Carral involucrará aos veciños e veciñas no futuro uso da ampliación do Campo da Feira. O goberno local acaba de poñer en marcha unha enquisa en liña a través da que a cidadanía poderá trasladar as súas preferencias e propostas sobre os novos servizos ou equipamentos que podería albergar este espazo tras a recente ampliación.

O alcalde, José Luis Fernández Mouriño, anima anima aos carraleses a “facer as súas propostas e dar a súa opinión, contribuíndo a seguir sumando servizos e usos no núcleo urbano”. Pola súa banda, a concelleira de Sanidade, Educación e Emprego, Cristina Casal, explica que “o Campo da Feira é uns dos lugares máis concorridos diariamente e por veciños e veciñas de todas as idades, polo que a nosa idea é continuar sumando máis usos a este espazo”.

Grazas á cesión de terreo realizada pola promotora dos inmobles situados na contorna, o Campo da Feira gañou ao redor de 650 metros cadrados adicionais. Agora, o goberno local busca definir cal é o uso máis adecuado para esta área.

Entre as opcións que se barallan atópanse a creación dunha pista multideporte ao aire libre, unha zona para patíns e/o patinetes ou un espazo de descanso con mesas e mobiliario urbano.

Desde o goberno local subliñan que o proceso participativo permanecerá aberto a novas iniciativas expostas pola cidadanía sempre que estas sexan compatibles coas características do espazo. Neste sentido, como apuntan, non se poderán instalar estruturas fixas para garantir a convivencia entre o uso diario do recinto e as actividades que acolle o Campo da Feira ao longo do ano, especialmente durante as celebracións e eventos nos que se instalan escenarios ou outros elementos.

As persoas interesadas en participar poderán facelo ata o luns, 15 de xuño, a través do formulario da páxina web municipal ou depositando a súa proposta na urna habilitada na Casa do Concello. Quen expoña as súas iniciativas en liña deberán elixir entre algunha das opcións expostas desde o Concello ou facer a súa propia proposta.

Enquisa en liña

A proba, organizada conxuntamente polo Concello e a Comisión de Festas de Carral, terá lugar o sábado 20 de xuño e alcanzará a súa vixésimo terceira edición. A Casa do Concello acolleu esta semana a presentación oficial do cartel do evento. No acto participaron o concelleiro de Deportes, Óscar Bodelo, o técnico municipal de Deportes, Alberto Fragoso, e os representantes da Comisión de Festas Brais Concheiro, Mario Sande e Adrián Varela. Durante a súa ntervención, o edil de Deportes destacou a importancia de retomar unha cita “con moita historia e que sempre tivo boa aceptación entre a veciñanza”, sinalando ademais que a volta da Carreira Popular era “unha prioridade desde que accedemos ao goberno local”.

Categorías e percorridos

A XXIII Carreira Popular de Carral contará con categorías masculinas e femininas adaptadas ás distintas idades:

  • Pitufo e prebenxamín (nados entre 2019 e 2023): percorrido de entre 50 e 100 metros.
  • Benxamín (2017-2018): 900 metros.
  • Alevín (2015-2016): 900 metros.
  • Infantil (2013-2014): 1.800 metros.
  • Cadete (2010-2012): 1.800 metros.
  • Xuvenil (2007-2009): 8.500 metros.
  • Sénior (1990-2006): 8.500 metros.
  • Veteranos (1989 e anteriores): 8.500 metros.

A competición arrincará ás 11.00 horas con saídas graduadas segundo as categorías. Os últimos participantes en realizar a proba serán os das modalidades xuvenil, sénior e veteranos ás 12.00 horas. A liña de saída estará situada na rúa Víctor Velasco, mentres que a meta se situará no Campo dá Feira. A organización estableceu un límite máximo de 300 participantes entre todas as categorías.


Inscricións e recollida de dorsais

O prazo de inscrición permanecerá aberto desde o luns 25 de maio ata o 12 de xuño ás 23.59 horas. As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición a través da páxina web de Champion Chip Norte. A entrega de dorsais realizarase en The Style Outlets de Culleredo entre os días 15 e 19 de xuño, en horario de 10.00 a 22.00 horas. Tamén poderán recollerse o mesmo día da proba, entre as 9.00 e as 10.00 horas, na mesa de organización.

