Carral será o único municipio da provincia da Coruña e unha das cinco únicas localidades galegas —xunto a Lugo, Sanxenxo, Ribadeo e Viana do Bolo— que acollerán este verán o Campus do Atlético de Madrid. A Casa do Concello viviu, esta mañá, a presentación da actividade a cargo do alcalde, José Luis Fernández Mouriño, do edil de Deportes, Óscar Bodelo, do presidente da Unión Deportiva Carral, Alfredo Méndez Barbeito, de Borja Gestal Caridad, da U.D. Carral, e do coordinador do campus en Galicia, Borja Collar Amado.

Durante a súa intervención, o edil de Deportes destacou “o orgullo que supón para Carral contar con actividades deportivas destas características e impulsadas por entidades de recoñecido prestixio no panorama nacional”.

O campus está dirixido a nenos e nenas de entre 5 e 16 anos e desenvolverase entre o 29 de xuño e o 4 de xullo no campo municipal Borja Rodríguez Ans. As actividades celebraranse de luns a sábado, en horario de 9.30 a 14.00 horas.

Ao longo da semana, os participantes realizarán adestramentos específicos, sesións de tecnificación e mellora individual, ademais de diferentes actividades lúdicas. O programa incluirá tamén a visita de adestradores da Academia do Atlético de Madrid.

Unha programación completa coa que se busca un claro obxectivo: fomentar a aprendizaxe e a diversión durante o período estival, utilizando o fútbol como ferramenta para transmitir valores entre os máis novos.

Ao finalizar o campus, os participantes recibirán un diploma acreditativo, equipamento oficial e distintos recordos vinculados ao club madrileño.

A cota xeral de inscrición será de 235 euros. Os antigos participantes poderán beneficiarse dunha tarifa reducida de 220 euros, mentres que o prezo para socios da U.D. Carral e para irmáns de asistentes de edicións anteriores será de 210 euros. As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición a través do formulario web habilitado pola organización.

O Concello de Carral publica a información relativa ás axudas ao estudo para o curso 2025/2026. O prazo de solicitude estará dispoñible desde o mércores, 13 de maio, ata o 2 de xuño.

Poderán beneficiarse destas bolsas os estudantes empadroados no municipio e que cursen 2º ciclo de Educación Infantil, Educación postobrigatoria (FP, Bacharelato ou similares), FP Básica e estudos universitarios oficiais (graos e másteres).

Estas axudas servirán para financiar a adquisición de libros de texto, material escolar, gastos de comedor, transporte e taxas e matrículas.

Podedes consultar as bases na sede electrónica do Concello e o extracto das mesmas no Boletín Oficial da Provincia.

Máis información no correo electrónico no departamento de Educación a través do teléfono 981 613 520 e no correo educacion@carral.es.

O Concello e a Asociación de Panadeiros pecharon con éxito a XXII edición da Festa do Pan. A cita volveu reunir durante toda a fin de semana a miles de persoas, superando a cifra de 5.000 bocadillos cardiosaludables vendidos entre as xornadas do sábado e o domingo.

A concelleira de Comercio, Isabel López, destacou o balance de asistencia “sobre todo, tendo en conta que o tempo non acompañou”. A edil subliñou que, a pesar de as previsións meteorolóxicas adversas, “miles de persoas achegáronse ao longo da fin de semana a Carral, reforzando a importancia desta cita gastronómica para toda a comarca”.

A programación ofreceu actividades para todos os públicos e idades, aínda que as grandes protagonistas desta edición foron, sen dúbida, o posto de venda do bocadillo cardiosaludable e os talleres infantís, que esgotaron todas as prazas dispoñibles. No caso dos de elaboración de bolos, formáronse ringleiras fronte ao posto ao longo de toda a fin de semana. Doutra banda, os talleres de xoguetes de madeira (sábado) e pulseiras de coiro (domingo) reuniron a uns 100 nenos cada día.

Máis aló destas propostas, o programa incluíu tamén música, teatro e espectáculos de animación na rúa, entre outras. Esta edición destacou, ademais, por combinar tradición e innovación, incorporando propostas novas como o expositor de Pan 3D, unha das iniciativas máis rechamantes da programación. En total, unhas 200 persoas pasaron pola visita inmersiva ás diferentes panadarías da Asociación de Panadeiros de Carral.

