HOMENAXE NO 175 ANIVERSARIO DOS MÁRTIRES DE CARRAL

O Concello de Carral e a Asociación Teatral Abril de Lume e Ferro levarán a cabo un acto de homenaxe aos Mártires de Carral no 175 aniversario dos tráxicos fusilamentos acontecidos en Paleo e a Fraga do Rei.

O acto terá lugar o domingo 25 de abril ás 13 horas, partindo unha comitiva desde a Casa do Concello cara o monumento onde se fará unha ofrenda floral. Se a climatoloxía o permite, antes da ofrenda, na Praza da Capela, o alcalde e un representante da asociación Abril de Lume e Ferro se dirixirán aos presentes para lembrar os 12 oficiais mortos o 26 de abril de 1846 en Carral. Logo farase unha lectura do poema “É xa tempo de erguer a Liberdade” de Manuel María.