O campo do Castro acollerá os próximos días 23 e 25 de maio a celebración da UDCUP 2026, un torneo de fútbol base en modalidade fútbol 8 organizado pola Unión Deportiva Carral e o Concello de Carral.

O evento contará coa participación dun total de 11 clubs e 24 equipos, distribuídos entre as diferentes categorías, e reunirá a máis de 300 nenos e nenas durante toda a fin de semana.

A competición arrincará o sábado, 23 de maio, xornada na que se disputarán os encontros das categorías prebenjamín e benxamín. Os partidos comezarán ás 9.30 horas e prolongaranse ata as 18.30 horas, momento no que se celebrará a entrega de trofeos aos equipos gañadores.

O torneo continuará o domingo, 24 de maio, coa participación das categorías alevín e biberón. Nesta segunda xornada, os encontros desenvolveranse entre as 10.00 e as 18.00 horas, concluíndo tamén coa entrega de trofeos.

Entre os clubs participantes nesta edición da UDCUP atópanse a Agrupación Deportiva Cristo Rey, o Club Deportivo Oza-Cesuras, o Atlético Coruña, o Club Atlético San Pedro, a Sociedade Deportiva Batallador, o OAR Imperator, o Sporting Cambre, a Sociedade Deportiva Relámpago del Viña, a Unión Deportiva Paiosaco e o Atlético Cercedense.

Carral poñerá en marcha o próximo mes de xuño Entre migas e tostas, unha nova iniciativa gastronómica destinada a promocionar o tecido hostaleiro local e poñer en valor un dos produtos máis emblemáticos do municipio: o pan de Carral.

A concelleira de Comercio, Isabel López, destacou que o obxectivo do programa é continuar apoiando o sector hostaleiro mediante propostas que axuden a dinamizar a actividade económica e atraer público. “Tal e como xa facemos co concurso Tapeando Carral, queremos seguir traballando na posta en marcha de programas que impulsen e dean a coñecer o bo facer do noso tecido hostaleiro apostando, para iso, por un produto 100% local como é o pan de Carral”, sinalou.

Polo momento, a iniciativa conta xa con máis dunha decena de establecementos adheridos. A ruta gastronómico celebrarase o sábado 6 e o domingo 7 de xuño, xornadas durante as que veciños e visitantes poderán percorrer os locais participantes e degustar distintas propostas elaboradas co pan de Carral como ingrediente principal. Cada consumición terá un prezo único de 5 euros, incluíndo a tosta e a bebida.

Os responsables dos establecementos interesados en participar poden poñerse en contacto co Concello de Carral a través do teléfono 981 613 520 e preguntar pola técnico de Educación.

Carral será o único municipio da provincia da Coruña e unha das cinco únicas localidades galegas —xunto a Lugo, Sanxenxo, Ribadeo e Viana do Bolo— que acollerán este verán o Campus do Atlético de Madrid. A Casa do Concello viviu, esta mañá, a presentación da actividade a cargo do alcalde, José Luis Fernández Mouriño, do edil de Deportes, Óscar Bodelo, do presidente da Unión Deportiva Carral, Alfredo Méndez Barbeito, de Borja Gestal Caridad, da U.D. Carral, e do coordinador do campus en Galicia, Borja Collar Amado.

Durante a súa intervención, o edil de Deportes destacou “o orgullo que supón para Carral contar con actividades deportivas destas características e impulsadas por entidades de recoñecido prestixio no panorama nacional”.

O campus está dirixido a nenos e nenas de entre 5 e 16 anos e desenvolverase entre o 29 de xuño e o 4 de xullo no campo municipal Borja Rodríguez Ans. As actividades celebraranse de luns a sábado, en horario de 9.30 a 14.00 horas.

Ao longo da semana, os participantes realizarán adestramentos específicos, sesións de tecnificación e mellora individual, ademais de diferentes actividades lúdicas. O programa incluirá tamén a visita de adestradores da Academia do Atlético de Madrid.

