Máis de 4.000 persoas tomaron parte na oferta de actividades culturais que o Concello organizou ao longo do 2024. O programa incluíu espectáculos pertencentes a distintos xéneros e destinadas a varias franxas de idade. Así se expuxo, esta mañá, nun acto no que se avaliaron a programación e os resultados acadados o pasado exercicio. A cita realizouse na Casa da Cultura e nela estiveron presentes o alcalde, Javier Gestal, a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, e o técnico da área de Cultura de Carral, Carlos Lorenzo, que se encargou de repasar os fitos máis destacables. Entre eles, ademais das cifras de asistencia, despuntou o total de iniciativas organizadas, que chegou ás 73.

Este acto é froito do traballo realizado desde o departamento de Cultura para reunir datos que permitan, non só valorar os resultados e os impactos na cidadanía, senón tamén para reorientar estratexias e políticas culturais.

As actividades estiveron repartidas ao longo do ano, con propostas todos os meses. Porén, o de novembro foi o que congregou un maior número, chegando ás 12. O ciclo de Cine Documental Galego, os contacontos para a animación á lectura, o Premio de Poesía Concello de Carral, CulturúaMúsicas ÍntimasNoites de Monólogo, o Ciclo de Teatro de Outono e o programa Papeques foron as principais no calendario carralés, aínda que non foron as únicas. A este listado hai que sumar, ademais, o festival Muller a Escena, o espectáculo de Vilatriste a Vilalegre do Centro Dramático Galego, as propostas artísticas Dinamiz-ARTj do Instituto para a Transición Xusta, Elas son artistas e a exposición fotográfica Nós tamén fomos emigrantes.

Propostas máis numerosas

As artes escénicas, incluíndo a danza, supuxeron máis dun terzo da programación anual de 2024, reunindo, así mesmo, á metade do público asistente. As sesións de contacontos para nenos e nenas son a segunda categoría máis numerosa do 2024, ocupando tamén a segunda posición en cifra de participantes. No terceiro lugar atópase a proxección de audiovisuais.

Premio de Poesía

No 2024, o Concello celebrou a 27ª edición do seu Premio de Poesía. Trátase dun dos certames máis lonxevos de Galicia que conseguiu un auténtico récord en cifras de participación. En total, á convocatoria achegáronse 94 obras grazas á implantación dun novo sistema telemático para a presentación dos traballos.

Ciclo de Teatro de Outono

O Ciclo de Teatro de Outono é, sen lugar a dúbidas, unha das iniciativas mellor asentadas na programación municipal. A de 2024 incluíu a representación de 12 obras e, ao remate de cada unha das funcións, o público tivo a oportunidade de responder a unha enquisa de satisfacción. Do total de participantes (1.151 persoas), responderon ao cuestionario case un 30%.

Nestas enquisas preguntóuselle ao público que puntuación lle concedía á obra, se a recomendaría a outras persoas, cales eran os aspectos que máis lle gustaran e, por último, cal era o nivel de dificultade á hora de entender a representación. 

A puntuación media acadada por estes espectáculos foi de 4,7 sobre 5. Así mesmo, un 97% das persoas que encheron a enquisa recomendarían as obras que conformaron o Ciclo de Teatro de Outono.

As solicitudes do goberno local deron resultado e tres frecuencias da liña de autobús que conecta San Vicente de Vigo e o IES David Buján (de uso compartido entre o alumnado do instituto e os veciños e veciñas) incorporarán a partir do luns, 17 de febreiro, dúas novas paradas en Balbén e Taramuño.

En concreto, as frecuencias que se verán beneficiadas por este cambio serán a das 7.30 horas (de Tabeaio cara ao IES David Buján) e no sentido de volta a que discorre desde o CIFP Universidade Laboral ás 14.00 horas. Esta modificación afectará tamén á frecuencia dos luns ás 18.00 horas (desde o CIFP Universidade Laboral).

Unha petición veciñal

Ata o de agora, o autobús non pasaba por estes puntos da parroquia de San Vicente de Vigo, obrigando tanto aos veciños e veciñas como ás familias con fillos e fillas no IES David Buján a desprazarse a outras zonas para facer uso do servizo.

Para solucionar esta problemática e atender ás demandas veciñais, o goberno local solicitou unha modificación do roteiro para que se incorporasen tamén estes dous puntos. O alcalde, Javier Gestal, celebra que “a Xunta de Galicia respondese e atendese a nosa solicitude, que partiu directamente dos veciños e veciñas”.

