivo composto tamén por destacadas figuras do ámbito literario galego; Silvia Penas, gañadora da edición de 2024: Armando Requeixo, crítico e investigador literario; e Antía Marante, poeta, tradutora e docente. Tras a avaliación de todas as obras presentadas, o xurado decidiu por unanimidade outorgar o premio a Especies invasoras, presentada baixo o lema Magma.

A obra gañadora foi eloxiada polo xurado como “un libro de poemas que explora de xeito radical a identidade, o desarraigo e a violencia estrutural”, facendo emprego da metáfora da invasión biolóxica para abordar temas como o corpo, a casa e a memoria. Destacouse a súa estrutura fractal, a forza imaxinativa e a capacidade para fundir o íntimo e o colectivo nunha linguaxe poética profundamente innovadora e transgresora.

O premio está dotado con 3.500 euros e a publicación da obra por parte da editorial Espiral Maior. A entrega oficial do galardón terá lugar o venres 30 de maio na Casa da Cultura de Carral, nun acto no que tamén se presentará o libro A pel do exilio de Silvia Penas, gañador da edición anterior.

O Premio de Poesía Concello de Carral conta coa colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Cultura. Ademais, o certame vén de recibir o terceiro premio “Rodolfo Prada á xestión cultural” outorgado pola Deputación de Ourense, recoñecendo así a súa traxectoria e impacto no panorama cultural galego.

Branca Trigo, voz transgresora da poesía galega actual

Branca Trigo Cabaleiro (Vigo, 1997) é poeta, editora e dinamizadora cultural. Codirixe Edicións Malafera, onde publicou os libros Coñecemento do Medo e trans0, así como varios fanzines. É tamén autora do poemario Condolore e participou en diversas publicacións colectivas como Alguén nos lembrará ou Gótico Urbano. Traballa na intersección entre poesía e outras artes a través de proxectos como Poetry Sniping: Simulacro, xunto a Pablo Rodríguez, ou accións en directo coa pintura de Ramón Trigo.

Tamén organiza o micro aberto Cerimonia de Gaivotas e coordina obradoiros de creación en distintos espazos culturais e educativos. Actualmente realiza a súa tese de doutoramento na Universidade de Vigo, centrada na monstrosidade queer dentro da poesía galega contemporánea.