Unha programación completa coa que se busca un claro obxectivo: fomentar a aprendizaxe e a diversión durante o período estival, utilizando o fútbol como ferramenta para transmitir valores entre os máis novos.

Ao finalizar o campus, os participantes recibirán un diploma acreditativo, equipamento oficial e distintos recordos vinculados ao club madrileño.

A cota xeral de inscrición será de 235 euros. Os antigos participantes poderán beneficiarse dunha tarifa reducida de 220 euros, mentres que o prezo para socios da U.D. Carral e para irmáns de asistentes de edicións anteriores será de 210 euros. As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición a través do formulario web habilitado pola organización.

O Concello de Carral publica a información relativa ás axudas ao estudo para o curso 2025/2026. O prazo de solicitude estará dispoñible desde o mércores, 13 de maio, ata o 2 de xuño.

Poderán beneficiarse destas bolsas os estudantes empadroados no municipio e que cursen 2º ciclo de Educación Infantil, Educación postobrigatoria (FP, Bacharelato ou similares), FP Básica e estudos universitarios oficiais (graos e másteres).

Estas axudas servirán para financiar a adquisición de libros de texto, material escolar, gastos de comedor, transporte e taxas e matrículas.

Podedes consultar as bases na sede electrónica do Concello e o extracto das mesmas no Boletín Oficial da Provincia.

Máis información no correo electrónico no departamento de Educación a través do teléfono 981 613 520 e no correo educacion@carral.es.

O Concello e a Asociación de Panadeiros pecharon con éxito a XXII edición da Festa do Pan. A cita volveu reunir durante toda a fin de semana a miles de persoas, superando a cifra de 5.000 bocadillos cardiosaludables vendidos entre as xornadas do sábado e o domingo.

A concelleira de Comercio, Isabel López, destacou o balance de asistencia “sobre todo, tendo en conta que o tempo non acompañou”. A edil subliñou que, a pesar de as previsións meteorolóxicas adversas, “miles de persoas achegáronse ao longo da fin de semana a Carral, reforzando a importancia desta cita gastronómica para toda a comarca”.

A programación ofreceu actividades para todos os públicos e idades, aínda que as grandes protagonistas desta edición foron, sen dúbida, o posto de venda do bocadillo cardiosaludable e os talleres infantís, que esgotaron todas as prazas dispoñibles. No caso dos de elaboración de bolos, formáronse ringleiras fronte ao posto ao longo de toda a fin de semana. Doutra banda, os talleres de xoguetes de madeira (sábado) e pulseiras de coiro (domingo) reuniron a uns 100 nenos cada día.

Máis aló destas propostas, o programa incluíu tamén música, teatro e espectáculos de animación na rúa, entre outras. Esta edición destacou, ademais, por combinar tradición e innovación, incorporando propostas novas como o expositor de Pan 3D, unha das iniciativas máis rechamantes da programación. En total, unhas 200 persoas pasaron pola visita inmersiva ás diferentes panadarías da Asociación de Panadeiros de Carral.

A concelleira recoñeceu o labor dos panadeiros e panadeiras, “que son os e as responsables do éxito desta celebración”. A edil lembra que detrás destas cifras atópase “o esforzo que realizan os artesáns e artesás para manter os seus negocios e preparar unha Festa do Pan que segue crecendo edición tras edición”.

Unha nova xeración de panadeiros comeza a tomar forma esta fin de semana en Carral. Os talleres infantís de elaboración de bolos, enmarcados na XXII Festa do Pan, volven ser un dos grandes atractivos da programación, contribuíndo a garantir a substitución dunha das receitas máis emblemáticas do municipio da man do Concello e a Asociación de Panadeiros.

O interese por esta actividade para os máis pequenos e pequenas fíxose evidente desde primeiras horas da mañá, con longas ringleiras no posto de elaboración. Unha imaxe que tamén se repetiu nos espazos de venda de bolos e dos populares bocadillos cardiosaludables, elaborados con pan, aceite, tomate e xamón.

A xornada inaugural continuará coas actuacións da charanga Noroeste e Gaeloc Medieval, a representación teatral O toxo a cargo do alumnado do IES de Carral, un espectáculo de zancudos e malabaristas e a verbena nocturna con Dúo D’Vicio e o grupo América de Vigo.

