HORARIO E LUGAR DOS CAMPAMENTOS.

  • As datas nas que se levará a cabo este programa serán durante o período escolar non lectivo das vacacións de Verán: do 23 de xuño ao 29 de agosto de 2025.
  • O horario (luns a venres, excepto festivos) será:
    • Servizo Madrugadores: 7.30 a 10.00 h *
    • Campamentos: 10.00 a 14.00 h (horario obrigatorio dentro do campamento, non podendo nin entregar nin recoller aos nenos/as durante o mesmo salvo excepcións previamente comunicadas.)
    • Servizo de comedor: 14.00 a 16.00 h *
  • *Nota. Nestes servizos contratarase unicamente o coidado e atención dos menores. Os nenos/as que fagan uso destes horarios deberán traer o seu almorzo ou xantar da casa.
  • Este programa se desenrolará no recinto escolar do Colexio Vicente Otero Valcárcel (pavillón polideportivo cuberto, pista polideportiva descuberta, zona axardinada, patio escolar cuberto, comedor escolar, aula psicomotricidade).

 

DESTINATARIOS: Idades e grupos

  • Para nenos/as dende Educación Infantil (dende 3 anos) e toda a Educación Primaria.
  • Para formalizar a inscrición é preciso que o interesado/a non teña débedas co Concello de Carral.
  • Este campamento dividirase en quendas/semanas atendendo ao número de inscritos:
  1. 1ª semana: do 23 ao 27 de xuño (120 prazas)
  2. 2ª semana: do 30 de xuño ao 4 de xullo (120 prazas)
  3. 3ª semana: do 7 ao 11 de xullo (120 prazas)
  4. 4ª semana: do 14 ao 18 de xullo (120 prazas)
  5. 5ª semana: do 21 ao 24 de xullo (90 prazas)
  6. 6ª semana: do 28 de xullo ao 1 de agosto (90 prazas)
  7. 7ª semana: do 4 ao 8 de agosto (90 prazas)
  8. 8ª semana: do 11 ao 14 de agosto (90 prazas)
  • As prazas son limitadas e adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición.
  • O concello fará unha reserva de prazas dun 10% para nenos/as con NEAE, con NEE con autonomía persoal ou en risco de exclusión social,  para participar nas diversas actividades propostas en cada campamento, previa valoración polo equipo técnico municipal competente.
  • Organizaranse os grupos por idades. Estes grupos serán o máis homoxéneos posible (permitíndose unha oscilación de 2 anos), cumprindo sempre a normativa vixente.
  • Os nenos/as poderán facer uso do servizo Madrugadores (7.30‐10.00 h) e Tempo de Xantar (14.00‐16.00 h) para o que deberán traer o seu propio almorzo e xantar da casa (disponse de forno microondas).

PREZOS: Cotas e xeito de pagamento.

  • Segundo o acordo regulador nº 1 do prezos por actividades deportivas, culturais, xuvenís e socio educativas do Concello de Carral (Epígrafe 5: Actividades durante as vacacións escolares e outras actividades), o prezo do campamento urbano será de 30 €/semana, máis 9,25 €/semana polas opcións de madrugadores e tempo de xantar:
  • Os importes aboados NON SE DEVOLVERÁN AGÁS CAUSAS DEBIDAMENTE XUSTIFICADAS.
  • As datas límites para facer os pagos serán:
    • Semanas da 1º á 5ª: pago entre o 11 e 18 de xuño.
    • Semanas da 6º á 10ª: pago entre o 16 e o 23 de xullo.
  • SE O INTERESADO/A NON ABOA A CANTIDADE CORRESPONDENTE ÁS SEMANAS QUE ELIXA DENTRO DO PRAZO MARCADO, PERDERÁ O DEREITO Á PRAZA RECAENDO ESTA NA SEGUINTE PERSOA NA LISTA DE AGARDA.
  • Formas de pago:
    • Mediante transferencia bancaria (ES21 2100 5781 3102 0000 1826), para o cal será IMPRESCINDIBLE enviar o resgardo de ingreso ao mail casadacultura@carral.es.
    • Con Tarxeta bancaria nas dependencias da Casa da Cultura.
  • Condicións de pago: O pago de cada semana elixida deberase realizar nas datas e xeitos indicados.