A concelleira recoñeceu o labor dos panadeiros e panadeiras, “que son os e as responsables do éxito desta celebración”. A edil lembra que detrás destas cifras atópase “o esforzo que realizan os artesáns e artesás para manter os seus negocios e preparar unha Festa do Pan que segue crecendo edición tras edición”.

Unha nova xeración de panadeiros comeza a tomar forma esta fin de semana en Carral. Os talleres infantís de elaboración de bolos, enmarcados na XXII Festa do Pan, volven ser un dos grandes atractivos da programación, contribuíndo a garantir a substitución dunha das receitas máis emblemáticas do municipio da man do Concello e a Asociación de Panadeiros.

O interese por esta actividade para os máis pequenos e pequenas fíxose evidente desde primeiras horas da mañá, con longas ringleiras no posto de elaboración. Unha imaxe que tamén se repetiu nos espazos de venda de bolos e dos populares bocadillos cardiosaludables, elaborados con pan, aceite, tomate e xamón.

A xornada inaugural continuará coas actuacións da charanga Noroeste e Gaeloc Medieval, a representación teatral O toxo a cargo do alumnado do IES de Carral, un espectáculo de zancudos e malabaristas e a verbena nocturna con Dúo D’Vicio e o grupo América de Vigo.

Xornada de peche

A Festa do Pan continuará mañá, domingo 10 de maio, a partir das 11.00 horas. Será entón cando reabra a exposición e venda de pan, o bocadillo cardiosaludable, a feira medieval, os expositores de asociacións e centros educativos, e talleres de pan e pulseiras de coiro. Ás 11.30 horas actuará Gaeloc Medieval, seguido do expositor Pan en 3D ás 12.00 horas.

Ás 12.30 horas celebrarase a misa solemne e a posterior procesión, coa actuación da Coral Polifónica Aires de Carral e o acompañamento do Grupo de Música Tradicional Arnela. A programación continuará ás 13.30 horas cunha nova actuación de Gaeloc Medieval e ás 14.00 horas coa sesión vermú a cargo da Orquestra Acordes.

Pola tarde, ás 16.00 horas, a charanga Sorcha Show Band animará o Campo da Feira, seguida ás 16.30 horas por outra actuación itinerante de Gaeloc Medieval polas rúas, xunto coa continuidade dos talleres e o expositor Pan en 3D. Ás 17.00 horas terá lugar o espectáculo Rufina e Benito, no que se repartirán anacos pan de Carral entre o público asistente para que poida degustar esta delicia carralesa.

A xornada proseguirá con novas actuacións de Gaeloc Medieval ás 18.00 horas e da charanga Sorcha ás 18.30 horas. A XXII Festa do Pan despedirase a partir das 20.00 horas coa sesión musical nocturna a cargo da Orquesta Acordes.

O Concello de Carral celebrará o domingo 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, a primeira edición do Torneo de Xadrez das Letras Galegas, unha nova cita deportiva que terá lugar a partir das 16.00 horas no Pavillón do Espiño.


A competición, organizada polo Concello a través da Concellería de Deportes, nace tras o éxito e a boa acollida doutros eventos xa consolidados no municipio, como o Torneo de Verán e o Torneo de Nadal, que nas súas últimas edicións rexistraron un crecente interese e participación.


Para esta primeira edición espérase reunir a ao redor de 50 xogadores e xogadoras procedentes de distintos puntos da provincia da Coruña, cunha capacidade máxima prevista de 60 participantes.


O torneo disputarase mediante o sistema suízo, con partidas rápidas de 30 minutos e un total de sete roldas, nunha xornada que terá unha duración aproximada de catro horas. As persoas participantes competirán nas categorías Sub-10, Sub-14, Absoluta e Mellor Local. Ademais, haberá trofeos para as tres primeiras persoas clasificadas en cada unha das categorías.


Con esta iniciativa, desde a Concellería de Deportes búscase fomentar disciplinas minoritarias como o xadrez, á vez que se promove a convivencia, o deporte basee e a participación en actividades vinculadas a unha data tan significativa para a cultura e a identidade galegas como é o Día das Letras Galegas.


As inscricións poden realizarse de forma presencial no complexo deportivo municipal ou a través dun formulario dispoñible na páxina web e nas redes sociais municipais.

