Tag Archive for: castro das Travesas

Cartel Mapa conferencia CarralCristóbal Ramírez, presidente durante vinte anos da Asociación de Xornalistas do Camiño de Santiago e experto en divulgación das rutas xacobeas, ofrecerá este xoves unha charla sobre o Camiño Inglés. A conferencia está organizada pola Deputación da Coruña e a Concellería de Cultura do Concello de Carral, e está dirixida a público en xeral. Terá lugar na Casa da Cultura ás 20:00 h.

A actividade forma parte dun ciclo de conferencias divulgativas sobre a historia da ruta e os seus múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e arquitectónicos, a cargo do xornalista Cristóbal Ramírez.

Ante o crecemento de peregrinos que está a ter o Camiño Inglés, o Concello de Carral recomenda a aquelas persoas que teñen comercios, aloxamentos ou entidades culturais ou veciñais na contorna desta ruta xacobea, que participen na charla para coñecer con maior profundidade os valores e potencialidades desta ruta.

Alumnado do colexio Fogar de Santa Margarita da Coruña realizará mañá unha visita a Carral para coñecer con detalle o castro das Travesas. A visita didáctica comezará na Sala Castro Travesas - 20Colección Visitable, que amosa as principais pezas extraídas das excavacións no castro, e á Biblioteca municipal onde realizarán unha actividade didáctica que consistirá en construír maquetas das antigas casas do poboado castrexo.

Despois visitarán o castro, onde o director das excavacións, Antón Malde, realizará cos rapaces un xogo que lles axudará a comprender a configuración do castro e o xeito de vida dos seus habitantes.

Os escolares completarán a visita a Carral coñecendo o roteiro dos Mártires de Carral e a zona dos  muíños de Costa da Égoa.

Esta é a primeira actividade didáctica que levarán a cabo escolares, despois da campaña de promoción e difusión da Colección Visitable do Castro das Travesas, que contou cunha subvención da Deputación da Coruña para a contratación de persoal técnico asociado ao museo. Están previstas para as vindeiras semanas máis visitas de escolares para coñecer o castro das Travesas.

Despois da recente limpeza vexetal que se fixo no castro, o xacemento arqueolóxico pódese visitar de xeito libre. O Concello de Carral recomenda que para unha maior comprensión das características e relevancia do castro das Travesas, se complete o percorrido achegándose ao museo na Casa da Cultura. As visitas libres son de balde. Os horarios da colección son os mesmos da Casa da Cultura (de luns a venres aberto de mañá e tarde, e os sábados pola mañá).

A colección visitable do Castro das Travesas ven de iniciar unha campaña de promoción para que os colectivos que o desexen poidan facer visitas guiadas.

A sala da Colección Visitable do Castro das Travesas está na Casa da Cultura de Carral, cun amplo horario e posibilidade de visitas guiadas. Na exposición móstranse case trescentas das mellores pezas recuperadas, xunto a unha explicación da configuración do castro.

Hai materiais, algúns únicos, de gran valor pola súa cualidade e a boa conservación que evidencian o carácter principal do asentamento, e amosan fortes relacións directas con Europa ao longo do tempo.

As instalacións da Colección Visitable son de visita gratuíta (sala expositiva e espazos arqueolóxicos), mais tamén existe a visita guiada que é de pago. As visitas guiadas están deseñadas para o público xeral e para a comunidade escolar, e serán complementadas con contidos inéditos nos que está a traballar o equipo científico. O desenvolvemento das visitas escolares están pensadas segundo os distintos currículos, desde primaria ata bacharelato. Preténdese unha ligazón entre os contidos escolares e o museo. Durante a visita están deseñadas actividades que reforzan os contidos do museo, adaptadas aos distintos niveis escolares.

As visitas guiadas deberanse solicitar no teléfono 981 672 580. A visita libre é sen guía e de balde a calquera das instalacións.

Descargar Folla promoción visitas guiadas Coleción Visitable Castro das Travesas

 

Voluntarios británicos, belgas, franceses e españois que están a traballar no Castro das Travesas co programa Working Holidays, comezaron as súas tarefas de limpeza.

Baixo a dirección do arqueólogo Antón Malde, o grupo internacional de voluntarios recibiu primeiro unha explicación da importancia histórica deste emprazamento da idade de ferro, e a súa evolución na etapa da romanización durante os mil anos nos que estivo poboado.

O Alcalde de Carral Jose Luis Fernández Mouriño, deu o pasado luns a benvida ós 14 participantes ao campamento internacional de traballo no Castro das Travesas.Working Holidays Carral - 2015 - 59-web

O programa, organizado co apoio de Tesouros de Galicia, ten por obxectivo a limpeza da contorna do castro, un dos máis grandes da provincia da Coruña, dentro dun proxecto trianual que nos próximos anos avanzará nas tarefas de escavación.  O proxecto está dirixido polo arqueólogo Antón Malde, que acredita unha longa experiencia en diferentes escavacións. En concreto, no caso das Travesas foi responsable dos primeiros traballos de escavación, nos que atopou restos que ratifican a importancia especial deste asentamento. Ademais do seu tamaño, estimase que estivo poboado durante uns mil anos (dende o 500 A.C. ata o 500 D.C), e os achádegos demostraron que foi un punto de comunicación estratéxico. Non só a nivel galego, senón como referencia nas comunicacións coas illas británicas. Na Colección Visitable de Carral pódese ver un anel feito hai mil anos no norte de Inglaterra, algunhas moedas romanas usadas nas illas, así como restos de lanzas, vasillas e outros indicios de importancia.

O grupo de voluntarios xa visitou a Colección Visitable do Castro das Travesa, onde puideron contemplar os achádegos da última escavación, así como un vídeo no qué se fai unha reconstrución virtual do castro. Tamén visitaron o obradoiro arqueolóxico co que o Concello de Carral apoia os traballos máis delicados, unha vez que se atopan calquera tipo de peza.

O programa acadou o interese de participantes británicos e franceses, membros da rede dos National Trust á que pertence Tesouros de Galicia. O atractivo da iniciativa ven ratificado polo grande interese dos participantes voluntarios, que aportan non só o seu traballo, senón tamén pagan os seus gastos de desprazamento e unha matrícula. O resto dos custos son cofinanciados polo Concello de Carral, de diste xeito fai unha difusión internacional deste recurso patrimonial.