O Concello de Carral resultou beneficiario da subvención solicitada á Consellería de Política Social e Igualdade.

Orde do 3 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (códigos de procedemento SI436A, SI435A e SI427B).

Este programa está financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade e polo Ministerio de Igualdade.

Os Reis Magos repiten, un ano máis, a súa cita en Carral, ofrecendo un percorrido por distintas parroquias do municipio. As Súas Maxestades chegarán este domingo, 5 de xaneiro, e sairán coa cabalgata, se as condicións meteorolóxicas o permiten, a partir das 15:30 horas para cumprir os desexos dos máis pequenos e pequenas.

Itinerario con horarios aproximados:

O Xalo – 15:30 h – Local Urbanización

Cabrois – 15:45 – Parque

Quembre – 16:00 h – Local Social

Tabeiao – 16:20 – Campo da Festa

Barcia – 16:30 – Local Social

Gosende – 16:50  – Cruce

A Cabra – 17:00 – Cruce

Sergude – 17:15 – Local Social

O Canedo – 17:30 – Local Social

San Vicente – 17:45 – Local Social

As Travesas – 18:00 – Casa Avelina

Cañás – 18:15 – Local Social

Veira – 18:30 – Local Social

Carral – 19:00 e chegada ao pavillón do Espiño

O percorrido polas parroquias estará condicionado á previsión meteorolóxica. No caso de cancelarse daremos aviso a través das canles habituais do Concello.

Tamén, a partir das 18:00 horas, haberá festa infantil, inchables, animación e xogos no pavillón do Espiño para amenizar a chegada das Súas Maxestades, que teñen prevista a entrada no recinto sobre as 19:00 h. Ademais todas as persoas asistentes poderán gozar do tradicional roscón de Reis e chocolate. Toda a rapazada que o desexe poderá levar as súas cartas ao pavillón para entregarllas aos Reis Magos e que atendan os seus desexos.

Carral abre este venres, 7 de xuño ás 9:00 h, o prazo de inscrición nos campamentos de verán, un programa co que o Concello busca favorecer a conciliación entre as familias do municipio. O período de inscrición estará aberto ata o 14 de xuño ás 12:00 h, dándolles aos veciños e veciñas a posibilidade de inscribir aos nenos e nenas nalgunha/s das 9 semanas que se ofertan dende o 1 de xullo ata o 30 de agosto.

Como nas últimas edicións, o Concello mantén o horario ampliado destas actividades. Deste xeito, os pequenos e pequenas poderán ser atendidos entre as 10.00 ata as 14.00 horas xa que, ademais das propias actividades dos campamentos, o Concello ofrece servizos opcionais de Madrugadores (de 7.30 a 10.00 horas) e de tempo de xantar (de 14.00 a 16.00 horas).

Os campamentos, dirixidos a rapaces e rapazas de 3 a 11anos, terán lugar ao longo de todo o verán divididos en quendas semanais (9), tendo preferencia os nenos e nenas empadroados ou matriculados nos centros de ensinanza de Carral:

  • 1ª semana: do 1 ao 5 de xullo (120 prazas)
  • 2ª semana: do 8 ao 12 de xullo (120 prazas)
  • 3ª semana: do 15 ao 19 de xullo (120 prazas)
  • 4ª semana: do 22 ao 26 de xullo (120 prazas)
  • 5ª semana: do 29 de xullo ao 2 de agosto (120 prazas)
  • 6ª semana: do 5 ao 9 de agosto (120 prazas)
  • 7ª semana: do 12 ao 16 de agosto (90 prazas)
  • 8ª semana: do 19 ao 23 de agosto (90 prazas)
  • 9ª semana: do 26 ao 30 de agosto (90 prazas)

O prezo destes campamentos é de 30,00 €/semana, e o prezo polo uso do servizo opcional de madrugadores (7:30-10.00 h)/tempo de xantar (14:00-16:00): 9,25 €/semana.

As inscricións poden tramitarse ata o 14 de xuño. Para facelo, os veciños e veciñas poderán cubrir o boletín de inscrición dispoñible na páxina web do Concello ou, se o prefiren, cumprimentar o formulario online da web municipal. Como noutras convocatorias, as persoas interesadas terán a posibilidade de inscribir aos nenos e nenas por semanas soltas.

