Tag Archive for: centro dramático galego

O programa municipal CultuRúa 2025 trae ao Campo da Feira propostas de cine, teatro, música e maxia. Esta programación estival comeza o venres 20 de xuño coa película galega Salta! dirixida por Olga Osorio. É unha divertida película recomendada para toda a familia, rodada na Coruña, e que mestura ciencia ficción con comedia. A proxección comezará ás 22:30 h.

Moby Dick é un espectáculo teatral de rúa a cargo da compañía Pedras de Cartón que se presenta en Carral o xoves 26 de xuño ás 18:00 h. A famosa balea do conto de Herman Melville deambulará polo Campo da Feira xunto a un mariñeiro que vivirá perigosas aventuras.

A música infantil chega da man de Paco Nogueiras con C@nto Contigo, no que repasará algúns dos seus principais éxitos. O concerto terá lugar o xoves 24 de xullo ás 18:00 h. Á mesma hora do día 21 de agosto preséntase Punto en boca: entre fíos anda o lío, unha proposta do Centro Dramático Galego e Raquel Crespo. É un espectáculo de música, narración e movemento para o goce de pequenos e maiores, ofrecéndonos historias de costureiras.

CultuRúa rematará o 22 de agosto co espectáculo que repasará os 50 anos de traxectoria artística do Mago Antón. 50 (1975 – 2025) presenta algúns dos números máis aplaudidos nas funcións do Mago Antón, xunto con algunhas novas creacións que sorprenderán ao público. Este espectáculo terá lugar no Magomóbil que se instalará no Campo da Feira, en 4 pases que terá lugar cada hora, sendo o primeiro ás 17:00 h. Para a boa organización de cada pase, as persoas interesadas deberán retirar os convites na Casa da Cultura desde o día 20 de xuño en horario de mañá.

No caso de meteoroloxía desfavorable, os espectáculos (agás o Magomóbil) trasladaranse á pista cuberta de Paleo, detrás do Centro de Saúde.

Para facer posible esta programación, o Concello de Carral conta coa colaboración da Deputación da Coruña a través da súa Rede Cultural e da Xunta de Galicia co Centro Dramático Galego e o programa Cultura no Camiño.

Información detallada dos espectáculos de CultuRúa 2025 premendo aquí

O Centro Dramático Galego está a representar “A Peste” no Salón Teatro de Santiago de Compostela, e ofrece un autobús gratuíto para asistir á función da noite deste sábado. Coa colaboración do Concello de Carral, que asume o custo das entradas ao espectáculo, as persoas interesadas en asistir deberán reservar a súa praza na Casa da Cultura ou no teléfono 981 672 580.
O autobús partirá do Campo da Feira ás 17:30 h. e volverá desde Santiago ás 23:00 h.
“A Peste” é unha adaptación do texto de Albert Camus dirixida por Cándido Pazó, e na que participa un extenso elenco e cunha atractiva escenografía.
É unha boa ocasión para gozar dunha excelente proposta teatral que está a obter un gran éxito e que conclúe nesta semana a súa representación.