O Concello e a Asociación de Panadeiros ultiman os preparativos para celebrar a Festa do Pan, que terá lugar o sábado, 9 de maio, e o domingo, día 10. A cita gastronómica alcanza a súa vixésimo segunda edición coa premisa de seguir sendo un referente na comarca, apoiándose nunha programación completa que superará as 24 horas de actividade e cun claro fío condutor: a exaltación do pan, un dos produtos estrela do municipio.


O Concello acolleu hoxe a presentación oficial do evento, que correu a cargo do alcalde, José Luis Fernández Mouriño, da concelleira de Comercio, Isabel López, e de varios representantes da Asociación de Panadeiros. Ao acto asistiron tamén os concelleiros Óscar Bodelo, Francisco Bello, Cristina Casal e Patricia López e, ademais, os autores do cartel da XXII edición: os alumnos e alumnas de 4ºA do CEIPP Vicente Otero Valcárcel.


Durante a súa intervención, o rexedor agradeceu a implicación das panaderías participantes, ás que definiu como “unha peza esencial en Carral, posto que eles e elas son os responsables de que o noso pan sexa un dos máis famosos de Galicia”. Así mesmo, destacou “o esforzo adicional que realizarán esta semana”, ao sumar ao seu traballo diario a preparación da festa.


Pola súa banda, a concelleira de Comercio, Isabel López, subliñou que esta edición contará con “unha programación completa na que procuramos ofrecer actividade para todas as franxas de idade” e animou á cidadanía para “continuar espallando a nosa Festa do Pan para que siga medrando en cifras de asistencia”.


Como avanzou a concelleira, ao longo da fin de semana non faltarán o posto de exaltación e venda do bocadillo cardiosaludable (feito a base de pan, aceite, tomate e xamón), os talleres de elaboración de bolos para os máis pequenos, o teatro ou a música.


Tanto o alcalde como a edil se mostraron confiados en alcanzar e mesmo superar as cifras de asistencia e venda da última edición, cando se despacharon uns 6.000 bocadillos.


Programación completa

A Comisión de Festas de Carral organiza o venres, 8 de maio, unha Gran Foliada para quentar motores para a Festa do Pan. Ese día, de 18.00 a 20.00 horas, haberá xogos populares infantís e, a partir das 20.00 horas, levarase a cabo unha foliada que contará coa participación de diversos grupos populares.


O sábado, 9 de maio, o evento arrincará ás 12.00 horas cunha infinidade de propostas: desde o punto de exposición e venda de pan e do bocadillo cardiosaludable da Asociación de Panadeiros e os talleres de elaboración de pan e xoguetes de madeira ata a feira medieval con postos de artesanía de coiro, téxtil, bixutería, etc. A animación musical comezará ás 12.30 horas coa actuación do grupo Gaeloc Medieval, que repetirá ás 13.30 horas. Ás 14.00 horas terá lugar a sesión vermú co Dúo D’Vicio.
Pola tarde, a partir das 16.00 horas, a charanga Noroeste percorrerá o Campo da Feira e as rúas do municipio. Ás 16.30 horas, o alumnado do IES de Carral representará a obra teatral O toxo na praza da Capela, cunha segunda función prevista ás 18.00 horas.


Durante a tarde continuarán os talleres infantís de pan e madeira, xunto co expositor Pan en 3D, que ofrecerá unha visita virtual e inmersiva a un obradoiro. Ás 17.30 horas actuará novamente Gaeloc Medieval, mentres que ás 18.30 horas terá lugar un espectáculo de zancudos e malabaristas acompañado por este mesmo grupo, que volverá subir ao escenario ás 20.00 horas. A xornada do sábado finalizará a partir das 21.00 horas coa sesión nocturna a cargo do Dúo D’Vicio e o grupo América de Vigo.


Xornada de peche
O domingo, 10 de maio, a actividade comezará ás 11.00 horas coa reapertura da exposición e venda de pan, o bocadillo cardiosaludable, a feira medieval, os expositores de asociacións e centros educativos, e talleres de pan e pulseiras de coiro. Ás 11.30 horas actuará Gaeloc Medieval, seguido do expositor Pan en 3D ás 12.00 horas.


Ás 12.30 horas celebrarase a misa solemne e a posterior procesión, coa actuación da Coral Polifónica Aires de Carral e o acompañamento do Grupo de Música Tradicional Arnela. A programación continuará ás 13.30 horas cunha nova actuación de Gaeloc Medieval e ás 14.00 horas coa sesión vermú a cargo da Orquesta Acordes.