Carral abre hoxe, martes 12 de decembro, o prazo de solicitude dos campamentos de Nadal, un programa co que o Concello busca favorecer a conciliación entre as familias do municipio. O período de inscrición estará aberto ata as 14.00 h do 19 de decembro.

Como nas últimas edicións, o Concello mantén o horario ampliado destas actividades. Deste xeito, os pequenos e pequenas poderán ser atendidos entre as 7.30 ata as 16.00 horas xa que, ademais das propias actividades dos campamentos, o Concello ofrece servizos de Mañanceiro (de 7.30 a 10.00 horas) e de Xantar (de 14.00 a 16.00 horas).

Estes campamentos, dirixidos a rapaces e rapazas nados entre os anos 2013 e o 2020, terá unha temática deportiva, con especial atención aos deportes de inverno e as disciplinas locais. Ofertaranse 60 prazas, tendo preferencia os nenos e nenas empadroados ou os que acudan aos centros de ensinanza de Carral.

Para inscribrise, os veciños e veciñas poderán cubrir o boletín de inscrición dispoñible na páxina web do Concello ou, se o prefiren, cumplimentar o formulario online da web municipal.

Form. web
B. inscrición

Rematado o prazo de inscrición nos cursos de pádel do mes de agosto, fanse públicas as LISTAS DE ADMITIDOS – HORARIOS E GRUPOS

INFORMACIÓN DOS CURSOS DE PÁDEL:

Datas e horario: do 1 ao 31 de agosto / (Gr.1. martes/xoves de 19:30 a 20:30 h // Gr2. martes/xoves de 20.30 a 21.30 h)

Lugar: Complexo Deportivo de Carral
Destinatarios: A partir de 6 anos (preferencia empadroados/as).
Prezo: 22 € curso completo
Publicación das listas de admitidos: 27 de xullo.

Prazo de pago: entre o 27e 31 de xullo (ata ás 14:00 h). Se o interesado non fixera o pago nas datas sinaladas, perderá a praza en favor do primeiro inscrito en lista de espera se a houbese.

Máis info no Complexo Deportivo (678.33.88.47) ou en complexo.deportivo@carral.es

Rematado o prazo de inscrición nos cursos de ioga do mes de agosto, fanse públicas as LISTAS DE ADMITIDOS – HORARIOS E GRUPOS

INFORMACIÓN SOBRE OS CURSO DE IOGA:

Datas e horario: do 1 ao 31 de agosto. (Gr.1=> martes/xoves de 18:30 a 19:30 h // Gr.2=> martes/xoves de 19:30 a 20:30 h) Lugar: Complexo Deportivo de Carral (Sala de actividades)
Destinatarios: A partir de 14 anos (preferencia empadroados/as ou matriculados na actividade durante o curso 2022-2023).
Prezo: 14 € todo o mes
Observacións para a inscrición:

Prazas limitadas / adxudicaranse por orde de inscrición

Publicación das listas de admitidos: 27 de xullo.

Prazo de pago: entre o 27e 31 de xullo (ata ás 14:00 h). Se o interesado non fixera o pago nas datas sinaladas, perderá a praza en favor do primeiro inscrito en lista de espera se a houbese.

Máis info no Complexo Deportivo (678.33.88.47) ou en complexo.deportivo@carral.es

Folleto Escolas 22-23     BOLETÍN DE INSCRICIÓN

O Concello abrirá mañá, luns, 5 de setembro, o prazo de inscrición para as súas Escolas Municipais, ofrecendo unhas 40 actividades. Nesta edición, o programa inclúe propostas deportivas, culturais, educativas, de Servizos Sociais e algunhas organizadas polas asociacións e clubs do municipio. Desde o goberno local sinalan que se trata dunha oferta “completa e que conta con iniciativas para os veciños e veciñas de todas as idades coa que se busca, entre outros obxectivos, promover a conciliación da vida laboral e familiar”.

Como novidade con respecto a outros anos, o Concello inclúe, nesta ocasión, as diversas iniciativas culturais e deportivas que levan a cabo as entidades do municipio. Con isto conséguese, non só ampliar o listado de actividades, senón tamén pór en valor e impulsar o labor que realiza o tecido asociativo de Carral. A maiores, por primeira vez, o centro de formación Antón Fraguas acollerá a Escola Municipal de Música, con clases para aprender a tocar os seguintes instrumentos: piano, guitarra, batería, baixo, contrabaixo, violonchelo, violín, frauta, clarinete, trompeta e saxo.

