O Concello de Carral e a Asociación de Custodia do Territorio de Carral “Brexa” formalizaron hoxe un convenio de colaboración para a custodia e xestión activa de cinco parcelas municipais, cunha superficie total de 62,711 hectáreas.
O acordo foi asinado esta mañá na Casa do Concello polo alcalde de Carral, José Luís Fernández Mouriño, e a presidenta de Brexa, Pilar Morandeira, nun acto no que tamén participou o concelleiro de Medio Ambiente, Óscar Bodelo, a técnica de Medio Ambiente, María Couto, e os membros da asociación Xosé Rodríguez e David Chas. A firma prodúcese despois de que o Pleno da Corporación autorizase o pasado xoves a formalización do convenio. Previamente, Brexa fora seleccionada como entidade de custodia mediante o correspondente procedemento de concorrencia.
As parcelas atópanse nos Capelos, a área Recreativa do Río Brexa e Paleo, nas parroquias de San Martiño de Tabeaio e Santo Esteban de Paleo. Entre os seus valores destacan a presenza de hábitats húmidos apropiados para a conservación de anfibios e terreos nos que se contempla favorecer a rexeneración de bosque autóctono mediante a plantación de frondosas.
O convenio ten como finalidade a conservación activa e restauración dos valores naturais e da biodiversidade destes terreos. Entre as actuacións previstas figuran a mellora do estado de conservación da flora, a fauna e os hábitats, a rexeneración de bosque autóctono, a eliminación de especies alóctonas, os labores de limpeza e recollida de residuos, a divulgación dos valores naturais e o apoio á investigación relacionada coas ciencias naturais.
Durante o acto, oalcalde de Carral, José Luís Fernández Mouriño, destacou o compromiso municipal coa conservación destes espazos. “Cedemos as parcelas para que se poidan utilizar para os fins que Brexa considere, pero sempre coa finalidade de conservar a flora e a fauna”, sinalou. Mouriño engadiu que “o Concello de Carral está á vosa disposición para o que faga falta”, dentro do marco establecido no convenio.
Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente, Óscar Bodelo, puxo en valor a dimensión temporal do acordo. “O convenio é por 15 anos, prorrogable”, explicou, destacando que se trata dunha colaboración concibida a longo prazo. A vixencia inicial será de 15 anos desde a firma e poderá prorrogarse por períodos sucesivos de igual duración ata un máximo de 30 anos, mediante acordo expreso e con informe favorable dos servizos técnicos municipais.
Brexa deberá presentar ao Concello, no prazo de tres meses, un Plan de Actuación Plurianual, mentres que os plans anuais requirirán a aprobación municipal antes da súa execución. A entidade asumirá as actuacións necesarias para cumprir os obxectivos de conservación, a obtención dos permisos que sexan necesarios e a presentación de informes sobre a actividade e as incidencias que se produzan.
O Concello, pola súa banda, facilitará o acceso aos terreos e a documentación necesaria, colaborará na difusión das actuacións e permitirá o desenvolvemento das accións previstas no convenio. Ademais, ambas as partes constituirán unha comisión de seguimento que se reunirá polo menos unha vez ao ano para avaliar a execución do acordo e formular recomendacións.
Desde a Asociación de Custodia do Territorio de Carral “Brexa” valoraron positivamente a formalización do acordo e, especialmente, o seu carácter a longo prazo. “É un proxecto a longo prazo e estamos contentos, porque permitirá traballar ben e ir facendo as cousas pouco a pouco”, sinalaron desde a entidade. Neste sentido, destacaron a importancia de contar cun período amplo para planificar e desenvolver as distintas actuacións de conservación e mellora das parcelas, adaptándoas ás necesidades que se vaian detectando en cada un dos espazos.
A área de Cultura do Concello de Carral poñerá en marcha a próxima semana unha nova edición do ciclo Teatro de Outono, unha programación cultural que ofrecerá oito espectáculos entre o 2 de outubro e o 20 de novembro no Local Xente Nova de Tabeaio.
