Xa está aquí o verán e con el a actividade mais lonxeva que organizamos desde a OMIX (oficina municipal de información xuvenil), a excursión ó aquapark de Cerceda, que este ano será o 26 de xuño, venres.

A saída, ás 11:15 h, e a chegada, as 19:30 h. será desde o local Interxeracional (R/ Alcalde Juan Seijas, nº 8, baixo) e poderase anotar a rapazada nada entre 2009 e 2018, por un prezo de 8 € por participante.

INSCRICIÓNS

  • Do 8 de xuño as 9:00 h. (non se admitirán inscricións antes) ata ó 11 de xuño as 19:30 h.
  • Enviar a inscrición-autorización por Whatsapp (674.793.475) e-mail (omix@carral.es) ou presencial no Local Interxeracional (luns-venres 16:30 – 19:30 h.).
  • Por orde de inscrición.
  • Non facer o pago ata a confirmación da praza.
  • Preferencia empadroados/as.

OBSERVACIÓNS

Levar a comida, protección solar, sandalias, traxe de baño, toalla e protección solar.

O Concello de Carral informa da finalización das obras de mellora e ampliación do Complexo Deportivo Municipal, unhas actuacións que permitiron modernizar e ampliar significativamente as instalacións destinadas á práctica deportiva, especialmente no que respecta ao ximnasio municipal.


Entre as principais melloras realizadas destaca a ampliación da zona de ximnasio en máis de 100 metros cadrados, así como a creación dunha nova sala de actividades dirixidas de 150 metros cadrados. Estas actuacións permitirán ofrecer un servizo máis cómodo, funcional e adaptado ás necesidades actuais das persoas usuarias, incrementando a capacidade e mellorando as condicións para a práctica deportiva.


Con motivo da reapertura das instalacións, o vindeiro sábado 6 de xuño terá lugar un acto institucional e de portas abertas no que a cidadanía, as persoas usuarias e os colectivos deportivos poderán coñecer de primeira man os novos espazos, as melloras executadas e a renovada distribución do complexo. Será a partir das 11.30 horas.


Co obxectivo de completar o traslado, montaxe e posta a piques de toda a maquinaria e equipamento deportivo desde o Pavillón Municipal do Espiño ata o Complexo Deportivo Municipal, será necesario suspender temporalmente a actividade do ximnasio durante os días 4 e 5 de xuño.


O servizo retomará o seu funcionamento habitual o luns 8 de xuño, xa nas instalacións renovadas do Complexo Deportivo Municipal e nos seus horarios habituais de apertura. Así mesmo, as clases de pilates volverán desenvolverse na nova sala de actividades dirixidas.


Durante os últimos meses, debido á execución das obras, a actividade deportiva desenvolveuse de forma provisional no Pavillón Municipal do Espiño para garantir a continuidade do servizo e minimizar as molestias ás persoas usuarias.

A primeira ruta Entre migas e tostas cultivou un grande interese entre o tecido hostaleiro do municipio. Tanto, que a edición inaugural da actividade contará coa participación de 13 establecementos de todo o municipio que ofrecerán, o 6 e 7 de xuño, as súas mellores elaboracións a base de pan de Carral.

A concelleira de Comercio, Isabel López, agradece a implicación dos negocios participantes, “sobre todo, tendo en conta que para eles vai supor un esforzo adicional”. A edil confía en que a iniciativa atraia ao público e contribúa a “continuar impulsando a rede hostaleira local e, por suposto, o pan de Carral”. Ademais, López anima a veciños, veciñas e visitantes a se achegaren a Carral para degustar estas deliciosas tostas, destacando que “en Carral temos calidade de primeira”.