A convocatoria incorpora as seguintes actividades:

  • Atletismo escolar: para nenos e nenas a partir de 4 anos
  • Ximnasia rítmica escolar: para nados no 2018 e anteriores
  • Patinaxe escolar: a partir dos 4 anos
  • Judo: a partir dos 4 anos
  • Judo (Tabeaio): a partir dos 4 anos e tamén para adultos
  • Baloncesto: a partir dos 6 anos
  • Tiro con arco: a partir de 6 anos e para adultos
  • Equitación: a partir de 7 anos e para adultos
  • Pádel: a partir de 8 anos
  • Tiro Olímpico: a partir de 8 anos e para adultos
  • Zumba: a partir de 12 anos
  • Ioga: a partir de 14 anos
  • Jumping fítness: a partir de 14 anos
  • Teares e tapices
  • Obradoiros culturais
  • Actividades escolares: servizo de madrugadores e concilia día a día, robótica, debuxo e pintura, fun english, música e movemento, baile moderno, informática, cociña divertida e ciencia divertida.
  • Escola municipal de música
  • Ximnasia de mantemento en Carral
  • Ximnasia de mantemento nas parroquias
  • Fútbol sala e balonmán coa U.D. Carral
  • Bailes latinos, cociña e repostería, costura para principiantes e calceta e gancho coa asociación de Mulleres Rurais.
  • Baile tradicional e pandeireta e teatro coa AA.VV. O Rueiro de Tabeaio.
  • Escola de música da man da asociación Cultura Aberta de Carral.

As persoas interesadas deberán presentar a solicitude cuberta e asinada, preferiblemente, de xeito telemático a través do correo casadacultura@carral.es ou da sede electrónica carral.es. Así mesmo, poderanse presentar de xeito presencial na Casa da Cultura ou no Complexo Deportivo. O prazo de solicitude estará aberto desde mañá, 5 de setembro ás 9.00 horas, ata o día 23. As actividades comezarán na primeira semana de outubro.

Fanse públicas as listaxes de admitidos e reservas no ENGLISH SPORT CAMP (18 de xullo – 5 de agosto)
Read more

O vindeiro venres 4 de setembro de 2026 non se poderá levar a cabo a feira municipal de alimentación, roupa e variedades. O motivo desta suspensión temporal é a coincidencia de datas coas Festas Patronais, cuxo despregue loxístico inclúe a instalación de atraccións de feira, escenarios e postos festivos nos mesmos espazos urbanos onde se asentan os comerciantes do mercado semanal.

A decisión responde estritamente a criterios de seguridade, accesibilidade e operatividade. A realización de dúas actividades de tanta afluencia no mesmo recinto non só saturaría o espazo dispoñible, senón que bloquearía os accesos peonís e rodados, impedindo a normal circulación.

A prioridade municipal nestas datas de gran concorrencia é asegurar que os festexos se desenvolvan nun contorno seguro e cómodo para toda a poboación e os visitantes.

Decreto da Alcaldía nesta ligazón.

Publicadas dende o departamento de Educación as listaxes de admitidas no programa de madrugadores. Servizo de 7.20 a  9.20 horas para poder conciliar desde o primeiro día de escola neste curso 2026/2027 no CEIPP Vicente Otero Valcarcel. 

Na seguinte ligazón da sede electrónica de Carral podes ver si a túa filla ou fillo está admitida/o no primeiro prazo de inscrición.

Dende o Servizo municipal de educación do Concello de Carral desexamos un inicio de curso fantástico!!

Preme aquí para consultar a listaxe

O Concello de Carral terá aberto do 2 de setembro ao 1 de outubro o prazo para presentar solicitudes de axudas ao abeiro da convocatoria de subvencións a entidades sen ánimo de lucro do Concello de Carral para a promoción da cultura e o deporte e actividades medioambientais 2026.

