O Concello de Carral e a Asociación de Custodia do Territorio de Carral “Brexa” formalizaron hoxe un convenio de colaboración para a custodia e xestión activa de cinco parcelas municipais, cunha superficie total de 62,711 hectáreas.
O acordo foi asinado esta mañá na Casa do Concello polo alcalde de Carral, José Luís Fernández Mouriño, e a presidenta de Brexa, Pilar Morandeira, nun acto no que tamén participou o concelleiro de Medio Ambiente, Óscar Bodelo, a técnica de Medio Ambiente, María Couto, e os membros da asociación Xosé Rodríguez e David Chas. A firma prodúcese despois de que o Pleno da Corporación autorizase o pasado xoves a formalización do convenio. Previamente, Brexa fora seleccionada como entidade de custodia mediante o correspondente procedemento de concorrencia.
As parcelas atópanse nos Capelos, a área Recreativa do Río Brexa e Paleo, nas parroquias de San Martiño de Tabeaio e Santo Esteban de Paleo. Entre os seus valores destacan a presenza de hábitats húmidos apropiados para a conservación de anfibios e terreos nos que se contempla favorecer a rexeneración de bosque autóctono mediante a plantación de frondosas.
O convenio ten como finalidade a conservación activa e restauración dos valores naturais e da biodiversidade destes terreos. Entre as actuacións previstas figuran a mellora do estado de conservación da flora, a fauna e os hábitats, a rexeneración de bosque autóctono, a eliminación de especies alóctonas, os labores de limpeza e recollida de residuos, a divulgación dos valores naturais e o apoio á investigación relacionada coas ciencias naturais.
Durante o acto, oalcalde de Carral, José Luís Fernández Mouriño, destacou o compromiso municipal coa conservación destes espazos. “Cedemos as parcelas para que se poidan utilizar para os fins que Brexa considere, pero sempre coa finalidade de conservar a flora e a fauna”, sinalou. Mouriño engadiu que “o Concello de Carral está á vosa disposición para o que faga falta”, dentro do marco establecido no convenio.
Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente, Óscar Bodelo, puxo en valor a dimensión temporal do acordo. “O convenio é por 15 anos, prorrogable”, explicou, destacando que se trata dunha colaboración concibida a longo prazo. A vixencia inicial será de 15 anos desde a firma e poderá prorrogarse por períodos sucesivos de igual duración ata un máximo de 30 anos, mediante acordo expreso e con informe favorable dos servizos técnicos municipais.
Brexa deberá presentar ao Concello, no prazo de tres meses, un Plan de Actuación Plurianual, mentres que os plans anuais requirirán a aprobación municipal antes da súa execución. A entidade asumirá as actuacións necesarias para cumprir os obxectivos de conservación, a obtención dos permisos que sexan necesarios e a presentación de informes sobre a actividade e as incidencias que se produzan.
O Concello, pola súa banda, facilitará o acceso aos terreos e a documentación necesaria, colaborará na difusión das actuacións e permitirá o desenvolvemento das accións previstas no convenio. Ademais, ambas as partes constituirán unha comisión de seguimento que se reunirá polo menos unha vez ao ano para avaliar a execución do acordo e formular recomendacións.
Desde a Asociación de Custodia do Territorio de Carral “Brexa” valoraron positivamente a formalización do acordo e, especialmente, o seu carácter a longo prazo. “É un proxecto a longo prazo e estamos contentos, porque permitirá traballar ben e ir facendo as cousas pouco a pouco”, sinalaron desde a entidade. Neste sentido, destacaron a importancia de contar cun período amplo para planificar e desenvolver as distintas actuacións de conservación e mellora das parcelas, adaptándoas ás necesidades que se vaian detectando en cada un dos espazos.















