O torneo celebrarase entre o 20 de xullo e o 13 de setembro e consolídase como unha
das citas deportivas máis destacadas do calendario estival no municipio.

O Concello de Carral, a través da súa área de Deportes, abre o prazo de inscrición para
participar no X Torneo de Pádel de Verán, unha competición que alcanza este ano a súa
décima edición, consolidándose como unha actividade de referencia para os afeccionados e
afeccionadas a este deporte na localidade.

As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición entre os días 3 e 18 de xullo, ben
de maneira presencial no Complexo Deportivo de Carral ou a través do formulario habilitado
para este fin.

O torneo de adultos consta de 2 categorías; a categoría A está dirixida a aquelas parellas
cun nivel medio/alto, mentres que a categoría B está destinada a aquelas parellas cun nivel
medio.

O torneo desenvolverase entre o 20 de xullo e prolongarase ata o 13 de setembro. Nas
primeiras semanas disputarase unha fase de liga por grupos, de cuxas clasificacións sairá o
cadro eliminatorio. Os partidos disputaranse en horario de tarde-noite.

Está dirixido a xogadores e xogadoras a partir dos 15 anos de idade. A cota de participación
será de 5 euros por parella, mentres que os horarios dos encontros serán acordados polos
propios participantes para facilitar a conciliación e a organización dos partidos.

A celebración desta décima edición é unha mostra da excelente saúde da que goza o pádel
en Carral. Ao longo dos últimos anos, esta disciplina experimentou un notable crecemento no
municipio, apoiada por unha oferta deportiva estable e por unha ampla participación cidadá.
Neste sentido, ademais do tradicional Torneo de Verán, Carral conta cunha Liga de Pádel,
qeu se disputa na primavera, e que reúne cada tempada a máis de 25 parellas,
converténdose nunha das competicións afeccionadas con maior seguimento dentro da
programación deportiva municipal.

A este impulso súmase tamén a posta en marcha este verán dos cursos de pádel, unha
nova proposta formativa que está a contar cunha gran acollida e na que participan
actualmente 30 alumnos e alumnas de diferentes idades e niveis.

Os datos da pasada edición avalan igualmente o interese que esperta esta competición. No IX
Torneo de Pádel de Verán, celebrado en 2025, participaron 24 parellas, que disputaron
preto de 80 partidos ao longo de toda a competición. Desde a organización confían en
manter ou incluso superar estas cifras nesta nova edición, consolidando a tendencia de
crecemento que o pádel vén experimentando no municipio.

O Concello de Carral volverá organizar este verán o seu tradicional Torneo de Tenis de
Verán, unha cita deportiva que alcanza a súa XVI edición e que supón a recuperación dunha
das competicións máis emblemáticas do calendario deportivo municipal.


A última edición do torneo celebrouse no ano 2018, coincidindo coa súa vixésimo quinta
convocatoria. Agora, en 2026, e unha vez acometidas as actuacións de mellora necesarias
para poñer a pista de tenis municipal en condicións óptimas para a práctica deportiva, o
Concello aposta por retomar esta histórica competición, moi arraigada entre os afeccionados
e afeccionadas ao tenis da localidade.


O prazo de inscrición abrirase o vindeiro 4 de xullo e permanecerá activo ata o 18 de xullo.
As persoas interesadas poderán formalizar a súa participación de maneira presencial no
Complexo Deportivo Municipal ou a través do formulario habilitado para este fin.


O torneo está dirixido a xogadores e xogadoras a partir dos 15 anos, cunha cota de inscrición
de 5 euros por participante. A competición desenvolverase entre o 20 de xullo e o 13 de
setembro, cun sistema de horarios flexible, xa que os encontros serán acordados polos
propios participantes para facilitar a súa organización.


A recuperación deste torneo chega nun momento especialmente positivo para o tenis en
Carral. Esta modalidade deportiva está a experimentar unha notable demanda, como
demostran os case vinte alumnos e alumnas inscritos na escola de verán de tenis, así
como o elevado nivel de utilización das instalacións municipais desde a súa reapertura,
rexistrándose un importante número de reservas por parte da veciñanza.