O obxecto desta convocatoria é a promoción e impulso de actividades culturais e as festas parroquiais, coa finalidade, no ámbito cultural, de fomentar un uso activo e creativo do lecer, contribuír á conciliación da vida familiar, fomentar as tradicións e o patrimonio cultural local, promover a difusión e a posta en valor de todas as manifestacións da cultura popular galega. No ámbito do medio ambiente o obxecto é a protección, concienciación e divulgación ambiental a través do fomento da participación no medio ambiente, colaborar con actividades medioambientais no ámbito educativo, fomentar a participación da mocidade na dinámica medioambiental, fomentar a reforestación con árbores autóctonas e o coidado e mantemento dos terreos cedidos en custodia polo Concello de Carral. E no ámbito deportivo e físico, o obxectivo é o fomento e a promoción do deporte e a actividade física, en especial no deporte en idade escolar e no ámbito feminino.

O Concello de Carral destina a estas subvencións un total de 40.400 €.

As axudas deberanse solicitar a través da Sede Electrónica do Concello de Carral, onde as entidades atoparán toda a información da convocatoria e os formularios para a tramitación.

Os departamentos de Medio Ambiente (Casa do Concello), Cultura e Deportes (Casa da Cultura) están a disposición das asociacións e clubs para atender dúbidas e axudar coa tramitación das solicitudes.

Carral dispoñerá, proximamente, dunhas instalacións deportivas de “primeiro nivel”. Así o confirman tanto o alcalde, José Luis Fernández Mouriño, como o concelleiro de Deportes, Óscar Bodelo, avanzando a intención do Concello por renovar o equipamento do Complexo Deportivo. Para logralo, destinaranse 124.938,91 euros financiados con cargo ao remanente de tesourería. Esta actuación supoñerá o último paso dun proxecto de modernización que permitirá ofrecer unhas instalacións máis completas, modernas e adaptadas ao crecente número de usuarios e usuarias.

O concelleiro de Deportes destaca que o investimento permitirá a Carral “dispoñer dunhas instalacións para a práctica deportiva á altura do crecente interese existente en Carral e, sobre todo, do elevado número de usuarios e usuarias do Complexo”.

A actuación responde á necesidade de renovar unha maquinaria que presentaba un importante desgaste tras anos de uso intensivo. A contía destinarase para dotar o ximnasio de novas cintas de correr, bicicletas estáticas e de ciclo indoor, máquinas elípticas, remos, prensas, bancos de musculación, unha estación multifunción, equipamento de peso libre e material para adestramento funcional.

A compra do equipamento levarase a cabo despois de que o Concello aprobase en xullo unha modificación de crédito para dedicar uns 800.000 euros do remanente de tesourería a diferentes investimentos estratéxicos, entre elas a mellora do Complexo Deportivo.

Broche final

A adquisición do equipamento poñerá o broche a un ambicioso proxecto de renovación concluído en xullo. Os traballos supuxeron a ampliación do ximnasio en preto de 100 metros cadrados, a creación dunha nova sala para actividades dirixidas de 150 metros cadrados e a reorganización dos espazos para optimizar a súa funcionalidade. Así mesmo, renovouse integramente o sistema de iluminación mediante tecnoloxía LED, executáronse traballos de pintura e instalación de nova sinalización e vinilos e mellorouse a imaxe xeral do recinto.

O campo de fútbol Borja Rodríguez Ans do polígono dos Capelos terá novas bancadas. Así o confirma o alcalde, José Luis Fernández Mouriño, despois de que a Xunta de Galicia publicase a listaxe de entidades beneficiarias das axudas do Fondo de Cooperación Local (FCL), entre as que se atopa o Concello de Carral. O rexedor lembra que a construción destas bancadas foi un dos “obxectivos prioritarios que me marquei cando accedín á Alcaldía e, agora, con esta axuda imos resolver unha demanda histórica dos usuarios e usuarias da instalación”.

A execución das bancadas suporá un investimento duns 858.885,54 euros. Do total, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes achegará 429.000 euros, mentres que a contía restante procederá de fondos municipais.

Na actualidade, o campo de fútbol dispón unicamente dun espazo cuberto, situado no lateral dos vestiarios, con capacidade para 30 persoas. Porén, esta dotación resulta insuficiente para atender a actividade que rexistra a instalación, con máis de 400 usuarios e usuarias semanais entre actividades federadas e de afeccionados. A actuación permitirá corrixir esta carencia mediante a disposición dunha nova bancada cuberta con capacidade para 300 espectadores, completando así a oferta de servizos do recinto deportivo.

