Publicadas dende o departamento de Educación as listaxes de admitidas no programa de madrugadores. Servizo de 7.20 a  9.20 horas para poder conciliar desde o primeiro día de escola neste curso 2026/2027 no CEIPP Vicente Otero Valcarcel. 

Na seguinte ligazón da sede electrónica de Carral podes ver si a túa filla ou fillo está admitida/o no primeiro prazo de inscrición.

Dende o Servizo municipal de educación do Concello de Carral desexamos un inicio de curso fantástico!!

Preme aquí para consultar a listaxe

O Concello de Carral mantén o seu compromiso coa conciliación da vida laboral e familiar dos veciños e veciñas e abrirá mañá, martes 28 de xullo, a partir das 9.00 horas, o prazo para solicitar praza no servizo municipal de Madrugadores. O programa, xestionado desde o departamento de Educación, comezará co inicio do curso escolar 2026-2027, o próximo 9 de setembro, no CEIPP Vicente Otero Valcárcel.


O servizo prestarase de 7.20 a 9.20 horas e está dirixido a facilitar a conciliación das familias con alumnado matriculado no centro educativo, ofrecendo atención aos nenos e nenas antes do comezo da xornada lectiva.


O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 7 de agosto, ás 14.00 horas. As familias interesadas poderán presentar a documentación tanto a través da sede electrónica do Concello como de forma presencial no Rexistro Municipal.


O formulario de solicitude xa está dispoñible na sede electrónica e tamén pode descargarse desde a páxina web municipal.

Formulario no seguinte enlace:

https://sede.carral.es/sxc/es/procedimientosytramites/tramites/SolicitudInscripcionEscuelasDeportivasMunicipales

  • Xogos, trucos, ilusión, humor e información europea se reúnen nesta actividade para todos os públicos.
  • A función, con entrada gratuíta, terá lugar no Edificio Social “Toñito Espiñeira” as 18:00 h.

A OMIX de Carral trae o espectáculo ‘A Maxia de Europa’ de EUROPE DIRECT A Coruña.

O Concello de Carral acolle o día 8 de maio o espectáculo ‘A Maxia de Europa’. Esta actividade de EUROPE DIRECT A Coruña mistura xogos, trucos, ilusións e humor para realizar unha viaxe máxica e dinámica para maiores e pequenos a través dos valores, símbolos, beneficios e algún dos programas da Unión Europea. A función, que ten entrada de balde, terá lugar no Edificio Social “Toñito Espiñeira” e comeza ás 18:00 horas, e para acudir deberas solicitar o teu convite no 674.793.475 (Whatsapp ou chamada) no correo electrónico omix@carral.es ou pasando polo Local Interxeracional.

O público asistente poderá seguir os trucos de maxia realizados coas bandeiras europea e dos estados membro ou a moeda común, entre outros elementos. O espectáculo estará guiado polo mago Pedro Bugarín, un ilusionista con máis de 15 anos de experiencia no seu eido e que tamén ten vivido múltiples experiencias de mobilidade en Europa.

Esta actividade lúdica e máxica está organizada por EUROPE DIRECT A Coruña dentro da iniciativa Europa no teu Concello, da que forma parte a OMIX (oficina municipal de información xuvenil) do Concello de Carral.  O espectáculo levará durante o mes de maio os valores, símbolos e oportunidades da Unión Europea a un total de seis concellos da provincia adheridos a esta rede. ‘A Maxia de Europa’ percorrerá Rianxo, Carral, Vedra, A Laracha, Pontedeume e Rois entre os días 7 e 15 de maio.

A idade recomendada é a partir de 6 anos.

Toda a información dispoñible está recollida na páxina: http://www.dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2024/la-magia-de-europa

EUROPA NO TEU CONCELLO

Este espectáculo itinerante forma parte da programación que Europa no teu Concello ofrece aos membros da rede. EUROPE DIRECT A Coruña puxo en marcha esta iniciativa, da que xa forman parte 46 concellos, para aproximar a información sobre a Unión Europea a toda a cidadanía da provincia, en especial, da mocidade. EUROPE DIRECT A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. A misión do centro, que iniciou a súa traxectoria no ano 1996, é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, así como  proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE. Tamén axudar á Comisión Europea a adquirir unha visión xeral das sensibilidades locais relacionadas coas súas políticas e promover a cidadanía europea activa nas escolas.

Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.

  • A actividade, dispoñible para municipios membros da rede ‘Europa no teu Concello’, percorre quince concellos da provincia para achegar a Unión Europa ao público infantil.
  • As funcións contan con intérprete de lingua de signos para garantir a accesibilidade.
  • Poderás solicitar o teu convite en omix@carral.es, no 674.793.475 (chamando ou por WhatsApp) ou no Local Interxeracional.

O Concello de Carral a través da OMIX (oficina municipal de informacion xuvenil) acolle o día 22 de marzo as 17:30 h. no Local Interxeracional, o contacontos Coñece Europa con Kalopsia, que percorrerá quince municipios da provincia da Coruña nos vindeiros meses para achegar a Unión Europea a nenos e nenas. Esta actividade forma parte da programación que EUROPE DIRECT A Coruña ofrece aos concellos adheridos á rede Europa no teu Concello e poderá verse en Cerceda, Narón, Carral, Dodro, Cariño, Boiro, Pontedeume, Rianxo, A Laracha, Negreira, Rois, Valdoviño, Padrón, Dumbría e Lousame.

Coñece Europa con Kalopsia é un obradoiro de contacontos para rapaces e rapazas de 6 a 12 anos, que explica dunha maneira sinxela e entretida o funcionamento e valores da UE. A sesión comezará cun achegamento a algúns contos e libros infantís europeos para coñecer un pouco da tradición literaria da Unión Europea e as diferentes culturas que a compoñen.