Os Reis Magos repiten, un ano máis, a súa cita en Carral, ofrecendo un percorrido por distintas parroquias do municipio. As Súas Maxestades chegarán este domingo, 5 de xaneiro, e sairán coa cabalgata, se as condicións meteorolóxicas o permiten, a partir das 15:30 horas para cumprir os desexos dos máis pequenos e pequenas.

Itinerario con horarios aproximados:

O Xalo – 15:30 h – Local Urbanización

Cabrois – 15:45 – Parque

Quembre – 16:00 h – Local Social

Tabeiao – 16:20 – Campo da Festa

Barcia – 16:30 – Local Social

Gosende – 16:50  – Cruce

A Cabra – 17:00 – Cruce

Sergude – 17:15 – Local Social

O Canedo – 17:30 – Local Social

San Vicente – 17:45 – Local Social

As Travesas – 18:00 – Casa Avelina

Cañás – 18:15 – Local Social

Veira – 18:30 – Local Social

Carral – 19:00 e chegada ao pavillón do Espiño

O percorrido polas parroquias estará condicionado á previsión meteorolóxica. No caso de cancelarse daremos aviso a través das canles habituais do Concello.

Tamén, a partir das 18:00 horas, haberá festa infantil, inchables, animación e xogos no pavillón do Espiño para amenizar a chegada das Súas Maxestades, que teñen prevista a entrada no recinto sobre as 19:00 h. Ademais todas as persoas asistentes poderán gozar do tradicional roscón de Reis e chocolate. Toda a rapazada que o desexe poderá levar as súas cartas ao pavillón para entregarllas aos Reis Magos e que atendan os seus desexos.

A Consellería de Medio Rural publica no DOG nº 199 do martes 15 de outubro de 2024 a orde ao abeiro da cal:

As persoas particulares, comercios e explotación afectadas pola praga da Tecia que tiveran plantacións de patacas arrincadas, semente e/ou pataca de consumo poderán solicitar indemnizacións para compensar as perdas ocasionadas.

O prazo de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 15 de novembro de 2024.

As persoas interesadas poderán obter máis información no servizo de medio ambiente e medio rural do concello ou no teléfono 881913533.

Consulta a orde do DOG aquí.

O goberno local, por medio das concellerías de Medioambiente e de Turismo, levará a cabo a sinalización ambiental da Ruta da Auga de Carral, a través dunha subvención do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Estas axudas están destinadas aos estudos e investimentos vinculadas á conservación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural, así como á sensibilización ecolóxica nas Rede de Reservas de Biosfera de Galicia.

Esta actuación, baixo o marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 de Galicia, ten o obxectivo de sinalizar este roteiro, de 9,3 km de lonxitude, para dar valor á conservación e recuperación das zonas naturais do municipio, que nesta ocasión afectan as parroquias de San Vicente e Cañás, na contorna do río Barcés.

Entre as funcións ambientais desta actuación destacan a sensibilización do espazo natural das persoas visitantes, o fomento do lecer responsable coa natureza, a axuda ao mantemento e conservación das especies e os seus hábitats ou axudar a coñecer os valores naturais e culturais máis relevantes do río Barcés no Concello de Carral.

A instalación destes elementos realizarase en dous tramos, un nesta anualidade 2024 na que se instalarán catro mesas informativas con códigos QR e outra durante o próximo ano, con diversas pezas informativas.

O teatro cobrará protagonismo na recentemente estreada nova estación. Da man dunha nova edición do Ciclo de Teatro de Outono, o local Xente Nova de Tabeaio acollerá a representación de 12 funcións. Estas levaranse a cabo ao longo dos meses de outubro e novembro, ofrecendo propostas para os veciños e veciñas de todas as idades. A primeira levarase a cabo este venres, 4 de outubro, ás 20.30 horas.

A compañía Constraproducións será a encargada de inaugurar o programa con Apaga o candil (venres, 4 de outubro, ás 20.30 horas). A obra conta a historia do encontro entre o d’O Xestal e outro home miúdo e melancólico, a morte. Nun primeiro momento, o protagonista resístese a seguila pero, finalmente, remata por establecerse unha dinámica e amena tirapuxa entre ambos os personaxes.

Unha semana despois, Teatro do Miolo tomará o relevo con Saíndo do cerco (venres, 11 de outubro, ás 20.30 horas). Nela cóntase a historia de Suso, o novo residente dun centro asistencial de maiores que cre que a estas alturas, xa non merece a pena vivir. Todo cambia cando coñece a Amalia, que lle axudará a atopar de novo o sentido da vida.