Reformulación

Fernández Mouriño lembra que o anterior goberno local xa solicitara unha subvención ao organismo autonómico para acometer estas actuacións que foi finalmente denegada en setembro, pouco despois de que Fernández Mouriño recuperase a Alcaldía. A partir dese momento, o goberno local centrou os seus esforzos en revisar e reformular a documentación co obxectivo de emendar as deficiencias e retomar o proxecto.

En outubro, Fernández Mouriño e o concelleiro de Deportes, Óscar Bodelo, mantiveron unha reunión co secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, ante quen presentaron o proxecto reformulado. Finalmente, a construción das gradas financiarase, en boa medida, a través do Fondo de Cooperación Local (FCL).

O Concello de Carral, a través da Concellería de Deportes, celebrará o vindeiro domingo, 23 de agosto, a VII Festa da Auga, unha das citas máis esperadas do verán, que volverá converter as piscinas municipais nun gran espazo de lecer para nenos, nenas e familias.

A actividade desenvolverase entre as 16:00 e as 20:00 horas e ofrecerá unha completa programación de xogos e diversión acuática pensada para todos os públicos. Nesta sétima edición instalaranse dous hinchables acuáticos, entre eles un gran tobogán de auga, ademais dun hinchable específico para os máis pequenos, tamén acuático. A xornada completarase cunha Festa da Auga e unha Festa da Espuma.

Esta iniciativa ten como principal obxectivo promocionar o uso das instalacións deportivas municipais durante a tempada estival, fomentar hábitos de ocio saudable e ofrecer unha proposta lúdica para desfrutar en familia, converténdose tamén nunha ocasión especial para despedir o verán antes do remate da tempada das piscinas.

As persoas abonadas ás instalacións deportivas municipais poderán acceder gratuitamente á actividade. O resto de usuarios e usuarias poderá participar mediante o pagamento da entrada habitual da piscina, sen ningún custo adicional.

Co obxectivo de garantir a máxima seguridade, os hinchables estarán supervisados en todo momento por monitores especializados neste tipo de instalacións. Ademais, o recinto contará coa presenza permanente dunha ambulancia con dous técnicos sanitarios e reforzarase o servizo de socorrismo durante toda a actividade para ofrecer unha resposta inmediata ante calquera incidencia.

O Concello de Carral anima á veciñanza a participar nesta sétima edición da Festa da Auga, unha actividade xa consolidada no calendario estival municipal que combina diversión, convivencia e seguridade nun ambiente pensado para toda a familia.

A LI Festa da Empanada de Carral e do Folclore Galego xa ten data: será o xoves, 3 de setembro, a partir das 18.30 horas. Así o confirma a concelleira de Cultura, Turismo e Comercio, Isabel López, avanzando que a cita servirá “non só para enxalzar un dos produtos estrela e que mellor fala da nosa gastronomía local, senón tamén para dar a coñecer o talento de varias agrupacións de música tradicional”.

A partir das 18.30 horas, as persoas asistentes poderán degustar as diferentes variedades de empanada elaboradas por Panadería Mercedes, Panadería Pedro Fernández e Panadería Carral Rosmar. A oferta incluirá desde recheos clásicos, como atún e bacallau, ata propostas como polo, polbo e zamburiñas, entre outras.

A gastronomía compartirá protagonismo coa música tradicional durante toda a tarde. Entre as 18.30 e as 20.30 horas, catro agrupacións ofrecerán diferentes actuacións no Campo da Feira.

O programa arrancará ás 18.30 horas con O Rueiro de Tabeaio. Ás 19.00 horas será a quenda das Cantareiras das Encrobas, mentres que Xodó actuará ás 19.45 horas. O Grupo de Música Tradicional Arnela será o encargado de pechar as actuacións ás 20.30 horas.

Deste xeito, a LI Festa da Empanada preséntase como unha proposta que combina gastronomía, música e tradición, co obxectivo de manter viva unha celebración xa consolidada no calendario cultural de Carral e reivindicar tanto a gastronomía local como o patrimonio musical galego.