No primeiro Entre migas e tostas participarán os seguintes establecementos:

  • Casa Roel, con ‘Tosta do meu país RD’ (domingo, de 18.00 a 22.00 horas).
  • As Táboas con ‘Tosta a toda brasa’ (sábado, de 11.00 a 14.00 horas).
  • Bar A Parola con ‘Tosta do paraíso’ (sábado, de 12.00 a 16.00 horas e de 20.00 a 23.00 horas).
  • Bar O Tropezón con ‘Cantábrica e mediterránea’ (ambos os días de 12.30 a 15.00 horas e de 19.30 a 22.00 horas).
  • Terra e a súa ‘Tosta á italiana’ (ambos os días de 13.30 a 15.45 horas).
  • Costa da Égoa, que ofrecerá a súa ‘Tosta de tartar de salmón’ (domingo, de 12.00 a 15.30 horas).
  • Bar A Rotonda con ‘A tosta cremosa do porto’ (ambos os días de 11.00 a 15.00 horas e de 19.00 a 21.00 horas).
  • Café Bar O Piolindo con ‘Tosta carrillera’ (sábado, de 12.00 a 15.00 horas).
  • Lume e Ferro con ‘Tosta Fume e Queixo’ (sábado, de 19.00 a 23.00 horas, e domingo, de 12.30 a 15.30 horas).
  • Vinoteca Século XXI e o seu ‘Tosta dos avós’ (sábado, de 12.30 a 16.00 horas e de 20.30 a 23.30 horas, e domingo, de 12.30 a 15.00 horas).
  • Lareiras e ‘Tosta do Norte’ (ambos os días de 12.00 a 15.00 horas e de 20.00 a 23.00 horas).
  • Boca Grande con ‘A soleira’ (sábado, de 13.00 a 15.00 horas e de 20.00 a 22.00 horas e domingo, de 13.00 a 15.00 horas).
  • Casa Adolfo con ‘A tosta do piquillo’ (ambos de 12.00 a 15.00 horas).

As elaboracións poderán degustarse ao longo do fin de semans e n diferentes horarios fixados polos establecementos que poderán consultarse a través da páxina web municipal e das redes sociais do Concello. As persoas que acudan aos diferentes puntos do roteiro poderán degustar as tostas por un prezo de 5 euros no que se inclúe, ademais, unha consumición.

O goberno local de Carral propoñerá ao pleno a solicitude dunha subvención á Deputación da Coruña para acometer a humanización integral da rúa Souto, unha actuación estratéxica coa que o Concello busca transformar por completo unha das principais arterias do núcleo urbano. O alcalde, José Luis Fernández Mouriño, apunta que se trata dun proxecto “esencial” para o municipio, xa que esta vía conecta coa N-550 e a DP-1704 e constitúe, ademais, un dos principais accesos ao IES de Carral.


Con esta intervención buscarase humanizar a rúa e continuar impulsando actuacións no núcleo urbano coas que darlle unha maior prioridade ao peón fronte ao vehículo.


Na actualidade, a rúa Souto conta con dous carrís de circulación (un por sentido), zonas de aparcamento en ambas as marxes e beirarrúas con dimensións que non cumpren cos criterios de accesibilidade. Con esta actuación, o Concello reorganizará a rúa mediante a creación dun único carril de circulación entre a estrada provincial e a nacional, novas prazas de estacionamento en batería e beirarrúas renovadas en ambos os lados da vía.


Ademais, na intersección co acceso ao instituto habilitarase unha plataforma compartida de tráfico peonil e rodado para reforzar a seguridade viaria e favorecer unha mellor convivencia entre vehículos e peóns nun punto especialmente transitado.


O proxecto incluirá tamén a creación de novas zonas verdes, a plantación de arboredo e a renovación da sinalización, reforzando así a integración paisaxística e a sustentabilidade da contorna urbana.


A execución deste proxecto requirirá un investimento de 233.658,19 euros. Para financiar a actuación, o alcalde propoñerá no pleno desta tarde (xoves, 28 de maio, ás 20.00 horas) pedir unha subvención á Deputación da Coruña.

A Consellería do Medio Rural adoptou a medida preventiva de suspender temporalmente todas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia. Esta decisión entrará en vigor a partir deste venres, 29 de maio de 2026, e manterase activa ata novo aviso. A consecuencia directa desta resolución é que non se concederán máis autorizacións a partir da data sinalada, e todas as que xa foran outorgadas previamente perderán por completo a súa validez.