Desde o Concello de Carral destacan que a volta deste torneo responde ao interese crecente
pola práctica do tenis no municipio e ao obxectivo de seguir ampliando a oferta deportiva
local, recuperando ao mesmo tempo actividades que forman parte da historia deportiva
carralesa.

O Concello deu comezo esta semana aos cursos municipais de natación correspondentes ao mes de xullo, nos que participan un total de 54 nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 14 anos.

A actividade, que se desenvolve na piscina municipal ao longo de todo o mes, forma parte da programación deportiva de verán impulsada polo Concello e ten como obxectivo favorecer a aprendizaxe da natación, mellorar as habilidades acuáticas e promover hábitos de vida saudables entre a rapazada.

O alumnado está distribuído en tres quendas en función da idade. A primeira está destinada aos participantes de maior idade, a segunda ao grupo intermedio e a terceira aos nenos e nenas máis pequenos. As clases teñen unha duración de 45 minutos e impártense en horario de mañá, entre as 11:45 e as 14:00 horas.

Dentro de cada quenda establécense, ademais, dous niveis —iniciación e perfeccionamento— co fin de adaptar as sesións ás capacidades e necesidades de cada participante. En todo momento, os grupos están atendidos por dous monitores e contan coa presenza dun socorrista, garantindo así o desenvolvemento da actividade nas máximas condicións de seguridade.

Desde o goberno local destacan a boa acollida que volven rexistrar estes cursos, unha proposta xa consolidada dentro da programación estival e que permite achegar a práctica deportiva e a aprendizaxe da natación á veciñanza máis nova.

Así mesmo, o Concello está a preparar xa os cursos de natación do mes de agosto. O prazo de inscrición abrirase o 13 de xullo ás 9:00 horas e permanecerá aberto ata as 14:00 horas do 21 de xullo. As solicitudes poderán tramitarse a través do rexistro municipal ou da sede electrónica.

Un total de 265 veciños e veciñas participaron no proceso impulsado polo Concello para definir o futuro uso da ampliación do Campo da Feira. Do total de respostas, o 85,28% recibiuse a través do formulario en liña habilitado para a consulta, mentres que o 14,72% restante rexistrouse na urna presencial instalada polo Concello. A concelleira de Educación, Sanidade e Emprego, Cristina Casal, agradeceu “a colaboración e implicación da veciñanza, fundamental para atopar o uso máis axeitado para este espazo”. Como explica, o seguinte paso consistirá en analizar as opcións para determinar a súa viabilidade económica e técnica.

A creación dunha pista multideporte foi a opción que obtivo máis respaldo, con 88 votos, o que representa o 33,21% do total. Moi preto situouse a disposición dun espazo con mesas e bancos para o descanso, que recibiu 86 votos (32,45%).

Ademais, o 28,68% das persoas participantes optou por expor outras opcións distintas ás inicialmente propostas polo Concello (pista multideportiva, zona de patinetes ou área de mesas e descanso). Entre as suxerencias figuran o uso desta área como zona de aparcamento, a instalación de baños públicos, dunha pista de calistenia, parque biosaudable ou dunha área verde. A creación dunha zona de patinetes foi a menos escollida, acumulando un 5,66% dos votos.

Unha vez determinado o uso máis adecuado entre as distintas opcións expostas, o Concello destinará os preto de 650 metros cadrados que o Campo da Feira gañou para ampliar os servizos e equipamentos dos veciños e veciñas.

Unha vez rematado o prazo de inscrición nos CURSOS DE NATACIÓN DO MES DE XULLO de 2026 que se impartirán entre o 1 e o 31 de xullo, publícanse ás LISTAS PROVISIONAIS das solicitudes admitidas, así como os diferentes GRUPOS E HORARIOS coas seguintes observacións:

  1. Os inscritos están ordenados alfabeticamente polo seu APELIDO.
  2. As prazas adxudícanse segundo a orde de inscrición tendo preferencia aqueles nenos/as empadroados ou matriculados en centros educativos en Carral.
  3. Para formalizar a inscrición é preciso facer o pago nas datas e forma establecidas previamente (do 29 ao 30 de xuño).

