A Concellería de Cultura comeza o venres 8 de xuño cun novo programa cultural dirixido aos nenos e nenas de Carral. Papeques, que é o nome deste novo ciclo, terá películas, teatro e contacontos ao longo de tres semanas deste mes de xuño.
Os venres ofreceranse tres películas clásicas de Walt Disney, comezando por Dumbo, seguindo con Peter Pan e rematando con La dama y el vagabundo. Haberá unha sesión de contacontos a cargo de Pablísimo o xoves 14, e tres obras de teatro, tanto de actor como de monicreques, no local Xente Nova de Tabeaio, os tres sábados que comprende Papeques.
Dúas das funcións teatrais están dirixidas a bebés (de 1 a 3 anos de idade). A primeira é Redondo, un espectáculo de Caramuxo Teatro para a primeira infancia que xoga coas formas. A mr. Round fascínanlle todos aqueles obxectos redondos, os máis curiosos obxectos con forma de circunferencia. Un día, na súa incesante procura atopará unha asombrosa esfera que agocha historias sorprendentes. Unha proposta visual, case sen palabras, para gozar en familia. Redondo terá lugar o sábado 9 de xuño, ás 18:00 h.
Trompicallo ofrecerá a súa obra O día que chegou unha nube e choveu o sábado 16 de xuño. Dirixido a idades de 1 a 5 anos, é un espectáculo de actor e monicreques que destaca a importancia da auga para a existencia da vida. A compañía O Aturuxo de Melpómene pechará Papeques co espectáculo Misterios, escrita e dirixida por Paula Carballeira. Será o sábado 23 de xuño. Vai dirixida a nenas e nenos maiores de 6 anos.
As localidades para todas as actividades son limitadas e é recomendable que se retiren previamente as entradas na Casa da Cultura nos dous días anteriores a cada función ou proxección. As entradas son de balde.
Papeques é unha iniciativa do departamento de Cultura do Concello de Carral que conta coa colaboración da Deputación da Coruña a través da Rede Cultural e da Xunta de Galicia co seu programa Ler conta moito.