Esta determinación cautelar estableceuse tras avaliar polo miúdo a evolución da situación meteorolóxica e despois de analizar os diferentes indicadores técnicos que inciden directamente no risco de incendios. A normativa actual estipula a obriga de paralizar este tipo de actividades co lume no momento en que as condicións do tempo poidan chegar a dificultar o seu control axeitado por mor do incremento das temperaturas.


Carral involucrará aos veciños e veciñas no futuro uso da ampliación do Campo da Feira. O goberno local acaba de poñer en marcha unha enquisa en liña a través da que a cidadanía poderá trasladar as súas preferencias e propostas sobre os novos servizos ou equipamentos que podería albergar este espazo tras a recente ampliación.

O alcalde, José Luis Fernández Mouriño, anima anima aos carraleses a “facer as súas propostas e dar a súa opinión, contribuíndo a seguir sumando servizos e usos no núcleo urbano”. Pola súa banda, a concelleira de Sanidade, Educación e Emprego, Cristina Casal, explica que “o Campo da Feira é uns dos lugares máis concorridos diariamente e por veciños e veciñas de todas as idades, polo que a nosa idea é continuar sumando máis usos a este espazo”.

Grazas á cesión de terreo realizada pola promotora dos inmobles situados na contorna, o Campo da Feira gañou ao redor de 650 metros cadrados adicionais. Agora, o goberno local busca definir cal é o uso máis adecuado para esta área.

Entre as opcións que se barallan atópanse a creación dunha pista multideporte ao aire libre, unha zona para patíns e/o patinetes ou un espazo de descanso con mesas e mobiliario urbano.

Desde o goberno local subliñan que o proceso participativo permanecerá aberto a novas iniciativas expostas pola cidadanía sempre que estas sexan compatibles coas características do espazo. Neste sentido, como apuntan, non se poderán instalar estruturas fixas para garantir a convivencia entre o uso diario do recinto e as actividades que acolle o Campo da Feira ao longo do ano, especialmente durante as celebracións e eventos nos que se instalan escenarios ou outros elementos.

As persoas interesadas en participar poderán facelo ata o luns, 15 de xuño, a través do formulario da páxina web municipal ou depositando a súa proposta na urna habilitada na Casa do Concello. Quen expoña as súas iniciativas en liña deberán elixir entre algunha das opcións expostas desde o Concello ou facer a súa propia proposta.

Enquisa en liña

A proba, organizada conxuntamente polo Concello e a Comisión de Festas de Carral, terá lugar o sábado 20 de xuño e alcanzará a súa vixésimo terceira edición. A Casa do Concello acolleu esta semana a presentación oficial do cartel do evento. No acto participaron o concelleiro de Deportes, Óscar Bodelo, o técnico municipal de Deportes, Alberto Fragoso, e os representantes da Comisión de Festas Brais Concheiro, Mario Sande e Adrián Varela. Durante a súa ntervención, o edil de Deportes destacou a importancia de retomar unha cita “con moita historia e que sempre tivo boa aceptación entre a veciñanza”, sinalando ademais que a volta da Carreira Popular era “unha prioridade desde que accedemos ao goberno local”.

Categorías e percorridos

A XXIII Carreira Popular de Carral contará con categorías masculinas e femininas adaptadas ás distintas idades:

  • Pitufo e prebenxamín (nados entre 2019 e 2023): percorrido de entre 50 e 100 metros.
  • Benxamín (2017-2018): 900 metros.
  • Alevín (2015-2016): 900 metros.
  • Infantil (2013-2014): 1.800 metros.
  • Cadete (2010-2012): 1.800 metros.
  • Xuvenil (2007-2009): 8.500 metros.
  • Sénior (1990-2006): 8.500 metros.
  • Veteranos (1989 e anteriores): 8.500 metros.