A programación arrincará o 2 de outubro, ás 20.30 horas, con ‘Os dous de sempre’, de Mofa e Befa (Producións Teatrais Excéntricas), un espectáculo de comedia inspirado na obra de Castelao.
O ciclo continuará o 9 de outubro con ‘Cabaré climático’, de Vasrir, unha comedia musical. O 16 de outubro, Malasombra Producións presentará ‘O proceso’, unha proposta de comedia. A programación proseguirá o 23 de outubro con ‘Top manta’, de Fulano, Mengano e Citano, tamén de carácter cómico.
O 30 de outubro, Empatía Teatro levará a escena ‘Esas cousas marabillosas’, unha comedia dramática. Xa en novembro, o ciclo continuará o 6 de novembro con ‘Dúo vaguidades’, de Artefeito Producións; o 13 de novembro, Cinema Sticado presentará ‘Oh, Mammi Blue’; e, finalmente, o 20 de novembro, Galeatro e Xarope Tulú pecharán o ciclo con ‘Berenguela na gaiola’. Estas tres últimas propostas son, así mesmo, espectáculos de comedia.
Todas as funcións comezarán ás 20.30 horas e celebraranse no Local Xente Nova de Tabeaio. A entrada será gratuíta ata completar a capacidade.
Desde o Concello rógase ao público que acuda con puntualidade, xa que, unha vez iniciadas as funcións, non se permitirá o acceso á sala.
Esta programación conta coa participación da Deputación da Coruña, a través da Rede Cultural e Outono das Artes, e enmárcase na aposta do Concello de Carral por achegar ao municipio unha oferta cultural diversa.
O alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, propoñerá este xoves ao Pleno que o Concello manifeste formalmente a súa vontade de facilitar unha parcela para a futura residencia de maiores promovida pola Xunta de Galicia. Trátase dun punto esencial para garantir a atención ás persoas maiores do municipio, ampliar os servizos dispoñibles e favorecer que poidan permanecer na súa contorna habitual, sen verse obrigados a desprazarse fóra de Carral.
A iniciativa contempla que o Concello facilite unha parcela adecuada para a futura residencia e comprométase a poñela ao dispor da Administración autonómica nun prazo máximo dun ano, unha vez identificada e seleccionada de xeito conxunto. A proposta tamén prevé que os servizos técnicos e xurídicos municipais realicen as actuacións necesarias para avanzar no proceso.
Trátase, tal e como lembra o alcalde, dun proxecto especialmente importante para Carral e que xa se intentou materializar durante a súa anterior etapa a cargo do Concello. En 2018, o goberno municipal presidido por José Luis Fernández Mouriño conseguiu impulsar a tramitación e aprobación dunha subvención destinada á creación dun centro de maiores nas antigas instalacións do colexio Víctor Velasco, avanzando de forma concreta na posta en marcha deste equipamento. Aquel proxecto, con todo, non chegou a materializarse tras o cambio de goberno municipal.
Agora, anos despois, Carral volve ter a posibilidade de acoller unha residencia de maiores promovida pola Xunta. Para José Luis Fernández Mouriño, esta circunstancia supón recuperar un obxectivo que xa se expuxera durante o seu anterior mandato e ante o que agora o Concello debe actuar con responsabilidade e determinación para que o municipio poida contar finalmente con este servizo.
A Xunta comunicou recentemente ao Concello que Carral é un dos municipios seleccionados como posible localización destas novas instalacións, cuxo obxectivo é ampliar as prazas residenciais para persoas maiores e favorecer que poidan permanecer na súa contorna habitual. A comunicación recibida aclara que esta manifestación de vontade non supón aínda a adxudicación definitiva do equipamento, que deberá continuar posteriormente coa correspondente tramitación administrativa.
Outros asuntos do pleno
Alén da residencia de maiores, o Pleno tratará unha modificación de crédito por importe de 429.442,77 euros destinada a instalacións deportivas, así como a aprobación do Plan Estratéxico de Subvencións 2026-2029.