Ao día seguinte (sábado, 12 de outubro 19.00 horas), e como parte do Festival de Galicreques, Titerefué e Titiritainas Teatro de Títeres chegará a Tabeaio con Diente de leche. Está dirixida a nenos e nenas maiores de 4 anos que descubrirán a misión do Rato Pérez: recoller os dentes de leite que as nenas e nenos deixan baixo das almofadas para convertelos en estrelas.

O auto do castromil será a seguinte representación o venres, 18 de outubro, ás 20.30 horas. Neste traballo de Producións Teatrais Excéntricas, a historia acontece nunha viaxe onírica abordo dun coche de liña. Mentres os viaxeiros dormen e o condutor fai o seu traballo, as maletas amotínanse e cobran vida para repasar unha curiosa historia de Galicia.

O venres, 25 de outubro, ás 20.30 horas Malasombra levará aos escenarios Testosterona, onde o director dun importante medio de comunicación debe deixar o seu posto en mans dalgún dos seus subdirectores: unha muller ou dous homes. A obra reflexiona sobre as razóns que influirán nesa decisión.

Emotivas, de Titiritres, será a seguinte proposta do Ciclo de Teatro de Outono, encadrada tamén no Festival de Galicreques (sábado, 26 de outubro, ás 19.00 horas). Na obra, Melancolía, Irritación e Seguridade descubrirannos o que son as emocións, como nos fan sentir e o divertidas e complexas que son.

Programación de novembro

O Concello inaugurará o mes con Iphixenia na porta do súper, de Compañía Humana (venres, 1 de novembro, ás 20.30 horas). Nela cóntase a historia de Iphixenia, unha nini de barrio que pasa os días nun bucle de alcol e apatía. Porén, esta dinámica cambia cando coñece a un rapaz distinto dos demais e que lle fai sentir que non está soa.

Made in Galicia, de Sarabela Teatro, aterrará en Tabeaio o venres, 8 de novembro, ás 20.30 horas. Trátase dunha comedia sobre o uso do galego que mestura a divulgación, a ironía e a realidade dun xeito perfecto.

Teatro Arroutada de Carral volverá actuar no Ciclo de Teatro o venres, 15 de novembro, ás 20.30 horas. Nesta ocasión, con Chicago, na que se conta a historia de Roxie Hart, unha muller que soña con subir ao escenario do Club Onyx pero que remata no cárcere tras ser acusada de asasinar ao seu amante. Alí coñece á súa admirada Velma Kelly, unha estrela do jazz condenada tamén por matar ao marido e á irmá. As vidas de ambas as dúas mulleres acaban entrelazándose.

A Tropa do Rueiro de Tabeaio (teatro amador) tomará a remuda o 16 de novembro, ás 20.30 horas, con La profecía. Precisamente, a historia transcorre nunha vila onde hai unha profecía: o home máis rico morrerá á medianoite. Casualmente, ese é o alcalde, que recorrerá aos seus concelleiros para que lle axuden a atopar unha solución ao problema.

Roi Borballas chegará ao municipio con Solo, onde o artista reflexionará sobre os pensamentos e sensacións dun actor sen o seu público, dun pallaso cando ninguén o observa. Será o venres, 22 de novembro, ás 20.30 horas.

Crisálida, de Caramuxo Teatro, pechará a nova edición o venres, 29 de novembro, ás 20.30 horas. A función está baseada en feitos reais, descubrindo a historia dunha mercería que leva ese nome e que ten xa máis de 80 anos de existencia.

A entrada será libre ata completar aforo. En todo caso, unha vez que estea iniciada a función, non se permitirá o acceso á sala. 

Carral abriu hoxe, luns 9 de setembro, o período de inscrición das Escolas Municipais para o curso 2024-2025. A oferta inclúe unhas 40 actividades promovidas tanto polo Concello como por distintas asociacións veciñais, culturais e deportivas do municipio. Como noutras ocasións, a convocatoria abarca propostas deportivas, culturais, educativas e de Servizos Sociais dirixidas a veciños e veciñas de todas as idades.