No remate do curso escolar, entregáronse os premios dos concursos escolar e xuvenil de poesía que se organizan co Premio Concello de Carral. Nesta novena edición dos certames que tiveron lugar no CEIP Vicente Otero e no IES Carral participaron case 70 alumnos e alumnas. Os poemas gañadores escribíronos:

  • Concurso Escolar (CEIP Vicente Otero):
    • Nerea Vázquez Nogueira (5º A)
    • Uxía Budiño Prego (5º A)
    • Santiago Gandica Zambrano (6º C)
  • Concurso Xuvenil (IES Carral):
    • Adriana Pito Tubío (1º A)
    • Carlos Manuel García Penelas (1º A)
    • Mara Barcia López (1º A)

Todo o alumnado participante nos certames recibiu da man da concelleira de Cultura, Isabel López, agasallos cedidos pola Secretaría Xeral de Lingua da Xunta de Galicia.

Os concursos escolar e xuvenil de poesía organízase para alumnado de 5º e 6º de Primeira e alumnado da ESO de Carral, como actividade posterior ao obradoiro de poesía que o departamento de Cultura organiza nos centros educativos de municipio, animando así a escrita lírica e a lectura de poemas entre a mocidade.

Máis de 600 persoas participaron, entre os meses de outubro e xuño, nas escolas deportivas municipais de Carral. O Concello está a poñer estes días o broche de ouro a nove meses de intensa actividade con clausura das escolas e, ademais, da IV Liga de Pádel, na que se enfrontaron 26 parellas.

O Concello está a pechar as diferentes actividades que integran a oferta deportiva municipal, que incluíu propostas para todas as idades como xogos predeportivos, atletismo escolar, patinaxe escolar, pádel, judo, ximnasia rítmica, ximnasia de mantemento (desenvolvida en varias parroquias), baloncesto, zumba e equitación. Entre as modalidades con maior participación destacan as clases de ximnasia de mantemento, con preto de 90 persoas rexistradas, seguidas de ximnasia rítmica, con 57 participantes; patinaxe escolar, con 40, e pádel, que reuniu a preto de 40 alumnos e alumnas.

O Concello traballa xa na próxima edición das escolas deportivas municipais. O proceso de inscrición está previsto para finais de agosto ou principios de setembro.

Liga de Pádel

A IV Liga de Pádel tamén chegou esta semana ao seu fin tras preto de catro meses de competición. Manuel Cortés e Rubén Rodríguez proclamáronse campións da categoría A, mentres que Joel Sarmiento e Diego Sarmiento conquistaron o título na categoría B, pechando unha edición na que se disputaron preto de 90 partidos desde o pasado mes de marzo.

A competición comezou cunha fase de grupos e continuou coas eliminatorias ata a celebración das finais, poñendo fin a unha edición que volveu destacar pola elevada participación e o alto nivel deportivo mostrado polas parellas participantes.

El Música, cinema, circo, contacontos, danza e clown volverán ser protagonistas durante os meses de verán en Carral coa sexta edición de CultuRúa. Como parte deste programa municipal, que arrincará esta mesma semana, ofreceranse seis espectáculos ao aire libre dirixidos a públicos de todas as idades durante os meses de xuño, xullo e agosto.

A programación comezará este xoves, 18 de xuño, ás 18.00 horas no Campo da Feira coa compañía Chuches Amil e o espectáculo Chuches Amil Eléctrico, unha proposta musical pensada para público familiar. O concerto, liderado por Fran Amil, busca achegar á infancia o patrimonio cultural galego a través de cancións que promoven valores como o respecto, a solidariedade e a non violencia.

A seguinte cita será o xoves 25 de xuño, tamén no Campo da Feira ás 18.00 horas, coa compañía Zirko Txosko e o seu espectáculo de circo contemporáneo Távole. A función está inspirada nos problemas da sociedade actual e, a través da linguaxe universal circense, as personaxes protagonistas chegarán á conclusión de que as solucións aos problemas contemporáneos pasan pola convivencia, a comunicación e o respecto.