Na orde do día tamén figuran o convenio coa Asociación de Custodia do Territorio de Carral “Brexa”, a aprobación do proxecto de humanización da rúa do Souto, a Conta Xeral de 2025 e unha bonificación do 50% do ICIO para a ampliación do CEIP Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel.
O pasado 18 de setembro, tivo lugar a primeira reunión tras a renovación das persoas integrantes do Comité de ética en intervención social As Mariñas (CEIS As Mariñas).
O actual comité recolle as sensibilidades existentes nos concellos do Consorcio As Mariñas, xa que está composto por persoal dos servizos sociais comunitarios dos concellos, do terceiro sector, do ámbito sanitario, do ámbito xurídico e persoas relacionadas cos servizos sociais por distintas vías.
Na sesión do 18 procedeuse á renovación dos cargos, ostentando actualmente a presidencia Susana López Bogo, unha persoa cunha ampla traxectoria profesional na intervención social, que desempeña o seu labor nos servizos sociais do Concello de Culleredo. A secretaría está a cargo de Marta Piñeiro Arca, quen tamén conta cun importante bagaxe na intervención social, desempeñando actualmente o seu labor profesional nos servizos sociais do Concello de Betanzos.
Ambas contan con outras dúas importantes vogalías de apoio con dilatada experiencia, nos servizos sociais comunitarios e do terceiro sector.
Estamos convencidas de que este equipo vai dar outro pulo importante ao CEIS As Mariñas, para que continúe a ser un referente da ética na comarca e na nosa comunidade autónoma, que contribúa a mellorar os servizos prestados á cidadanía dos concellos do Consorcio As Mariñas, xa que a ética aporta aos servizos sociais o conxunto de valores e principios que orientan a intervención profesional para garantir a dignidade, a xustiza e os dereitos das persoas.
O Concello de Carral culminou as obras de mellora e acondicionamento do CEIP de Tabeaio, unha actuación coa que o goberno municipal continúa avanzando no seu compromiso coa mellora das instalacións educativas e coa prestación duns servizos públicos de calidade para o conxunto da cidadanía.
A concelleira de Educación, Cristina Casal, e o concelleiro de Obras, Óscar Bodelo, visitaron o centro con motivo da finalización dos traballos, acompañados polas tamén edís María Isabel López e Patricia López, para comprobar o resultado dunha intervención que permitiu dar resposta a distintas necesidades das instalacións.
A actuación supuxo unha renovación integral de distintos elementos do colexio. No exterior, procedeuse á substitución da carpintería, mellorando as condicións de illamento do edificio e contribuíndo a incrementar a súa eficiencia enerxética. No interior, os traballos incluíron a substitución de portas, a instalación dun novo falso teito de placas de cartón xeso con illamento de la de roca e a renovación da iluminación.
Estas melloras permitirán dispoñer dunhas instalacións máis confortables para o alumnado e o profesorado, á vez que contribúen a optimizar as condicións de eficiencia enerxética do edificio. A actuación responde, ademais, ás necesidades trasladadas ao Concello pola comunidade educativa do centro.
O proxecto contou cun orzamento de 41.135,60 euros, financiado con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña, e os traballos programáronse durante o período non lectivo co obxectivo de minimizar calquera afección sobre a actividade educativa.
O Torneo de Pádel de Verán de Carral pechou este sábado, 19 de setembro, a súa décima edición, consolidándose como unha das actividades deportivas con maior tradición dentro da programación estival do municipio. A competición, organizada polo Concello de Carral a través da súa Concellería de Deportes, desenvolveuse entre o 29 de xullo e o 19 de setembro nas pistas do Complexo Deportivo de Paleo.
Nesta décima edición participaron un total de 13 parellas, que disputaron 34 partidos ao longo da competición. Os encontros celebráronse en horarios flexibles, acordados entre as propias parellas participantes, o que permitiu adaptar o desenvolvemento do torneo á dispoñibilidade dos xogadores.
