,

CARRAL PREPÁRASE PARA UNHA FIN DE SEMANA CON MOITA MIGA DA MAN DA SÚA FESTA DO PAN

Carral celebrará, esta fin de semana, un dos seus eventos estrela. Un ano máis, o Concello e a Asociación de Panadeiros axuntarán esforzos para celebrar a Festa do Pan, unha cita que chega, neste 2024, á súa vinte edición. Para celebrar este fito histórico ao grande, o Concello e os panadeiros propuxéronse un obxectivo nesta vixésima edición: manter e mesmo superar as cifras de participación da edición de 2023. Ese ano, tomaron parte nos clásicos obradoiros infantís de elaboración de bolos máis de 2.000 pequenos e pequenas e, a maiores, contáronse por miles os bocadillos cardiosaudables despachados ao longo da fin de semana.

O Concello acolleu, esta mañá, a presentación oficial do evento, que correu a cargo do alcalde, Javier Gestal, dos concelleiros e concelleiras do goberno local, de varios representantes da Asociación de Panadeiros e dos nenos e nenas de 2º de Primaria do CEIP Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel que elaboraron o cartel da vinte edición.

Durante a presentación, o rexedor enxalzou o labor do colectivo de panadeiros, sen “cuxo esforzo e dedicación non se tería chegado ao vinte aniversario da cita gastronómica”.

Programa do sábado

O sábado, 11 de maio, o evento comezará ás 12.00 horas coa clásica exposición, venda de pan e, por suposto, do xa clásico bocadillo cardiosaudable. A base desta delicia é, por suposto, o pan de Carral pero, a maiores, leva aceite, tomate e xamón. A esa mesma hora está previsto o inicio da feira medieval e dos talleres de elaboración de pan, unha das principais atraccións da Festa. Con todo, a música tamén acompañará ao longo da xornada inaugural. Así, o sábado, ás 12.30 horas está prevista a actuación do grupo musical Gaeloc Medieval (que realizará outro pase ás 13.30 horas). Esta agrupación dará paso, ás 14.00 horas, á sesión vermú a cargo do grupo Zona Zero.

Xa pola tarde, a partir das 16.30 horas, o alumnado do IES de Carral representará a obra Amar o mar na sala multiusos do edificio social Toñito Espiñeira (os mozos realizarán un segundo pase ás 18.30 horas). Tamén pola tarde darán comezo os talleres de olaría e haberá, ademais, un expositor Pan en 3D. Non faltarán tampouco os espectáculos de zancos e malabaristas (ás 18.30 horas) e a sesión musical de noite (desde as 21.00 horas) cos grupos Zona Cero e América S.L.

Programa do domingo

O domingo, 12 de maio, a Festa do Pan arrincará ás 11.00 horas. Xa desde o inicio comezarán a exposición e venda de pan, os talleres e a feira medieval. Ás 12.30 horas haberá unha misa e procesión en honra a San Honorato, patrón dos panadeiros, que contará coa música do Grupo de Música Tradicional Arnela. A música continuará ás 13.30 horas coa actuación de Gaeloc Medieval e seguirá ás 14.00 horas co concerto de Lume.

Louband porá o toque musical pola tarde (ás 16.30 horas). Ás 17.30 horas levarase a cabo unha exhibición de cetrería. Gaeloc Medieval (18.00 horas), Louband (18.30 horas) e Lume (20.00 horas) encargaranse de amenizar o final da vinte edición da Festa do Pan.

Durante toda a fin de semana, o Campo da Feira contará cun expositor dos centros de ensinanza de Carral e, ademais, con outro en colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro.