Escudo Heráldico

Precisamente a historia do concello marca o deseño do escudo, que foi aprobado pola Xunta de Galicia en 1989, sobre a base do estudo e deseño de Pedro Carro Carro, e deseño gráfico de Luis Teixeiro. O escudo está coroado cunha Coroa Real española, un privilexio co que conta Carral grazas ó outorgamento da Carta de Puebla Real feita polos Reis Católicos en 1497. A Fernando III débeselle, ademáis do ditado de LEALTADE, o privilexio de lucir a bordadura de gules coas oito aspas de ouro, unha por cada parroquia do municipio.

O campo do escudo é azul para manter a semellanza co escudo de Galicia. Preséntase unha torre, dúas cunchas ou vieiras de Santiago, e cinco roeis. As vieiras de Santiago eran as primitivas armas dos carraleses; os roeis representan a castros de Ameás, Balbén, Eira dos Mouros, Gosende e Paiolante, que rodean a torre, para protexela, ó igual que aconteceu, ó longo da historia; e a torre representa os pazos mais importantes do concello que acolleron importantes familias na historia de Galicia.

Castro As Travesas

Castro

A colonización das zonas altas por parte do home, fai que Carral xa acollera na prehistoria dolmens, medoñas, mámoas e outro tipo de construcións. Así no Xalo e en Paleo atópase este tipo de restos dos nosos antergos máis primitivos. Nestas zonas téñense encontrado ademais diversos utensilios cotiáns (machados, puntas de frecha, elementos de cociña, muíños…).

No que se refire a castro, Carral contou tamén cun importante número. Entre eles podemos mencionar os de Paleo, Tabeaio, Paiolante, Gosende, Balbén, Ameás, Herves e o das Travesas.

O castro das Travesas, coñecido tamén na parroquia de Beira como a Era dos Mouros, representa un dos elementos históricos de maior relevancia no municipio. Se ben a instalación nas súas inmediacións da central de distribución de Rede Eléctrica de España puido supoñer a destrución deste castro, hai que recoñecer que a súa conservación é bastante boa.

O Concello de Carral emprende no 2006 un proceso de estudo e posta en valor deste poboado, que ocupa unha superficie total de seis hectáreas, o que o converte nun dos de maior tamaño de Galicia. Coas primeiras intervencións de limpeza da vexetación que lle invadía, xa se puido comprobar en maior medida a importancia que tiña o territorio, vencellada a súa presenza nunha importante vía de comunicación como é o actual Camiño Inglés de Santiago. Tamén esa primeira intervención permitiu observar con claridade as diversas partes deste castro. Consta de croa, antecastro e varias grandes plataformas que o envolven.

Xa coa escavación emprendida no ano 2007 se pode obter información mais precisa. O Castro de As Travesas non é un castro de casas de pedra, senón que as vivendas dos castreños que o habitaron estaban fabricadas con entrenzados de palla e barro soportados por postes de madeira. Este tipo de construción encóntrase no asubío de cróa, no antecastro, na ampliación frontal e nunha plataforma lateral. Estamos a facer referencia ó século II a.C e parece demostrarse que o das Travesas supuxo un castro dominante na zona, tendo a outros castros de menor tamaño como poboados subordinados.

Actualmente podemos ver de cerca os elementos atopados neste castro na Colección Visitable ubicada na Casa da Cultura r/Paleo, nº 17, na que podemos ver elementos como un tesouro, pezas de cerámica…

Fontes medicinais

Debemos facer mención a tres fontes ou mananciais que contaron con moita fama na bisbarra, dada a bondade das súas augas, aínda que hoxe xa non se conserva en ningunha delas a infraestrutura necesaria para recoller as augas con facilidade. Lendas aparte, parece que algunhas destas augas eran beneficiosas para malestares do sistema dixestivo, dada as súas altas concentracións de ferro, ou para problemáticas dermatolóxicas.

Quizais a de maior fama foi a fonte de Cañás. Situada nas inmediacións da estrada que une Sergude con Cañás. Aínda hoxe, se distinguen elementos da fonte pola que emanaba a súa auga.

Outra é a de Sumio, na estrada que vai dende o Pazo de Vilasuso ata a igrexa. Aínda que hai uns anos se rehabilitou, hoxe tan só se ve a lama que provoca o manancial, despois de que un corremento do terreo provocara a súa destrución.

A terceira que imos citar é a de Santa Rosa, que se encontra no Roteiro Costa da Égoa, onde existiu a antiga capela de San Boaventura, preto do Pazo de Esperante. Sitúase na ladeira dun prado, por detrás do lavadoiro de Santa Rosa. Ó igual que as anteriores, tan só se detecta a pequena mina de auga, máis non conta cunha estrutura que permita recoller ou beber a auga en boas condicións. A auga desta fonte recomendábase para o “mal da rosa”, unha escamación e erupción na pel probada pola falta de vitamina B3 (niacina) na alimentación, o que era moi habitual en tempos antigos.

Lendas

Galicia é terra de lendas, e en Carral podemos encontrar múltiples referencias a contos e ritos que dun xeito oral van transmitíndose de xeración en xeración, aínda que cada vez van perdéndose moitas destas historias.

As persoas maiores aínda nos contan moitas desas lendas, acontecidas, polo xeral, nun ambiente de tradición rural.

Existen ritos pagáns de culto ás pedras, ás augas, arbóres, etc. De feito coas fontes, das que xa falamos anteriormente, existen rituais dedicados polas súas “augas máxicas”. Un dos mais habituais era o adicado a curar “tiriza” (enfermidade que provocaba unha cor amarela no rostro e restaba as ganas de comer, podendo chegar a producir a morte). Este ritual consistía en achegar o enfermo á fonte ou río, e verterlle auga nas mans, as cales se mantiñan detrás das costas, repetíndose nove veces e “unha polo demo”. Mentres se recitaba “Tiriza, cochoriza, negro, encarnado, azul, verde, de calquera cor que sexas, maldita sexas, vaiche para as altas marescaladas, onde non se oia cantar galiña nin galo, nin cristián bautizado. Co poder de Deus e da Virxe María, un Padrenoso e un Ave María”. Entre as lendas que se adoitaban escoitar á beira das lareiras, podemos salientar a do espírito da moza:

Era unha vez un mozo que como era costume daquela, ía visitar a sua moza, pois era xoves, o día que estaba sinalado para mocear.

Aconteceu que a noite dese xoves estaba chea de néboa, e polo tanto era difícil ver o que pasaba a dous pasos. O mozo, aínda con todo, atravesaba á présa os montes e os camiños sen deterse con ninguén. Ó subir a unha escaleira viu que había unha muller sentada nel, que tiña un peite moi grande co cal desenredaba unha longa melena. O home, moi sorprendido, achegouse a ela porque lle parecía que debía de ser unha rapaza moi guapa, mais cando xa estaba xunto ela, esta converteuse nunha calaveira e desapareceu dun xeito tan raro como aparecera.

Cando o bo mozo chegou a casa da moza, encontrouse con que a estaban a velar, e que segundo lle dixeron, había pouco que morrera. Polo tanto aquela moza que estaba sentada na escaleira era o espírito da moza.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta