Un baile Ceibe é a adaptación coreográfica do espectáculo Ceibe. É unha peza contemporánea reflexo do baile e a música tradicional que investiga a relación entre o xénero e a nosa tradición. Ceibe afonda en como o xénero está presente en diferentes ámbitos, incluíndo unha manifestación cultural tan importante como o baile tradicional. Ceibe trata de entender que é o xénero para nós como individuos, como colectivo e tamén como sociedade.  Reflexiona sobre as categorías de xénero e os seus estereotipos impostos socialmente para establecer distancia coa normatividade e arrastrala cara as marxes para, desde aí,  construír novas formas de entender o corpo e o movemento.

Dirección artística: Fran Sieira e Sergio R. Suárez
Bailadoras e bailadores: André Adrio, Fran Sieira, María Montero e Patricia Sánchez
Música orixinal: MounQup (Camille Hedouin) / Carlos Quintá
Vestiario: Érica Oubiña

Duración aproximada: 25 mints.

Claudia Abril (voz e percusións) e Marina Carpente (violín e voz) integran este proxecto no que melodías tradicionais galegas e ibéricas son adaptadas a sonoridades actuais con certa intimidade, personalidade e frescura. Abril é unha proposta de folk contemporáneo na que instrumentos de música tradicional como a pandeireta, o pandeiro ou o violín folk dan lugar a un coidadísimo repertorio que contribúe a poñer en valor a música tradicional galega sen deixar de lado a modernidade. Abril é tradición renovada; sons de raíz en harmonía co presente. Un microcosmos folclórico no que as identidades converxen e crean comunidade.

Claudia Abril: voz, pandeireta

Marina Carpente: violín folk

Duración aproximada: 60 mints.

Analepsis é un espectáculo de danza e circo, unha escena retrospectiva que plantexa unha historia de acción e reacción entre o corpo e o obxecto, sometendo o corpo a experiencias acrobáticas e de funambulismo dirixidas polo obxecto. Corpo e obxecto son o eixe principal dunha peza que actúa en ambas direccións, que vai do corpo ao obxecto, e do obxecto ao corpo. A curiosidade, a desconfianza e a manipulación son os elementos utilizados para ir conectando varios momentos do discurso e trasladando a acción ao pasado.

Creación, dirección e interpretación: Paula Quintas

Asistencia coreografia: Victoria P. Miranda

Duración aproximada: 15 mints.

SeKadra é un dúo galego-brasileiro formado a principios de 2022.  A partir da música tradicional galega e das influencias da tradición escandinava, jazz, flamenca e brasileira, a súa música é unha fusión exquisita e poderosa de fermosas melodías, ritmos complexos e pegadizos, así como de sutís achegamentos á electrónica. Todas estas influencias conviven integradas e enmarcadas dentro dunha interacción orgánica apoiada no puro pracer de tocar música xuntos. A súa curta pero non menos intensa traxectoria levou a SeKadra a varios escenarios, salas e teatros de España, así como á participación no festival alternativo de recente creación “Sons D’Ardora”. Levan tocando, gravando e/ou compartindo escenario como compañeiros músicos de artistas de renome internacional como Dulce Pontes, Archie Lee Hooker (sobriño de John Lee Hooker), Abe Rábade, Jorge Pardo, Roxane Butterfly, Nikolai Kemeny, Layne Redmond, Robin Banerjee (ex-guitarrista de Amy Winehouse), Ana Belén, Alceu Valença, etc.

Arturo Rúa: teclados e sintetizadores

Paulo Silva: batería, percusión e sintetizadores

Duración aproximada: 60 mints.