Pola tarde, ás 16.00 horas, a charanga Sorcha Show Band animará o Campo da Feira, seguida ás 16.30 horas por outra actuación itinerante de Gaeloc Medieval polas rúas, xunto coa continuidade dos talleres e o expositor Pan en 3D. Ás 17.00 horas terá lugar o espectáculo ‘Rufina e Benito’, no que se repartirán anacos de Carral entre o público asistente para que poida degustar esta delicia carralesa.


A xornada proseguirá con novas actuacións de Gaeloc Medieval ás 18.00 horas e da charanga Sorcha ás 18.30 horas. A XXII Festa do Pan despedirase a partir das 20.00 horas coa sesión musical nocturna a cargo da Orquesta Acordes.

O Concello de Carral recibirá 66.327,18 euros do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competenica municipal (Plan Único de Concellos) da Deputación da Coruña.

Esta partida, para o financiamento do POS + Adicional 1/2026 para gastos sociais extraordinarios no exercicio 2026, quedou aprobada no pleno do 27 de marzo.

A proposta publicouse no Boletín Oficial da Provincia, número 64, do 8 de abril, cunha marxe de 10 días para alegacións e reclamacións.

Transcurrido dito prazo sen queixas presentadas, o acordo provincial foi aprobado.

O Concello de Carral dá a coñecer a programación oficial da XXII Festa do Pan, unha cita xa consolidada no calendario festivo que terá lugar os próximos días 9 e 10 de maio. O evento está organizado polo propio Concello en colaboración coa Asociación de Panadeiros de Carral e conta co apoio da Deputación da Coruña.


A celebración arrincará o sábado 9 de maio a partir das 12.00 horas coa apertura da exposición e venda de pan, así como do bocadillo cardiosaludable. Ao longo da xornada, o público poderá desfrutar dunha feira medieval con presenza de artesáns do coiro, esmaltes, téxtil ou bixutería. Ademais, habilitaranse distintos espazos como un obradoiro de madeira, talleres de elaboración de pan dirixidos a nenos e nenas, e dous expositores: un das asociacións municipais e outro dos centros educativos de Carral.


A animación musical comezará ás 12.30 horas coa actuación do grupo Gaeloc Medieval, que repetirá ás 13.30 horas. Ás 14.00 horas terá lugar a sesión vermú co Dúo D’Vicio. Pola tarde, a partir das 16.00 horas, a charanga Noroeste percorrerá o Campo da Feira e as rúas do municipio. Ás 16.30 horas, o alumnado do IES de Carral representará a obra teatral ‘O toxo’ na Praza da Capela, cunha segunda función prevista ás 18.00 horas.


Durante a tarde continuarán os talleres infantís de pan e madeira, xunto co expositor ‘Pan en 3D’, que permitirá realizar unha visita en realidade virtual a un obradoiro. Ás 17.30 horas actuará novamente Gaeloc Medieval, mentres que ás 18.30 horas terá lugar un espectáculo de zancudos e malabaristas acompañado por este mesmo grupo, que volverá subirse ao escenario ás 20.00 horas. A xornada do sábado finalizará a partir das 21.00 horas coa sesión nocturna a cargo do Dúo D’Vicio e o grupo América de Vigo.


Xornada de domingo


O domingo 10 de maio, a actividade comezará ás 11.00 horas coa reapertura da exposición e venda de pan, o bocadillo cardiosaludable, a feira medieval, os expositores de asociacións e centros educativos, e talleres de pan e de pulseiras de coiro. Ás 11.30 horas actuará Gaeloc Medieval, seguido do expositor ‘Pan en 3D’ ás 12.00 horas.


Ás 12.30 horas celebrarase a misa solemne e a posterior procesión, coa actuación da Coral Polifónica Aires de Carral e o acompañamento do Grupo de Música Tradicional Arnela. A programación continuará ás 13.30 horas cunha nova actuación de Gaeloc Medieval e ás 14.00 horas coa sesión vermú a cargo da Orquesta Acordes.


Pola tarde, ás 16.00 horas, a charanga Sorcha Show Band animará o Campo da Feira, seguida ás 16.30 horas por outra actuación itinerante de Gaeloc Medieval polas rúas, xunto coa continuidade dos talleres e do expositor ‘Pan en 3D’. Ás 17.00 horas terá lugar o espectáculo ‘Rufina e Benito’, durante o cal se repartirá pan de Carral entre o público asistente.


