O PAN E O COLECTIVO DAS PANADEIRAS, PROTAGONISTAS DUN NOVO MURAL DE CARRAL

A Festa do Pan de Carral chegará, esta fin de semana, ao seu vinte aniversario. E para conmemoralo, o Concello está elaborando un mural para render homenaxe, non só a este produto estrela no municipio, senón tamén ao colectivo das panadeiras.

A artista Cecilia Salinas iniciou o traballo esta semana, coincidindo coa celebración da cita gastronómica. O traballo artístico parte dunha fotografía do libro Fotos para as mil historias de Carral, elaborado polo xestor cultural e técnico de Cultura do Concello, Carlos Lorenzo.

Crese que a instantánea é dunha feira de Carral dos anos 50 e, nela, pode verse un posto de venda de pan cunha panadeira e unha compradora xunto a unha nena pequena. Esta imaxe servirá de base, pero no mural incorporaranse outros elementos representativos do municipio como, por exemplo, o panteón.


A obra estase realizando nun muro sito nas proximidades do Campo da Feira, no extremo máis próximo á estrada nacional. A elección do lugar non é casualidade, xa que a escasos metros desta parede é onde se celebra, precisamente, a tradicional Festa do Pan.

Así mesmo, a previsión do goberno é bautizar o espazo como rúa das Panadeiras despois de que os veciños e veciñas elixisen este nome no Premio 8 de Marzo, a iniciativa que o Concello impulsa para conmemorar o Día da Muller. A proposta
terá que elevarse ao pleno para a súa votación.