,

UNS 200 NENOS E NENAS PARTICIPARÁN ESTE VERÁN NOS CAMPAMENTOS DE CONCILIACIÓN DE CARRAL

Carral deu, esta semana, o pistoletazo de saída aos seus campamentos deportivos de verán. Trátase dunha actividade coa que o goberno local busca un dobre obxectivo: por unha banda, promover a conciliación da vida laboral e familiar dos veciños e veciñas durante a época estival e, pola outra, dar a coñecer aos pequenos e pequenas as distintas modalidades deportivas que se practican no municipio. Ao longo das dez semanas de duración do programa, tomarán parte nas actividades preto de 200 nenos e nenas.

As propostas levaranse a cabo nas instalacións do CEIP Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel e no pavillón deportivo. Ademais das iniciativas que celebrarán nestas dependencias, os e as participantes gozarán tamén de visitas ás distintas instalacións deportivas municipais, así como a espazos naturais do concello, saídas á praia e excursións a diferentes recintos culturais e deportivos de concellos limítrofes.

Os campamentos deportivos realizaranse en diferentes quendas, prolongándose ata o 29 de agosto. Máis aló das propias actividades, o Concello ofreceu ás familias solicitantes a posibilidade de dispor dos servizos de madrugadores e comedor, garantindo así un maior horario de atención para os cativos e cativas.

O Concello de Carral resultou beneficiario da subvención solicitada á Consellería de Política Social e Igualdade.

Orde do 3 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (códigos de procedemento SI436A, SI435A e SI427B).

Este programa está financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade e polo Ministerio de Igualdade.