PAPEQUES ESCENA 2026
27 de febreiro, 6, 13 e 20 de marzo
Local Xente Nova – Tabeaio
Entrada de balde a todas as funcións. Localidades limitadas.
IMPORTANTE:
- É necesario respectar as idades recomendadas.
- As nenas e nenos deberán acudir sempre acompañados dun adulto que deberá atender o bo desfrute e comportamento.
- Prégase puntualidade. Nos espectáculos non se permitirá o acceso unha vez iniciada a función.
- Aínda que sexan actividades para o especial goce da infancia, é responsabilidade dos adultos acompañantes vixiar que se manteña a conduta correcta e respectuosa co resto do público e cos artistas.
- Os espectáculos están pensados para desfrutalos en familia. Por iso recomendamos aos adultos que tamén estean atentos para que sexa unha experiencia compartida.
- É necesario desactivar sons e luces dos teléfonos móbiles para non distraer aos artistas e ao resto do público.
- E sobre todo, acompañádenos a pasar en familia un tempo de entretemento de calidade.
COMENOITES
Os Náufragos Teatro
(teatro e monicreques)
Venres 27 de febreiro, 18:00 h.
Idades: para maiores de 2 anos
Duración: 35 mints.
Sinopse: Comenoites é unha bonita historia coa que os nenos e as nenas descubrirán o segredo de por que existen o día e a noite. Comenoites é un trasgo regordete que come todo tipo de noites para que o Sol poida saír cada día, traendo luz, calor e cor para todos. Unha noite a súa amiga a Lúa coméntalle que se está a poñer gordinflón e Comenoites deixa de comer. Nunca volverá a saír o Sol! Tan só unha estrela pode abrirlle novamente o apetito. Ti tes unha estrela? Volverá saír o Sol?
CANTA MIÑA PEDRA, CANTA
Charo Pita e Xoán Curiel
(teatro, música e narración oral)
Venres 6 de marzo, 18:00 h.
Idades: para maiores de 5 anos
Duración: 60 mints.
Sinopse: Dous etnógrafos atópanse nunha estación de tren; diríxense á capital a dar unha conferencia acerca dun autor chamado Antonio Fraguas. Namentres agardan a chegada do tren contarán contos e cantarán cantigas e descubriran o mundo deste recoñecido autor. As cancións que se atopan no espectáculo recollen a súa biografía e tamén aparecen no mesmo contos e cantigas populares recollidas polo escritor e narradas polo pobo ao longo dos séculos. O obxectivo deste espectáculo non é só que o público asistente coñeza dito patrimonio da forma máis divertida, senón tamén que desfrute participando dos contos e cantigas nesta comedia teatral infantil e familiar.
GÜELA GÜELA
Chisco Casteleiro (Galitoons)
(monicreques)
Venres 13 de marzo, 18:00 h.
Idades recomendadas: de 1 a 6 anos
Duración: 60 mints.
Sinopse: Desde sempre, a misión das cegoñas foi o de levar os bebés recentemente nados aos brazos dos seus papás, voando sempre en grupos ou bandadas. Para iso, foron dotadas duns picos longos e fortes, unhas ás grandes e poderosas e unha forma de voar elegante e firme que lles fai poder percorrer grandes distancias ata chegar aos seus destinos.
Pero un día, Güily, unha pequena cegoña, decidiu que xa era maior para levar un bebé aos seus papás e incorporarse a unha das bandadas de repartición, o cal, ao ter o pico curto, as ás pequenas, pero sobre todo, ao ser aínda pequeno e non poder seguir o ritmo de voo, a negativa da comunidade das cegoñas foi unánime. Aínda que un día, sen saber moi ben como, as cegoñas adultas esquecéronse un bebé moi peculiar. Que pasará a partir de aquí?, Quen levará a ese bebé ata os seus pais?… Aquí comeza a gran aventura e unha historia cargada de diversión, humor e música, que realza a importancia da amizade, a solidariedade e a familia, pero sobre todo, de “voar” sempre en grupo e nunca só, para protexernos dos perigos que nos podemos atopar.
O ARCÓN DE NOA
Amarelo Cía.
(danza e teatro)
Venres 20 de marzo, 18:00 h.
Idades: para maiores de 3 anos
Duración: 40 mints.
Sinopse: Noa é unha nena que vive coa súa nai nunha casa apartada e non ten con quen xogar. No seu arcón garda os xoguetes que xa non a entreteñen. Todo parece vello e apagado no seu mundo solitario. Pero un día, sen decatarse, activa un encantamento e entra no mundo máxico que habita no arcón, onde os xoguetes cobran vida e un ser misterioso goberna sobre eles.
Os espectáculos “Comenoites”, “Canta miña pedra, canta” e “Güela güela” ofrécense grazas ao programa Dinamiz-ARTj do Instituto de la Transición Justa O.A. a través da Fundación Ciudad de la Energía-CIUDEN, F.S.P co obxectivo de ofrecer propostas culturais en municipios afectados polo peche de instalacións en territorios de Transición Xusta.