A competición arrincará ás 11.00 horas con saídas graduadas segundo as categorías. Os últimos participantes en realizar a proba serán os das modalidades xuvenil, sénior e veteranos ás 12.00 horas. A liña de saída estará situada na rúa Víctor Velasco, mentres que a meta se situará no Campo dá Feira. A organización estableceu un límite máximo de 300 participantes entre todas as categorías.

Patrocinadores e colaboradores

Esta proba deportiva conta co patrocinio de importantes empresas da contorna sen as que sería moi dificil poder chegar a levar a cabo esta proba deportiva. Estas empresas son:

  • Coruña The Style Outlets
  • Panadería Da Cunha
  • e Marathon Running Shop

Tamén é preciso mencionar a colaboración dos voluntarios da Asociación Castelo Deporte para o control das estradas durante o transcurso da proba


Inscricións e recollida de dorsais

O prazo de inscrición permanecerá aberto desde o luns 25 de maio ata o 12 de xuño ás 23.59 horas. As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición a través da páxina web de Champion Chip Norte. A entrega de dorsais realizarase en The Style Outlets de Culleredo entre os días 15 e 19 de xuño, en horario de 10.00 a 22.00 horas. Tamén poderán recollerse o mesmo día da proba, entre as 9.00 e as 10.00 horas, na mesa de organización.

O campo do Castro acollerá os próximos días 23 e 25 de maio a celebración da UDCUP 2026, un torneo de fútbol base en modalidade fútbol 8 organizado pola Unión Deportiva Carral e o Concello de Carral.

O evento contará coa participación dun total de 11 clubs e 24 equipos, distribuídos entre as diferentes categorías, e reunirá a máis de 300 nenos e nenas durante toda a fin de semana.

A competición arrincará o sábado, 23 de maio, xornada na que se disputarán os encontros das categorías prebenjamín e benxamín. Os partidos comezarán ás 9.30 horas e prolongaranse ata as 18.30 horas, momento no que se celebrará a entrega de trofeos aos equipos gañadores.

O torneo continuará o domingo, 24 de maio, coa participación das categorías alevín e biberón. Nesta segunda xornada, os encontros desenvolveranse entre as 10.00 e as 18.00 horas, concluíndo tamén coa entrega de trofeos.

Entre os clubs participantes nesta edición da UDCUP atópanse a Agrupación Deportiva Cristo Rey, o Club Deportivo Oza-Cesuras, o Atlético Coruña, o Club Atlético San Pedro, a Sociedade Deportiva Batallador, o OAR Imperator, o Sporting Cambre, a Sociedade Deportiva Relámpago del Viña, a Unión Deportiva Paiosaco e o Atlético Cercedense.

Carral poñerá en marcha o próximo mes de xuño Entre migas e tostas, unha nova iniciativa gastronómica destinada a promocionar o tecido hostaleiro local e poñer en valor un dos produtos máis emblemáticos do municipio: o pan de Carral.

A concelleira de Comercio, Isabel López, destacou que o obxectivo do programa é continuar apoiando o sector hostaleiro mediante propostas que axuden a dinamizar a actividade económica e atraer público. “Tal e como xa facemos co concurso Tapeando Carral, queremos seguir traballando na posta en marcha de programas que impulsen e dean a coñecer o bo facer do noso tecido hostaleiro apostando, para iso, por un produto 100% local como é o pan de Carral”, sinalou.

Polo momento, a iniciativa conta xa con máis dunha decena de establecementos adheridos. A ruta gastronómico celebrarase o sábado 6 e o domingo 7 de xuño, xornadas durante as que veciños e visitantes poderán percorrer os locais participantes e degustar distintas propostas elaboradas co pan de Carral como ingrediente principal. Cada consumición terá un prezo único de 5 euros, incluíndo a tosta e a bebida.

Os responsables dos establecementos interesados en participar poden poñerse en contacto co Concello de Carral a través do teléfono 981 613 520 e preguntar pola técnico de Educación.

Novas recentes