Tag Archive for: avaliación

O departamento municipal de Cultura ven de presentar o informe sobre o programa Teatro de Outono de 2023, que elabora o técnico de Cultura para avaliar as programacións e os seus impactos socioculturais.

Do informe conclúese a evolución positiva no incremento de asistencia aos espectáculos, sendo no pasado ano de 117 persoas; que o grupo maioritario de idade que asiste é o da franxa dos 41 aos 65 anos; que de xeito semellante a outros ámbitos culturais as mulleres supoñen 2 terzos do total de asistencia; que a obra que mellor puntuación obtivo foi Hugo, de Náufragos Teatro; que o método de comunicación que se demostra máis eficaz para coñecer a programación é a canle de Whatsapp “Novas Carral”, ou que os residentes nas parroquias máis rurais apenas asisten ao teatro.

Os datos cos que se confecciona o informe obtéñense fundamentalmente das enquisas que o público atende ao rematar as funcións. Nesta edición a enquisa contou con dúas partes, sendo a primeira a que preguntaba sobre a función que acababan de ver, e a segunda parte que só se cubría unha vez e que consultaba sobre hábitos de consumo de artes escénicas.

O Concello de Carral considera fundamental aplicar estas metodoloxías para a análise das programacións, para atender as preferencias dos públicos e para deseñar novos modelos que fomenten un aumento das prácticas culturais e que melloren os impactos na calidade de vida da cidadanía.

Pódese descargar o informe premendo aquí.

Como ven sendo habitual desde hai uns anos, o departamento municipal de Cultura do Concello de Carral elabora e publica un informe de avaliación da súa actividade anual, analizando diversos indicadores. O informe que elabora o técnico municipal de Cultura, recompila datos das actividades, indicando a participación por xéneros, se son actividades subvencionadas, o seus custos directos, a clasificación en materia de igualdade de xénero, onde se realizan… Faise tamén unha análise da evolución nos últimos anos das diversas programacións, obtendo unhas conclusións e realizando algunhas propostas para mellorar os resultados e os impactos en vindeiros exercicios.

O nivel de participación, que chegou ás 3426 persoas, foi practicamente o mesmo que no 2020 tendo en conta que non se puideron realizar algunhas actividades pola pandemia, ou que houbo restricións nas capacidades dos espazos que impediron aumentar as cifras de participación. No que se refire ao número de actividades si que se produciu un aumento, chegando ás 80. O gasto directo producido pola execución da programación foi de 62219,54 €, o que supuxo o 1,17% do orzamento municipal.

Os programas de monólogos e teatro foron dos que obtiveron mellores resultados de público, mentres que a participación de nenos e nenas en actividades da biblioteca sufriu un importantes descenso.

Entre outras novidades con respecto á avaliación dos anteriores, pedíuselle a artistas, profesionais e empresas que traballaron na programación cultural para que emitiran a súa opinión sobre o departamento de Cultura de Carral. Fan unha excelente valoración da profesionalidade do persoal de Cultura, mais indican a necesidade de mellora dalgúns dos espazos culturais.

A avaliación é unha ferramenta para a mellora das programacións municipais e publícase nesta web como exercicio de transparencia na xestión pública.

Prema para acceder ao informe de avaliación.

O departamento de Cultura ven de publicar o informe de avaliación do ciclo Teatro de Outono de Carral do 2021, no que destaca o dato de crecemento de asistencia de espectadores con 73 persoas de media por función. As mulleres seguen sendo maioría entre o público, e son as parroquias de Tabeaio e Carral as que achegan a maioría dos espectadores.

Ao igual que se fixo na edición do 2020, os asistentes colaboraron no proceso de avaliación, atendendo cuestionarios en liña nos que responderon a preguntas sobre as obras. Solicitábaselles, entre outras, que indicaran a puntuación que lle concedían aos espectáculos, obténdose unha media de 4,1 dun máximo posible de 5 puntos, o cal supón unha alta cualificación da programación teatral.

Pódese consultar o informe completo premendo aquí.

 

O departamento de Cultura do Concello de Carral ven de facer público o informe de avaliación da súa programación de actividades do 2020. Evidentemente os índices de asistencia víronse diminuídos pola pandemia, mais o compromiso adquirido para evitar cancelar actividades culturais púidose manter con case a totalidade da programación.

O informe lanza varias conclusións entre as que salientan que a tendencia ascendente dos niveis xerais de asistencia que se viñan producindo ata o 2019, viuse modificada pola pandemia do Covid-19, aínda que cunha redución moito menor (31%) do que podería ser previsible; que a festa do Entroido foi o evento con maior participación de público; que a metade das actividades ofertadas foron de artes escénicas e de audiovisuais; que as actividades infantís notaron un gran descenso de público; e que o último cuadrimestre concentrou tres cuartas partes da programación.

No pasado ano fixéronse por primeira vez varias accións de xeito on line, como foi un contacontos, obradoiros de macramé ou de cabazas de Samaín, un concerto, así como a emisión da xornada sobre os certames galegos de poesía.

A avaliación recolle tamén novos indicadores para valorar os obxectivos do departamento. Así, aplicouse unha clasificación ás actividades segundo o seu nivel de promoción da igualdade de xénero, obtendo niveis satisfactorios, aínda que con marxe de mellora.

As limitacións dos aforos impediu obter mellores cifras de espectadores. Aínda así, o departamento de Cultura maniféstase moi satisfeito polos niveis de asistencia de público. O compromiso adquirido no pasado abril polo Concello de Carral coa cultura, supuxo buscar novas fórmulas na oferta local, adoptando en todas as actividades estritas medidas sanitarias que garantisen a seguridade do público ante o Covid-19. A inquedanza sempre foi a saúde das persoas participantes e que o sector cultural se vira afectado o menos posible pola pandemia.

Abrir o informe de avaliación da programación cultural 2020

O departamento de Cultura ven de facer público o informe de avaliación do ciclo Teatro de Outono de Carral. Este tipo de documentos realízanse co fin de valorar o deseño e execución dos principais eventos da programación cultural municipal, dentro do proceso de mellora continua que ten establecido o servizo de Cultura.

O informe, elaborado polo técnico municipal de Cultura, Carlos Lorenzo, recolle os principais datos obtidos das enquisas que atenderon as persoas que asistiron aos espectáculos, así como outros datos manexados na xestión do programa teatral.

Entre as conclusións máis salientables están as de que a puntuación media concedida ás obras polo público foi de 4,2 sobre un máximo de 5 puntos; que houbo un alto índice de asistencia, as mulleres son maioritarias entre o público; 6 das 8 funcións encheron o aforo dispoñible; ou que o Facebook e a web municipal foron os medio máis efectivos para dar a coñecer a programación.

Ao informe pódese acceder premendo aquí.