A celebración está organizada polo Concello de Carral, en colaboración coa Deputación da Coruña, Aceites Abril e Estrella Galicia.

O Concello continúa avanzando para mellorar as dependencias educativas do municipio. Trátase dun compromiso que quedou referendado, esta semana, co inicio de dous proxectos: as obras na Galiña Azul e o proxecto para substituír a carpintaría exterior e acondicionar o interior do CEIP de Tabeaio. Este último arrincou nos últimos días e permitirá dar resposta “ás demandas que a comunidade educativa leva tempo trasladando”, tal e como sinalaron o concelleiro de Obras, Óscar Bodelo, e a concelleira de Educación, Cristina Casal, durante unha visita ao colexio para comprobar o inicio destes labores. Os traballos suporán, non só unha mellora das instalacións en si, senón que tamén contribuirán a incrementar a eficiencia enerxética do edificio e a garantir un maior confort para o alumnado e o profesorado.

Para lograr estes obxectivos, o Concello renovará la carpintaría exterior que, na actualidade, é de aluminio sen rotura de ponte térmica, constando dun acristalamento sinxelo e caixón de persiana de madeira. A maiores, substituiranse as portas e executarase un falso teito novo a base de ferros de cartón xeso con illamento de la de roca. As intervencións incluirán, ademais, a instalación da nova iluminación.

As actuacións, que contan cun prazo de execución dun mes, puxéronse en marcha en agosto para evitar interferencias na actividade lectiva do centro. O proxecto execútase cun orzamento de 41.135,60 euros con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña.

Concello de Carral e a Unión Deportiva Carral, celebrarán o vindeiro sábado, 8 de agosto, a V edición do Torneo de Fútbol de Verán, unha cita xa consolidada no calendario deportivo municipal de verán que reunirá no Campo do Castro, a partir das 18:00 horas, a dous equipos referentes do fútbol Coruñés.

Nesta quinta edición enfrontaranse a U.D. Carral e o Atlético Coruña F.C., nun encontro que permitirá gozar dunha tarde de deporte, convivencia e promoción dos valores asociados ao fútbol.

Desde o Concello de Carral quérese poñer en valor o labor desenvolvido pola U.D. Carral na promoción do deporte e agradecer a implicación de todas as persoas que fan posible a celebración deste evento, así como a colaboración da Deputación da Coruña, entidade que apoia esta iniciativa.

O Concello anima á veciñanza e aos afeccionados ao fútbol a asistir ao Campo do Castro para desfrutar dunha xornada deportiva que volverá converter Carral nun punto de encontro para o fútbol de verán.     

O alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, visitou esta mañá, xunto ao xerente do Consorcio Galego de Servizos e Igualdade, Perfecto Rodríguez, a escola infantil pública A Galiña Azul con motivo do inicio das obras de mellora que se executarán no centro. Ao encontro asistiron tamén as concelleiras Isabel López, Cristina Casal e o edil Óscar Bodelo. As actuacións, financiadas cunha axuda da Xunta de Galicia de preto de 30.000 euros, permitirán construír un novo almacén exterior para o almacenamento de xoguetes e outros materiais. Ademais, cubrirase o patio exterior, conectando a cuberta xa existente con este novo espazo, o que permitirá ampliar a superficie de uso do alumnado e mellorar a funcionalidade das instalacións.


O primeiro edil subliñou a importancia destes traballos, indicando que son froito “da colaboración entre ambas as as institucións e que redundarán no beneficio de toda a comunidade educativa”. Así mesmo, aproveitou a ocasión para agradecer a implicación da Xunta de Galicia e, en particular, da conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García Martínez, e do xerente do Consorcio Galego de Servizos e Igualdade, Perfecto Rodríguez, para “atender as peticións que lles trasladamos desde o Concello”.

As melloras que se executarán no centro enmárcanse nun programa de actuacións dirixido a escolas infantís públicas de titularidade municipal e autonómica de toda Galicia. No caso de Carral, as obras contarán cunha axuda de 30.000 euros. O alcalde destacou que este financiamento é “esencial para continuar mellorando as infraestruturas educativas do municipio, especialmente tendo en conta o crecemento que está a experimentar Carral coa chegada constante de máis familias con nenos e nenas en idade escolar”.