PATRIMONIO
Castros e Museo
Carral dispón dun interesante patrimonio cultural. Existen varios castros, sendo o de mais importancia o das Travesas, que é de gran extensión e que pola súa ubicación estratéxica e polos achegos arqueolóxicos, supónselle unha gran importacia, tanto en época castrexa como romana. Este castro conta cun pequeno museo na Casa da Cultura.
Mártires de Carral
No centro urbano de Carral contamos cun monumento que é probablemente polo que máis nos coñecen en Galicia, o dos Mártires de Carral. É un monumento inaugurado en 1904 para lembrar aos doce oficias liderados por Miguel Solís que foron fusilados en Carral por promover a Revolución Galega de 1846.
Igrexas
No eido relixioso, ademais das igrexas parroquiais, ás que engadimos a de Paleo no cemiterio, salientar a capela de San Pedro de Rubieiro, no val de Barcia, da que xa existen datos en 1603.
Pazos
Existen varios pazos, emprazados tamén no rico Val de Barcia. Son os pazos da Ribeira e Esperante na parroquia de Quembre, o das Cadeas en Beira e o pazo de Vilasuso en Sumio.
Este último é o mais significativo polos importantes persoeiros que residiron nel, como por exemplo Juan Francisco Santiso, fillo do fundador do pazo e gobernador xeral de Tucumán (Arxentina) que xogou un papel importante na conquista de América ; Juan de Santiso (Cabaleiro de Santiago e gobernador de Cádiz); Alonso de Moscoso (Chantre da catedral de Tui); José de Avellaneda Manrique e Santiso, Diego Osorio y Escobar (Bispo de Puebla de los Ángeles en nueva España (México) e tamén virrei de Nueva España e tamén Juan Queipo de Llano (Arcebispo de Chiarcas (actual Bolivia) entre outros.
Patrimonio industrial
Tamén merece unha mención o edificio da Traída de Augas de Cañás, no río Barcés, construída en 1908 para subministrar auga á Cidade da Coruña, sendo a segunda estación construída en España para subministrar auga potable á poboación, e que aínda segue en funcionamento.
Esta estación subministraba auga a toda a Cidade da Coruña e así o fixo ata o ano 1940, cando a elevada demanda obligou a construir a da Telva en Cambre.




