Xornada de peche

A Festa do Pan continuará mañá, domingo 10 de maio, a partir das 11.00 horas. Será entón cando reabra a exposición e venda de pan, o bocadillo cardiosaludable, a feira medieval, os expositores de asociacións e centros educativos, e talleres de pan e pulseiras de coiro. Ás 11.30 horas actuará Gaeloc Medieval, seguido do expositor Pan en 3D ás 12.00 horas.

Ás 12.30 horas celebrarase a misa solemne e a posterior procesión, coa actuación da Coral Polifónica Aires de Carral e o acompañamento do Grupo de Música Tradicional Arnela. A programación continuará ás 13.30 horas cunha nova actuación de Gaeloc Medieval e ás 14.00 horas coa sesión vermú a cargo da Orquestra Acordes.

Pola tarde, ás 16.00 horas, a charanga Sorcha Show Band animará o Campo da Feira, seguida ás 16.30 horas por outra actuación itinerante de Gaeloc Medieval polas rúas, xunto coa continuidade dos talleres e o expositor Pan en 3D. Ás 17.00 horas terá lugar o espectáculo Rufina e Benito, no que se repartirán anacos pan de Carral entre o público asistente para que poida degustar esta delicia carralesa.

A xornada proseguirá con novas actuacións de Gaeloc Medieval ás 18.00 horas e da charanga Sorcha ás 18.30 horas. A XXII Festa do Pan despedirase a partir das 20.00 horas coa sesión musical nocturna a cargo da Orquesta Acordes.

O Concello de Carral celebrará o domingo 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, a primeira edición do Torneo de Xadrez das Letras Galegas, unha nova cita deportiva que terá lugar a partir das 16.00 horas no Pavillón do Espiño.


A competición, organizada polo Concello a través da Concellería de Deportes, nace tras o éxito e a boa acollida doutros eventos xa consolidados no municipio, como o Torneo de Verán e o Torneo de Nadal, que nas súas últimas edicións rexistraron un crecente interese e participación.


Para esta primeira edición espérase reunir a ao redor de 50 xogadores e xogadoras procedentes de distintos puntos da provincia da Coruña, cunha capacidade máxima prevista de 60 participantes.


O torneo disputarase mediante o sistema suízo, con partidas rápidas de 30 minutos e un total de sete roldas, nunha xornada que terá unha duración aproximada de catro horas. As persoas participantes competirán nas categorías Sub-10, Sub-14, Absoluta e Mellor Local. Ademais, haberá trofeos para as tres primeiras persoas clasificadas en cada unha das categorías.


Con esta iniciativa, desde a Concellería de Deportes búscase fomentar disciplinas minoritarias como o xadrez, á vez que se promove a convivencia, o deporte basee e a participación en actividades vinculadas a unha data tan significativa para a cultura e a identidade galegas como é o Día das Letras Galegas.


As inscricións poden realizarse de forma presencial no complexo deportivo municipal ou a través dun formulario dispoñible na páxina web e nas redes sociais municipais.

O Concello e a Asociación de Panadeiros ultiman os preparativos para celebrar a Festa do Pan, que terá lugar o sábado, 9 de maio, e o domingo, día 10. A cita gastronómica alcanza a súa vixésimo segunda edición coa premisa de seguir sendo un referente na comarca, apoiándose nunha programación completa que superará as 24 horas de actividade e cun claro fío condutor: a exaltación do pan, un dos produtos estrela do municipio.


O Concello acolleu hoxe a presentación oficial do evento, que correu a cargo do alcalde, José Luis Fernández Mouriño, da concelleira de Comercio, Isabel López, e de varios representantes da Asociación de Panadeiros. Ao acto asistiron tamén os concelleiros Óscar Bodelo, Francisco Bello, Cristina Casal e Patricia López e, ademais, os autores do cartel da XXII edición: os alumnos e alumnas de 4ºA do CEIPP Vicente Otero Valcárcel.


Durante a súa intervención, o rexedor agradeceu a implicación das panaderías participantes, ás que definiu como “unha peza esencial en Carral, posto que eles e elas son os responsables de que o noso pan sexa un dos máis famosos de Galicia”. Así mesmo, destacou “o esforzo adicional que realizarán esta semana”, ao sumar ao seu traballo diario a preparación da festa.