O Torneo de Pádel de Verán forma parte da ampla oferta de actividades deportivas promovidas polo Concello de Carral durante a tempada estival. A programación municipal de deportes de raqueta incluíu tamén a celebración dun torneo de tenis, alén de cursos de tenis e pádel.
Estes cursos tiveron unha boa acollida entre a cidadanía e alcanzaron un total de 40 persoas rexistradas, reflectindo o interese existente no municipio pola práctica dos deportes de raqueta e polas actividades deportivas impulsadas desde o Concello.
O concelleiro de Deportes, Óscar Bodelo, foi o encargado de entregar os trofeos ás dúas mellores parellas da competición durante o acto de clausura, poñendo así o broche final á décima edición do torneo.
En canto aos resultados da final, a parella formada por Carlos López e Óscar Blanco proclamouse campioa desta edición, mentres que Christian Martínez e Javier Gestal obtiveron o subcampeonato.

INDICACIÓNS:
- Fanse públicas as listas de admitidos/as e reservas para o curso 2026-2027 das actividades deportivas e socio-educativas municipais.
- Públícanse tamén os días e horas de inicio das actividades/presentacións das mesmas.
- Consultas e máis información, na Casa da Cultura (981.67.25.80 – casadacultura@carral.es).

A Secretaría Xeral da Lingua convoca a segunda quenda de exames para obter os certificados oficiais de lingua galega en 2026.
Datas
CELGA 4: 14 e 15 de novembro
CELGA 3: 21 de novembro
CELGA 2: 22 de novembro
As probas realizaranse en Santiago de Compostela, Ponferrada e Madrid. Poden presentarse as persoas maiores de 16 anos ou que os cumpran durante 2026. Taxa: 16,92 € por cada nivel. O prazo de inscrición é de 15 días hábiles desde o día seguinte á publicación da convocatoria.
Consulta a convocatoria completa e realiza a inscrición na sede electrónica da Xunta de Galicia e na web da Secretaría Xeral da Lingua https://www.lingua.gal/es/portada
O Concello de Carral finalizou as obras de construción de cunetas de formigón e canalización de pluviais en Soavila, na parroquia de Cañás. A actuación, financiada a través do Plan de Obras e Servizos POS+ADICIONAL 4/2025, supuxo un investimento final de 61.170 euros.
Os traballos permitiron mellorar o sistema de recollida e evacuación das augas pluviais neste tramo, mediante a execución de novas cunetas de formigón e a instalación de canalizacións de PVC. Así mesmo, leváronse a cabo labores de limpeza e acondicionamento das cunetas existentes.
A intervención contribúe a mellorar a drenaxe da vía e as condicións de seguridade para peóns e vehículos, dando continuidade ás actuacións realizadas nesta zona.
O alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, destacou que “con esta actuación damos continuidade á mellora das infraestruturas viarias nas parroquias e, neste caso, conseguimos mellorar de maneira notable a evacuación das augas pluviais e as condicións de seguridade neste tramo de Soavila. Seguiremos traballando para atender as necesidades dos diferentes núcleos e mellorar os servizos e espazos públicos do municipio”.
O vindeiro venres 4 de setembro de 2026 non se poderá levar a cabo a feira municipal de alimentación, roupa e variedades. O motivo desta suspensión temporal é a coincidencia de datas coas Festas Patronais, cuxo despregue loxístico inclúe a instalación de atraccións de feira, escenarios e postos festivos nos mesmos espazos urbanos onde se asentan os comerciantes do mercado semanal.
A decisión responde estritamente a criterios de seguridade, accesibilidade e operatividade. A realización de dúas actividades de tanta afluencia no mesmo recinto non só saturaría o espazo dispoñible, senón que bloquearía os accesos peonís e rodados, impedindo a normal circulación.
A prioridade municipal nestas datas de gran concorrencia é asegurar que os festexos se desenvolvan nun contorno seguro e cómodo para toda a poboación e os visitantes.













