CAMPAMENTOS DE VERÁN

CARRAL DOBRA A SÚA APOSTA POLA CONCILIACIÓN AMPLIANDO OS HORARIOS DOS SEUS CAMPAMENTOS DE VERÁN

O Concello acaba de dobrar a súa aposta pola conciliación a través do lanzamento dunha nova convocatoria dos campamentos de verán que, este ano, se levarán a cabo con dúas importantes novidades. Por un lado, a ampliación de horarios ata as 16.00 horas. Polo outro, brindándolles ás familias a opción de que poidan anotar aos pequenos e pequenas por semanas. Tal e como sinalan desde o goberno local, ambas as dúas medidas buscan cumprir un mesmo obxectivo: “darlles aos veciños e veciñas máis facilidades a prol da conciliación da vida familiar e laboral durante a época estival”.

Os campamentos, dirixidos a nenos e nenas de 3 a 15 anos, celebraranse ao longo de todo o verán en tres quendas coas seguintes temáticas: 1º irán os campamentos deportivos (28 de xuño ao 16 de xullo), a continuación os English sport camp (19 de xullo ao 6 de agosto) e, por último, os campamentos sobre Medio Ambiente (do 9 de agosto ao 3 de setembro). Nesta primeira quenda, a rapazada coñecerá a vida deportiva de Carral, así como as modalidades que practican os deportistas do municipio.

Co fin de axustar á organización da actividade ás medidas hixiénicas e preventivas fixadas pola Xunta de Galicia, o Concello celebrará os campamentos no recinto do CEIP Vicente Otero Valcárcel (pavillón do colexio, pista polideportiva, patio cuberto, etc.) e no local interxeracional, sito a poucos metros do centro de ensinanza.

Os nenos e nenas terán a posibilidade de entrar no recinto desde as 8.00 horas. Así, entre a hora de entrada e as 10.00 horas terá lugar o programa Madrugadores, entre as 10.00 e as 14.00 horas realizaranse as propias actividades e, de 14.00 a 16.00 horas, será a hora da comida. En caso de solicitalo, os cativos e cativas deberán traer o seu propio xantar da casa e poderán tomalo no comedor do colexio baixo a supervisión dos monitores e monitoras.

Medidas covid-19

Os rapaces e rapazas estarán separados en grupos burbulla. Antes de entrar no recinto, os usuarios e usuarias deberán desinfectar as mans. Ademais, os maiores de 6 anos deberán empregar a máscara de xeito obrigatorio. A maiores, o Concello establecerá quendas nas saídas e entradas dos campamentos co fin de evitar aglomeracións.

O período de inscrición acaba de abrir, e as persoas interesadas poderán presentar a solicitude ata o 21 de xuño. A documentación deberá achegarse a través do correo electrónico casadacultura@carral.es