A xornada dominical proseguirá con novas actuacións de Gaeloc Medieval ás 18.00 horas e da charanga Sorcha ás 18.30 horas. A XXII Festa do Pan despedirase a partir das 20.00 horas coa sesión musical nocturna a cargo da Orquestra Acordes.

O poemario escrito conxuntamente por Sara Plaza e Baldo Ramos ven de ser elixido como a obra gañadora do 29º Premio de Poesía Concello de Carral. É a primeira ocasión no que o certame premia unha autoría dobre.

O premio está dotado con 3.500 € e a publicación da obra en Edicións Espiral Maior.

Dun total de 77 obras presentadas ao concurso, o xurado, por unanimidade, decidiu premiar Porcelana e chumbo pola súa voz elixíaca, grave e meditativa. Pon en valor que a escrita aparece como unha forma de acompañar a perda, a cegueira e a memoria moi presentes en todo o traballo. Destaca tamén a madurez expresiva, a densidade poética, as imaxes innovadoras que afondan nos grandes temas universais: a soidade, o paso do tempo e o valor do íntimo. Ademais o xurado quere salientar a orixinalidade que supón crear un  poemario a dúas voces.

O xurado estivo constituído pola concelleira de Cultura, Isabel López, que exerceu de presidenta, as poetas Branca Trigo, Miriam Ferradáns e Modesto Fraga, e o técnico de Cultura e coordinador do certame, Carlos Lorenzo, como secretario con voz e sen voto.

Baldo Ramos (Celanova, 1971), que xa obtivera este premio na súa quinta edición, é poeta e artista plástico. A súa obra poética compóñena unha vintena de libros, entre os que detacan, A árbore da cegueira (2002), El sueño del murciélago (2003), Escura e transparente (2005), Monólogo do calígrafo (2008), Palimpsesto (2009), Palabras para un baleiro (2009), A ferida de comprender (2011), Cartografía do exilio (2014), Cartas dende o esquenzo (2018), Palabras sen ninguén (2019), Porque te quero (2020) ou No interior do abandono (2020). Recibiu os premios Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro, Concello de Carral, María del Villar Berruezo, Arcipreste de Hita, Fiz Vergara Vilariño e ten sido accésit do Premio de Poesía Iberoamericana Víctor Jara e do Premio de Poesía Miguel González Garcés.

A súa obra poética aparece en antoloxías como Enfocarte (ed. Teresa Seara, 2002), Poetas en blanco y negro (ed. Amalia Iglesias Senra, Madrid, 2006),Veinte puntos de fuga (ed. Teresa Seara, Caracas, 2011), Antoloxía de referencia (ed. Carlos Arias-Mariña Pérez Rei, Santiago, 2012), Novas de poesía. 17 poetas (ed. Ana Gorría, Lugo, 2013) ou Migrant Shores, (ed. Manuela Palacios, Salmon Poetry, County Clare-Ireland, 2017).

A súa obra plástica ten sido exposta individualmente en diferentes galerías, museos e feiras de arte de todo Estado.

Sara Plaza Moreno, nada en Bustarviejo (comunidade de Madrid) en 1972, é unha escritora, tradutora e ilustradora española en lingua galega. Entrou en contacto coa lingua galega a través de xornais dixitais, programas culturais da TVG e portais na rede. Participou nos cursos de verán de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”, organizados polo Instituto da Lingua Galega da USC e a Real Academia Galega. En 2019 instalouse en Lugo e matriculouse na USC no Mestrado en Dirección de Actividades Educativas da Natureza. En 2020 gañou a XXXIII edición do premio de poesía Pérez Parallé coa obra Todos os pasos fan ruído.

O acto de entrega do premio, así como a presentación da obra gañadora na pasada edición, Especies invasoras, de Branca Trigo, terá lugar o venres 5 de xuño na Casa da Cultura.

A Asociación Brexa Custodia doTerritorio presenta o proxecto Feal – O Monte, no que se realizará unha andaina divulgativa o próximo 2 de maio a partir das 10:00 horas.

Contará cun percorrido de 7 quilómetros de dificultade moderada con saída desde o polígono industrial dos Capelos.

Inscricións abertas en https://brexa.es/inscripcion-na-andaina-de-presentacion…/.

Máis información no correo brexa.asociacion@gmail.com e no 667 025 903.

Novas recentes