Carral acolle os estilos arquitectónicos característicos das Mariñas. Pódense ver as diferentes construcións singulares,  a vivenda típica Casa Mariñana, Hórreos tipo Carral e muíños de río.

As vivendas rurais responden a un modelo de planta rectangular, con tellados a dúas augas. O máis común é que as vivendas conten con dous niveis, exentas, aínda que poden agruparse formando núcleos. Moitas destas vivendas contan con construcións anexas tales como alpendres, cortes, fornos, etc.

Estas casas están construídas en cachotería, con pezas de cantería de maior volume e resistencia nas esquinas, portas e ventás.

Outro elementos da arquitectura popular de Carral son os hórreos. Aínda que xa están en desuso, consérvanse un gran número deles. Os hórreos de Carral son do tipo mariñán, o cal supón construcións estreitas e altas. Están construídas en madeira sobre cepas de cachotería, as cales atopamos recebadas en moitos lugares. Incluso na cultura popular e en algúns escritos aparece un tipo de hórreo que é o Carral. É un hórreo galego que se atopa na zona que vai dende Carral polo norte ata Sigüeiro polo Sur con características morfolóxicas típicas da zona.

Os muíños de río son outro tipo de edificación que atopamos en Carral. Hoxe en día xa non se usan para moer o cereal que se producía nas leiras agrícolas da comarca. O seu desuso provocou na maior parte dos casos a súa desaparición ou derrubamento. Aínda así atopamos no entorno de Costa da Égoa o modelo habitual destes muíños. Construíanse en cachotería, de pequenas dimensións (apenas acollían os mecanismos para moer e o espazo suficiente para manexalos), e con tellados a unha auga, aínda que se atopan algúns con cubertas a dúas augas. Estes muíños aproveitaban as correntes dos ríos, que movían os rodicios para facer xirar as pedras de moer. Case todos os muíños existentes no municipio foron construídos a finais do século XIX.

Vivenda en Abrigosa

Casa situada no lugar de Abrigosa na parroquia de San Vicente de Vigo. O seu estilo é barroco. Conta cun cerramento de pedra e dous accesos á finca, o edificio conta cunha planta en forma de T cun balcón sobresaíndo no alzado orientado ó este. Pegados a este encóntranse dous alpendres. A vivenda ten dúas plantas, cubertas cun tellado de dúas augas. O material dos muros é cachotería e está cuberta con enredadeiras. O seu estado de conservación é bo, a cheminea é contemporánea. E ten un escudo no alzado orientado ó sur.

Vivenda en Reboredo

Edificación situada no lugar de Reboredo, na parroquia de San Estebo de Paleo. O edificio é dun volume paralelepípedo en forma de escuadra cunha torre ameada integrada nun dos lados. Presenta unha galería engadida, construída nos anos coarenta. A torre ten tres alturas (dúas delas vivenda). Está rodeada de enredadeiras que cobren a fachada realizada en cachotería. As esquinas, ocos e cornisas son de cantería. O escudo dos Figueroa é do século XVIIII e procede do desaparecido pazo de Tabeaio.

Vivenda en San Martiño de Tabeaio

Esta vivenda unifamiliar está localizada no lugar de Vilamouro de Arriba na parroquia de San Martiño de Tabeaio.

Este exemplo de casa de 1853 responde ás típicas da bisbarra ,con planta rectangular, dúas alturas e cuberta a dúas augas. Un pequeno establo pegado á fachada, servindo de soporte, xunto cun alicerce cadrado de cantería, a unha cuberta en archete.

Hórreo en Santa Mariña de Veira

Situado no lugar de Porriño, na Parroquia de Santa Mariña de Veira. Este Hórreo de madeira e pedra, asentado sobre tres cepas de cachotería recebadas, con amplos tornarratos, exemplo do hórreo tipo Carral. Os muros penais tamén de cachotería, cegos amparan a cámara de madeira, con balaustres verticais reforzados por dúas faixas paralelas. Cóbrese a dúas augas con tella do país.

Depuradora de agua de Cañás

depuradora

Entre os edificios singulares do concello debemos apuntar o que acolle a estación depuradora de augas de Emalcsa en Cañás, á beira do río Barcés. Esta edificación, de estilo modernista, foi construída en 1908 e ampliada en 1922. Edificouse co fin de fornecer á cidade da Coruña, e así o fixo ata o ano 1940, cando a elevada demanda dos niveis de auga potable excedeu a capacidade desta depuradora, e construiuse a da Telva, en Cambre, para atender as nececidades da cidade. Agora a planta de Cañás depura a auga do Barcés para fornecer tan só a Carral.

Esta depuradora foi vanguardista noutro tempo, xa que dispoñía con filtros rápidos fabricados en madeira segundo o sistema alemán de Reisert. Foi en España a segunda estación depuradora en fornecer auga filtrada á poboación.

Muíños

Outro tipo de construción popular que atopamos en Carral son os muíños de río. Son pequenas edificacions, á beira dos ríos, onde os propietarios moían os cereais cos que cocían o pan. A súa forma é normalmente cadrada, con tellado a unha auga e feitos en mampostería.

Á beira dos ríos Barcés e Abelleira discorren catorce muíños de auga onde antigamente existía un xenerador hidroeléctrico (actualmente só podemos ver o muíño e o lugar no que se atopaba ubicado) con orixes que remontan ó século XVIII. Parte dos muíños están emprazados nun treito menor de 350 m., e estaban intercomunicados por canles de condución, o que supoñía un portento tecnolóxico xa que a auga traballaba eficazmente para mover un motor hidráulico cunha esixencia enerxética máis de 1 Kw, formando un importante complexo hidráulico.

Existe tamén un muíño adaptado para recibir visitas de grupos, onde se poden ver as diferentes pezas que os compoñen e paneis interpretativos da historia, funcionamento e compoñentes dos mesmos.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta