Tag Archive for: festas

O Concello de Carral terá aberto do 2 de setembro ao 1 de outubro o prazo para presentar solicitudes de axudas ao abeiro da convocatoria de subvencións a entidades sen ánimo de lucro do Concello de Carral para a promoción da cultura e o deporte e actividades medioambientais 2026.

O obxecto desta convocatoria é a promoción e impulso de actividades culturais e as festas parroquiais, coa finalidade, no ámbito cultural, de fomentar un uso activo e creativo do lecer, contribuír á conciliación da vida familiar, fomentar as tradicións e o patrimonio cultural local, promover a difusión e a posta en valor de todas as manifestacións da cultura popular galega. No ámbito do medio ambiente o obxecto é a protección, concienciación e divulgación ambiental a través do fomento da participación no medio ambiente, colaborar con actividades medioambientais no ámbito educativo, fomentar a participación da mocidade na dinámica medioambiental, fomentar a reforestación con árbores autóctonas e o coidado e mantemento dos terreos cedidos en custodia polo Concello de Carral. E no ámbito deportivo e físico, o obxectivo é o fomento e a promoción do deporte e a actividade física, en especial no deporte en idade escolar e no ámbito feminino.

O Concello de Carral destina a estas subvencións un total de 40.400 €.

As axudas deberanse solicitar a través da Sede Electrónica do Concello de Carral, onde as entidades atoparán toda a información da convocatoria e os formularios para a tramitación.

Os departamentos de Medio Ambiente (Casa do Concello), Cultura e Deportes (Casa da Cultura) están a disposición das asociacións e clubs para atender dúbidas e axudar coa tramitación das solicitudes.