O Concello de Carral, a través da súa Concellería de Cultura, presenta unha nova programación dedicada aos máis pequenos da familia. PAPEQUES ESCENA é unha serie de espectáculos de teatro, música, danza, monicreques e narración oral que terá lugar durante catro venres consecutivos no Local Xente Nova en Tabeaio.
A programación, que comeza o 27 de febreiro, está formada polos espectáculos Comenoites (Os Náufragos Teatro), Canta miña pedra, canta (Charo Pita e Xoán Curiel), Güela güela (Galitoons / Chisco Casteleiro) e O arcón de Noa (Amarelo Cía.).
Esta é unha nova oferta que se pretende fixar no calendario cultural municipal e que é posible grazas ao programa Dinamiz-ARTj do Instituto de la Transición Justa O.A. a través da Fundación Ciudad de la Energía-CIUDEN, F.S.P., que para esta primeira edición achega tres dos catro espectáculos. Con este tipo de propostas, a Concellería de Cultura busca facilitar o achegamento dos nenos e nenas a espectáculos escénicos especialmente concibidos para estas idades, a espazos culturais menos frecuentes aprendendo a desfrutar do traballo en vivo e directo de artistas entendendo que o fan en colectividade, o que supón a adquisición de hábitos e comportamentos que enriquecerán o seu desenvolvemento social e educativo.
As datas, horarios e detalles de cada espectáculo pódense consultar premendo neste vencello.



