, ,

O CONCELLO APOSTA POLA PREVENCIÓN DE CONDUTAS DE RISCO COA ORGANIZACIÓN DE CHARLAS PARA O ALUMNADO DO INSTITUTO

A Policía Local impartiu, en colaboración da Xefatura Provincial da Coruña da Dirección Xeneral de Tráfico, unhas xornadas sobre seguridade viaria. A acción formativa levouse a cabo como parte da campaña informativa de educación e seguridade viaria que a Policía Local realiza desde fai anos no municipio. Lonxe de ser unha acción puntual, nas próximas datas impartiranse tamén novas charlas no CEIP Vicente Otero Valcárcel.  

O obxecto fundamental desta campaña é a concienciación entre os máis mozos da prevención dos accidentes de tráfico. Para logralo, a Policía Local de Carral, organizou unha charla sobre vítimas de accidente de circulación. A ponencia, que se levou a cabo no edificio Toñito Espiñeira, estivo dirixida ao alumnado do IES de Carral e contou coa participación de Martín Varela Dourado, vítima dun accidente deste tipo. Trátase, tal e como explica a concelleira de Seguridade Cidadá, Susana Guimarey, dunhas charlas que teñen “unha enorme aceptación entre os mozos e mozas e que son esenciais para previr condutas de risco”. A edil incide en que tanto a Dirección Xeneral de Tráfico como a Policía Local cumpren unha función “crucial” na formación da rapazada e agradece “a implicación amosada polo organismo de tráfico e o corpo de seguridade, así como por Martín Varela, que lles contou o seu relato persoal aos rapaces”.