A continuación, o público poderá escoitar a narración do libro Kalopsia. Un planeta non tan diferente: descubre Europa desde o espacio exterior, editado pola Representación da Comisión Europea en España. O conto está pensando para que os nenos e nenas coñezan a orixe da Unión Europea e entendan que a diversidade é un valor que nos enriquece.

Para rematar, os cativos converteranse en protagonistas e poderán xogar a formar os seus propios países e alianzas. A actividade contará con intérprete de lingua de signos para garantir a accesibilidade.

Pode atopar información xeral na páxina web:

https://www.dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2024/conoce-europa-con-kalopsia-cuentacuentos/

A Policía Local impartiu, en colaboración da Xefatura Provincial da Coruña da Dirección Xeneral de Tráfico, unhas xornadas sobre seguridade viaria. A acción formativa levouse a cabo como parte da campaña informativa de educación e seguridade viaria que a Policía Local realiza desde fai anos no municipio. Lonxe de ser unha acción puntual, nas próximas datas impartiranse tamén novas charlas no CEIP Vicente Otero Valcárcel.  

O obxecto fundamental desta campaña é a concienciación entre os máis mozos da prevención dos accidentes de tráfico. Para logralo, a Policía Local de Carral, organizou unha charla sobre vítimas de accidente de circulación. A ponencia, que se levou a cabo no edificio Toñito Espiñeira, estivo dirixida ao alumnado do IES de Carral e contou coa participación de Martín Varela Dourado, vítima dun accidente deste tipo. Trátase, tal e como explica a concelleira de Seguridade Cidadá, Susana Guimarey, dunhas charlas que teñen “unha enorme aceptación entre os mozos e mozas e que son esenciais para previr condutas de risco”. A edil incide en que tanto a Dirección Xeneral de Tráfico como a Policía Local cumpren unha función “crucial” na formación da rapazada e agradece “a implicación amosada polo organismo de tráfico e o corpo de seguridade, así como por Martín Varela, que lles contou o seu relato persoal aos rapaces”.

A patinaxe será protagonista indiscutible na fin de semana en Carral. O pavillón O Espiño e o centro municipal de formación Antón Fraguas acollerán este domingo, 17 de decembro, o I Trofeo Concello de Carral de Patinaxe Artística e o XIV Día do Patín, organizados pola Administración local e o Club de Patinaxe Alquimia.

Por unha banda, o trofeo contará coa participación dun total de 60 patinadores e patinadoras pertencentes ao Club Alquimia Carral, ao ADM Peleteiro e ao CP Compostela. O certame será entre as 10.00 e as 13.30 horas.

Pola tarde, a partir das 16.00 horas, desenvolverase o Día do Patín, unha xornada coa que se busca impulsar a práctica deste deporte entre a cidadanía. Para logralo, haberá prácticas a todos os niveis, obradoiros, xogos e sorteos de agasallos. Ademais de no pavillón O Espiño, a proposta levarase a cabo no centro de formación Antón Fraguas.

Trofeo e XIV Día do Patín

Programación horaria do Día do Patín

O goberno local continúa dando pasos para dinamizar o seu mercado municipal. Precisamente, o deste domingo, 29 de outubro, celebrarase cunha importante novidade: o cambio de localización dos postos da feira. Desde este domingo, as casetas de venda concentraranse no propio Campo da Feira, rúa Campo da Feira e na rúa Belvís de Paleo. Con esta medida, o equipo de goberno responderá a unha solicitude reiterada tanto polos veciños e veciñas como polos propios comerciantes.

Ata o de agora, os postos situábanse na praza, na rúa Belvís e ocupaban tamén a rúa Víctor Velasco, o que obrigaba a restrinxir o tráfico. Con esta modificación, o goberno confía en conseguir un dobre obxectivo: por unha banda, minimizar as molestias dos veciños e veciñas e, polo outro, estimular as compras nos comercios.

Vermufeira

Ao tratarse do último mercado municipal de outubro, o Concello organizará unha nova sesión da súa Vermufeira. Entre as 13.00 e as 15.30 horas, o público poderá gozar da música a cargo de Eric Hidalgo e Alejandra Pais. Así mesmo, poderán degustar churrasco, polbo e orella á feira.

O concello oferta 100 novas prazas para un total de 18 actividades/grupos. Os interesados poderanse inscribir nas ofertadas dende o 2 ata o 5 de outubro.

Dende ás 00:00 do luns 2 de outubro, concello de Carral abre un segundo prazo de inscrición no programa das escolas deportivas, culturais e educativas para aquelas actividades nas que quedaron prazas vacantes.

O prazo pecharase o día 5 de outubro ás 23.59 h. Os alumnos/as inscritos serán contactados polos departamentos municipais correspondentes e poderán incorporarse ás correspondentes actividades dende o luns 9 de outubro.

LISTADO DE PRAZAS
FICHA INSCRICIÓN
BOLETÍN DE BAIXA

Abrirase un novo prazo de inscrición entre o 2 e o 5 de outubro para as actividades nas que quedaron prazas vacantes.

Rematado o prazo de inscrición no curso 2023/2024 das escolas deportivas, culturais e educativas do Concello de Carral, fanse públicas as listas das solicitudes admitidas e as reservas, así como o lugar e data de inicio de cada unha das actividades.

LISTAS ACTIVDIADES

O mércores 27 publicarase a relación das prazas vacantes nas actividades nas que non se encheu o cupo de inscritos, abríndose un novo prazo de inscrición entre o 2 e o 5 de outubro.

Para calquera consulta ou aclaración deben de poñerse en contacto coa Casa da Cultura de Carral – casadacultura@carral.es ou 981.67.25.80, entre as 8:30 – 14:30 h e as 17:00-20:00 h.