O Concello de Carral naceu como tal no ano 1836, sendo o gobernador civil Pio Pita Pizarro o encargado de fixar a súa demarcación seguindo a división administrativa que fixera en España Xabier de Burgos. O nome de Carral débese a que o núcleo de poboación que serve de capital municipal, se atopa no camiño que une Santiago coa Coruña, e polo que circulaba a Carrilana.

O Municipio de Carral está situado na parte centro-norte da comarca setentrional da provincia da Coruña, a 17 quilómetros da capital provincial, e delimitando co Concello de Cambre polo norte, con Ordes ó sur, Abegondo ó leste, Cerceda ó oeste e co municipio de Culleredo no noroeste. Ocupa unha superficie total de 48 Km2, que representa o 0,6% da provincia. Está formado por oito parroquias: Veira (9,735 Km2), Tabeaio (5,016 Km2), Cañás (3,338 Km2), Paleo (8,172 Km2), Quembre (5,118 Km2), San Vicente de Vigo (4,760 Km2), Sergude (2,481 Km2) e Sumio (9,334 Km2). Conta cunha poboación total de 5.592 habitantes.

Castro

Dentro do municipio atopámonos con dous vales que acollen ós rios Barcés e Brexa. Ámbolos dous son afluentes da marxe esquerda do Mero. O Brexa penetra en Carral polo seu extremo NO, atravesándoo en dirección noroeste-nordeste, e formando o val situado entre Tabeaio e o núcleo urbano de Carral. O rio Barcés forma unha das paisaxes máis fermosas do concello: O Val de Barcia. O Barcés transcurre diagonalmente no territorio carralés, servindo nalgúns traxectos do seu percorrido de límite co concello de Abegondo. O val que o acolle é de gran riqueza agrícola e as panorámicas que ofrece son de inmellorable fermosura. Nel atopamos numerosos pazos, castros, muiños, cruceiros, capelas e igrexas; aínda que moitas destas construcións xa desapareceron ou están en estado de abandono e deterioro. Os que mellor se conservan son os pazos e as igrexas. Tamén son de salientar as principais alturas que se atopan neste municipio. Son o Xalo con 459 mts., San Bartolomé, nas Travesas, con 458 mts. de altitude, e o monte Castro de Ameás con 210 mts.

Fagamos mención a continuación dos apuntes históricos máis salientables que se relacionan a este concello. A colonización das zonas altas por parte do home, fai que Carral xa acollera na prehistoria dólmenes, medoñas, mámoas e outro tipo de construccións. Así no Xalo e en Paleo se atopan vestixios (moi poucos por desgracia) deste tipo de restos dos nosos antergos máis primitivos. Nestas zonas se teñen atopado ademáis diversos utensilios cotiáns (machados, puntas de frecha, elementos de cociña, muiños…) No que se refire a castros, Carral contou tamén cun importante número. Entre eles podemos mencionar os de Paleo, Paiolante, Gosende, Balbén, Ameás, Herves e o da Eira dos Mouros. Este municipio sempre foi moi apreciado polos seus poboadores, tanto por motivos defensivos, como pola riqueza das súas terras, bosques e ríos. Así tamén o entenderon familias de ilustre linaxe que residiron nos pazos que xa mencionamos con anterioridade, e que dominaron ós aldeáns, baixo a xurisdición do Conde de Altamira.

Carral foi tamén lugar de paso para os peregrinos que se dirixían a Santiago polo Camiño Inglés. No noso concello este Camiño ten tres traxectos diferentes que circulan paralelamente. Un deles coincide coa actual estrada N-550. Os outros dous circulan por cada banda do rio Barcés, pero faise difícil a circulación por ámbolos dous por mor de que en moitos puntos do seu traxecto, a vexetación oculta o percorrido. Na actualidade a Concellería de Cultura do Concello de Carral está a recuperar estes ramais do Camiño Inglés xunto con outros elementos populares relacionados cos mesmos (fontes,muiños,etc).

concello-historia

Fernando III concede ás xentes de Carral o distado de lealtade, en agradecemento ós moitos carraleses que defenderon na véspera do día de San Andrés de 1227 o castelo de Baeza do asedio musulmán. É por este motivo polo que nos documentos do Concello de Carral figura o título de Moi Leal. Fernando III concédelles tamén o privilexio de colocar no escudo unha bordadura de gules con oito aspas de ouro, unha por cada parroquia, en conmemoración daquela fazaña. Despois os Reis Católicos, en 1497, outorgan á vila de Carral a Carta de Puebla Real, polo que queda libre do señorío de Santiago e pode colocar tamén no seu escudo a coroa real. Pero sen dúbida algunha o feito máis importante acontecido en Carral foi o fusilamento dos Mártires no levantamento de 1846 contra o presidente Narváez. Pretendíase reivindica-la libertade de Galicia. O levantamento iniciouse o 2 de Abril en Lugo, cando o Coronel do Estado Maior da Capitanía Xeneral de Galicia, Miguel Solís, disolveu o Consello Provincial e a Deputación, proclamando unha Xunta de Goberno de Galicia en contra do goberno de Isabel II presidido por Narváez. O 23 de Abril Solís enfrentouse na batalla de Cacheiras ó Xeneral Concha, que cunha superioridade abraiante sobre as tropas rebeldes, fixo que Solís repregase ós seus homes entregándose máis tarde. O día 25 son transladados á Coruña para seren xulgados, pero dado o gran número de adeptos cos que contaban os alcistas nesa cidade, decídese facer un falso xuízo polo camiño. Tentouse celebrar en Ordes, pero por mor da ausencia dunha autoridade civil que refrendase a condea, seguiron o seu camiño chegando a Carral onde poideron celebrar un rápido xuizo. O 26 de abril Miguel Solís foi executado no adro da Igrexa de Paleo, mentres que os seus oficiais sofriron igual sorte na Fraga do Rei. Sotérranse os corpos na Igrexa de Paleo, onde aínda se recoñecen algunhas das lápidas sen inscricións.

A Liga Galega de A Coruña toma a iniciativa de levantar un monumento en memoria ós Mártires de Carral. A primeira pedra colócase o 23 de abril de 1899, inagurándose o 22 de maio de 1904. Nel figura o seguinte lema “Aos mártires da liberdade mortos o 26 de abril de 1846. Liga Gallega na Cruña”. Unha placa lembra os nomes dos oficiais executados.

pazo

A Ruta dos Mártires descubre o sucedido no fusilamiento dos doce oficiais, capitaneados polo Coronel Miguel Solis e que se sublevaron pola liberdade de Galicia o 26 de abril de 1846 en contra do goberno do General Narváez. Mezcla percorrido urbano e rural. Parte do monumento (construído pola Liga Gallega de Coruña en 1899) está situado na praza da Capela, no centro de Carral, onde hay un panel explicativo das rutas existentes. E remata no cemiterio de Paleo onde están as sepulturas dos mártires.