A terceira semana estará dedicada ao cinema. O xoves, 2 de xullo, ás 22.30 horas, a pista polideportiva de Tabeaio acollerá a proxección de Rondallas, un filme que relata como un pobo decide recuperar a ilusión tras un tráxico naufraxio. Para logralo, volven poñer en marcha a rondalla, unha agrupación de música tradicional na que participan desde os nenos e nenas ata os máis maiores.

A programación continuará o xoves, 30 de xullo, no Campo da Feira (18.00 horas) coa proposta O camiño do afiador, do Mago Teto. O espectáculo rende homenaxe aos antigos afiadores galegos e á súa relación co Camiño de Santiago, a través dunha posta en escena arredor dunha auténtica roda de afiar dos anos 30.

O 4 de agosto será a quenda de Paty Lesta co contacontos Os rizos de Lía, tamén no Campo da Feira ás 18.00 horas. A historia acompaña a Lía nunha viaxe chea de emocións, aprendizaxes e descubrimentos, traballando valores como a amizade, a autoestima e o respecto pola identidade.

O peche desta edición chegará o 6 de agosto, ás 18.00 horas, coas pezas The Exposure, de Tanit Cobas, e Dance Join, de Marta Alonso. Na primeira,  desvelarase ao público o mundo interior dos e das bailarinas, descubríndolle que pensan durante a danza, como son as súas conversas ou quen son. Pola outra banda, en Dance join haberá catro artistas sobre o escenario que loitarán por manterse á altura das expectativas en canto á multitarefa, a hiperprodutividade e o éxito.

A programación está organizada polo Concello de Carral en colaboración coa Deputación da Coruña, a través da Rede Cultural, e coa Xunta de Galicia por medio do programa Cultura no Camiño.

As persoas interesadas poderán obter información detallada sobre as distintas actividades no apartado web específico do programa CultuRúa 2026.

O Concello organiza a Festa do Verán en Familia, que terá lugar na área recreativa da Brexa o sábado, 27 de xuño, a partir das 12.00 horas.


Os asistentes que necesiten descargar materiais para o evento poderán acceder cos seus vehículos entre as 12.00 e as 13.30 horas. Unha vez concluído este prazo de entrada, a programación arrincará oficialmente coa sesión vermú.


Para comer haberá racións dispoñibles de churrasco e polbo, pero os asistentes tamén poderán levar a comida de casa. O recinto contará con mobiliario de mesas e cadeiras dispoñible para os asistentes.


En todo caso, será imprescindible realizar a reserva previa antes do xoves, 25 de xuño. Aquelas persoas interesadas en obter máis detalles sobre a xornada ou en reservar mesa poden dirixirse ao Local Interxeracional, en horario de 16.30 a 19.30 horas de luns a venres, ou contactar a través do teléfono ou WhatsApp no número 674 793 475.


Pola tarde, de 16.00 horas ata as 19.00 horas, os máis pequenos poderán desfrutar de inchables acuáticos e da festa da espuma, actividades para as que necesitan dispoñer de roupa de baño. Durante este mesmo tramo horario, prevense diversas sorpresas adicionais que completarán a oferta lúdica, xunto co espectáculo musical ofrecido por Ángel Habana.

Recorda esta data, 8 de xullo. Será o día no que faremos unha excursión a Sanxenxo. Karts, tirolina, kayaks, circuitos arboreos e mais actividades de aventura é do que poderedes gozar todas e todos aqueles que teñades entre 14 e 17 anos. Se estás interesado/a, anota.

INSCRICIÓN:

  • Do luns 15 de xuño ás 9:00 h. (non se admitirán inscricións antes de esa data) ata ó 19 de xuño ás 19:30 h.
  • Enviar a inscrición-autorización por correo electrónico (omix@carral.es), Whatsapp (674.793.475) ou presencialmente no Local Interxeracional (luns-venres 16:30 – 19:30 h.)
  • 17 € (non facer o pago ata confirmación da praza).
  • Prazas limitadas. Por orde de inscrición.
  • Preferencia empadroados/as.

HORA:

  • Saída: 9:00 h.
  • Chegada: 21:00 h.

LUGAR:

  • Local Interxeracional (r/ Alcalde Juan Seijas, Carral)