As Escolas Municipais contan coas seguintes iniciativas:

  • Atletismo: para nenos e nenas nados no 2020 e en anos anteriores.
  • Ximnasia rítmica: para nados no 2020 e anteriores.
  • Patinaxe: para nados no 2020 e anteriores.
  • Judo: para nados no 2020 e anteriores.
  • Equitación: para persoas a partir de 7 anos e tamén para adultos.
  • Baloncesto: para rapaces e rapazas a partir dos 6 anos.
  • Pádel: a partir de 8 anos.
  • Zumba: o programa está dirixido para persoas a partir dos 12 anos.
  • Ximnasia de mantemento en Carral
  • Ximnasia de mantemento nas parroquias
  • Actividades escolares: servizo de madrugadores e concilia día a día, robótica, debuxo e pintura, Fun english, informática, baile moderno e cociña divertida.
  • Dentro da Escola Municipal de Música ofrécense tamén música e movemento (para nados entre o 2018 e o 2021) e clases de piano, guitarra (española/eléctrica), batería, etc. Para nenos e nenas e adultos (nados no 2016 e anteriores).
  • Fútbol sala e balonmán da man da U.D. Carral.
  • Tiro con arco por parte dos Arqueiros do Adarve.
  • Tiro Olímpico da man do Club de Tiro Olímpico de Carral.
  • Ximnasia de mantemento, risoteriapia/baile animación, pilates-ioga, ‘actívate’, guitarra e clases de cociña para nenos e nenas organizadas pola AA.VV. Río Barcés.
  • Bailes latinos en liña, costura, corte e confección, calceta e gancho e ioga organizadas pola Asociación Mulleres Rurais.
  • Música tradicional e pandeireta, teatro e labores por parte da AA.VV O Rueiro de Tabeaio.

As persoas interesadas poderán anotarse ata o 18 de setembro ou ata o remate das prazas da actividade ou grupo. Deberán presentar a súa solicitude presencialmente na Casa da Cultura ou en liña a través da sede electrónica ou na sección de Escolas Municipais da páxina web. As prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición. O inicio das propostas será na primeira semana de outubro.

O Concello de Carral resultou beneficiario da subvención solicitada á Consellería de Política Social e Igualdade.

Orde do 3 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (códigos de procedemento SI436A, SI435A e SI427B).

O programa estpola Consellería de Política Social e Igualdade e polo Ministerio de Igualdade.

Desde o Concello informamos que se dispón de tres prazas no programa de emprego para persoas mozas inscritas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil ‘Coidados sociosanitarios’. As persoas interesadas deberán chamar, con carácter urxente, ao edificio social Toñito Espiñeira a través do teléfono 981 61 35 20.

O Concello de Carral recibiu unha subvención dentro do programa PIMA Cambio Climático.

Como parte da iniciativa, levouse a cabo unha actuación de naturalización na contorna da rúa Manuel Jesús Méndez Búa.

Así mesmo, realizarase unha actividade de sensibilización aberta a toda a cidadanía.

O xoves, 1 de agosto, ás 10:00 horas, o Edificio Social Toñito Espiñeira acollerá unha xornada organizada pola Concellería de Medio Ambiente e na que se fomentará a reciclaxe, o aforro e eficiencia enerxética e o consumo responsable de auga.

Haberá charlas, exposicións e diversos materiais coma un composteiro, un medidor de consumo de enerxía así como experimentos con elementos como cunha cociña solar.

Estas actividades están abertas a toda a veciñanza, que poderá inscribirse a través dos teléfonos 881 913 545, 881 913 533 e 981 670 002.

O Concello rendeu onte homenaxe a Fina Sedes Freire, profesora da Escola Municipal de Carral de Teares, Tapices e Macramé durante as tres últimas décadas. Fíxoo coincidindo coa inauguración dunha nova exposición na que se recolle, precisamente, parte do traballo realizado durante as distintas sesións formativas desta actividade municipal. Ao acto inaugural asistiron o alcalde, Javier Gestal, o concelleiro de Cultura, Francisco Bello, o técnico de Cultura, Carlos Lorenzo, unha ampla representación do alumnado de Fina Sedes, así como os seus amigos e familiares.

Durante a súa intervención, o rexedor puxo en valor “a vocación didáctica” de Sedes Freire, que quedou patente na devoción amosada polo seu alumnado e entregoulle, ademais, un agasallo institucional en nome de todo o Concello.

Ademais de mestra na Escola de Carral, Fina Sedes e o seu marido, Xabier Rodríguez, son os fundadores Tapices Galicia. O obradoiro ten máis de corenta anos e está especializado na confección de tapices de alta calidade.

A colección do Concello reúne unha ampla variedade de artigos elaborados polo alumnado durante as clases do curso 2023-2024. Entre eles, atópanse tapices de parede, vasos, floreiros e lámpadas ornamentais que locen estes tecidos, prendas de roupa e mesmo pulseiras. As persoas interesadas poderán visitala na Casa da Cultura (Colección Museográfica do Castro das Travesas) ata o 10 de xullo en horario de mañá.