Tag Archive for: carlos lorenzo

Como ven sendo habitual desde hai uns anos, o departamento municipal de Cultura do Concello de Carral elabora e publica un informe de avaliación da súa actividade anual, analizando diversos indicadores. O informe que elabora o técnico municipal de Cultura, recompila datos das actividades, indicando a participación por xéneros, se son actividades subvencionadas, o seus custos directos, a clasificación en materia de igualdade de xénero, onde se realizan… Faise tamén unha análise da evolución nos últimos anos das diversas programacións, obtendo unhas conclusións e realizando algunhas propostas para mellorar os resultados e os impactos en vindeiros exercicios.

O nivel de participación, que chegou ás 3426 persoas, foi practicamente o mesmo que no 2020 tendo en conta que non se puideron realizar algunhas actividades pola pandemia, ou que houbo restricións nas capacidades dos espazos que impediron aumentar as cifras de participación. No que se refire ao número de actividades si que se produciu un aumento, chegando ás 80. O gasto directo producido pola execución da programación foi de 62219,54 €, o que supuxo o 1,17% do orzamento municipal.

Os programas de monólogos e teatro foron dos que obtiveron mellores resultados de público, mentres que a participación de nenos e nenas en actividades da biblioteca sufriu un importantes descenso.

Entre outras novidades con respecto á avaliación dos anteriores, pedíuselle a artistas, profesionais e empresas que traballaron na programación cultural para que emitiran a súa opinión sobre o departamento de Cultura de Carral. Fan unha excelente valoración da profesionalidade do persoal de Cultura, mais indican a necesidade de mellora dalgúns dos espazos culturais.

A avaliación é unha ferramenta para a mellora das programacións municipais e publícase nesta web como exercicio de transparencia na xestión pública.

Prema para acceder ao informe de avaliación.

O departamento de Cultura ven de publicar o informe de avaliación do ciclo Teatro de Outono de Carral do 2021, no que destaca o dato de crecemento de asistencia de espectadores con 73 persoas de media por función. As mulleres seguen sendo maioría entre o público, e son as parroquias de Tabeaio e Carral as que achegan a maioría dos espectadores.

Ao igual que se fixo na edición do 2020, os asistentes colaboraron no proceso de avaliación, atendendo cuestionarios en liña nos que responderon a preguntas sobre as obras. Solicitábaselles, entre outras, que indicaran a puntuación que lle concedían aos espectáculos, obténdose unha media de 4,1 dun máximo posible de 5 puntos, o cal supón unha alta cualificación da programación teatral.

Pódese consultar o informe completo premendo aquí.

 

O departamento de Cultura ven de facer público o informe de avaliación do ciclo Teatro de Outono de Carral. Este tipo de documentos realízanse co fin de valorar o deseño e execución dos principais eventos da programación cultural municipal, dentro do proceso de mellora continua que ten establecido o servizo de Cultura.

O informe, elaborado polo técnico municipal de Cultura, Carlos Lorenzo, recolle os principais datos obtidos das enquisas que atenderon as persoas que asistiron aos espectáculos, así como outros datos manexados na xestión do programa teatral.

Entre as conclusións máis salientables están as de que a puntuación media concedida ás obras polo público foi de 4,2 sobre un máximo de 5 puntos; que houbo un alto índice de asistencia, as mulleres son maioritarias entre o público; 6 das 8 funcións encheron o aforo dispoñible; ou que o Facebook e a web municipal foron os medio máis efectivos para dar a coñecer a programación.

Ao informe pódese acceder premendo aquí.