Pola súa banda, a concelleira de Comercio, Isabel López, subliñou que esta edición contará con “unha programación completa na que procuramos ofrecer actividade para todas as franxas de idade” e animou á cidadanía para “continuar espallando a nosa Festa do Pan para que siga medrando en cifras de asistencia”.


Como avanzou a concelleira, ao longo da fin de semana non faltarán o posto de exaltación e venda do bocadillo cardiosaludable (feito a base de pan, aceite, tomate e xamón), os talleres de elaboración de bolos para os máis pequenos, o teatro ou a música.


Tanto o alcalde como a edil se mostraron confiados en alcanzar e mesmo superar as cifras de asistencia e venda da última edición, cando se despacharon uns 6.000 bocadillos.


Programación completa

A Comisión de Festas de Carral organiza o venres, 8 de maio, unha Gran Foliada para quentar motores para a Festa do Pan. Ese día, de 18.00 a 20.00 horas, haberá xogos populares infantís e, a partir das 20.00 horas, levarase a cabo unha foliada que contará coa participación de diversos grupos populares.


O sábado, 9 de maio, o evento arrincará ás 12.00 horas cunha infinidade de propostas: desde o punto de exposición e venda de pan e do bocadillo cardiosaludable da Asociación de Panadeiros e os talleres de elaboración de pan e xoguetes de madeira ata a feira medieval con postos de artesanía de coiro, téxtil, bixutería, etc. A animación musical comezará ás 12.30 horas coa actuación do grupo Gaeloc Medieval, que repetirá ás 13.30 horas. Ás 14.00 horas terá lugar a sesión vermú co Dúo D’Vicio.
Pola tarde, a partir das 16.00 horas, a charanga Noroeste percorrerá o Campo da Feira e as rúas do municipio. Ás 16.30 horas, o alumnado do IES de Carral representará a obra teatral O toxo na praza da Capela, cunha segunda función prevista ás 18.00 horas.


Durante a tarde continuarán os talleres infantís de pan e madeira, xunto co expositor Pan en 3D, que ofrecerá unha visita virtual e inmersiva a un obradoiro. Ás 17.30 horas actuará novamente Gaeloc Medieval, mentres que ás 18.30 horas terá lugar un espectáculo de zancudos e malabaristas acompañado por este mesmo grupo, que volverá subir ao escenario ás 20.00 horas. A xornada do sábado finalizará a partir das 21.00 horas coa sesión nocturna a cargo do Dúo D’Vicio e o grupo América de Vigo.


Xornada de peche
O domingo, 10 de maio, a actividade comezará ás 11.00 horas coa reapertura da exposición e venda de pan, o bocadillo cardiosaludable, a feira medieval, os expositores de asociacións e centros educativos, e talleres de pan e pulseiras de coiro. Ás 11.30 horas actuará Gaeloc Medieval, seguido do expositor Pan en 3D ás 12.00 horas.


Ás 12.30 horas celebrarase a misa solemne e a posterior procesión, coa actuación da Coral Polifónica Aires de Carral e o acompañamento do Grupo de Música Tradicional Arnela. A programación continuará ás 13.30 horas cunha nova actuación de Gaeloc Medieval e ás 14.00 horas coa sesión vermú a cargo da Orquesta Acordes.


Pola tarde, ás 16.00 horas, a charanga Sorcha Show Band animará o Campo da Feira, seguida ás 16.30 horas por outra actuación itinerante de Gaeloc Medieval polas rúas, xunto coa continuidade dos talleres e o expositor Pan en 3D. Ás 17.00 horas terá lugar o espectáculo ‘Rufina e Benito’, no que se repartirán anacos de Carral entre o público asistente para que poida degustar esta delicia carralesa.


A xornada proseguirá con novas actuacións de Gaeloc Medieval ás 18.00 horas e da charanga Sorcha ás 18.30 horas. A XXII Festa do Pan despedirase a partir das 20.00 horas coa sesión musical nocturna a cargo da Orquesta Acordes.

Novas recentes