Tag Archive for: culturúa

O programa municipal CultuRúa 2025 trae ao Campo da Feira propostas de cine, teatro, música e maxia. Esta programación estival comeza o venres 20 de xuño coa película galega Salta! dirixida por Olga Osorio. É unha divertida película recomendada para toda a familia, rodada na Coruña, e que mestura ciencia ficción con comedia. A proxección comezará ás 22:30 h.

Moby Dick é un espectáculo teatral de rúa a cargo da compañía Pedras de Cartón que se presenta en Carral o xoves 26 de xuño ás 18:00 h. A famosa balea do conto de Herman Melville deambulará polo Campo da Feira xunto a un mariñeiro que vivirá perigosas aventuras.

A música infantil chega da man de Paco Nogueiras con C@nto Contigo, no que repasará algúns dos seus principais éxitos. O concerto terá lugar o xoves 24 de xullo ás 18:00 h. Á mesma hora do día 21 de agosto preséntase Punto en boca: entre fíos anda o lío, unha proposta do Centro Dramático Galego e Raquel Crespo. É un espectáculo de música, narración e movemento para o goce de pequenos e maiores, ofrecéndonos historias de costureiras.

CultuRúa rematará o 22 de agosto co espectáculo que repasará os 50 anos de traxectoria artística do Mago Antón. 50 (1975 – 2025) presenta algúns dos números máis aplaudidos nas funcións do Mago Antón, xunto con algunhas novas creacións que sorprenderán ao público. Este espectáculo terá lugar no Magomóbil que se instalará no Campo da Feira, en 4 pases que terá lugar cada hora, sendo o primeiro ás 17:00 h. Para a boa organización de cada pase, as persoas interesadas deberán retirar os convites na Casa da Cultura desde o día 20 de xuño en horario de mañá.

No caso de meteoroloxía desfavorable, os espectáculos (agás o Magomóbil) trasladaranse á pista cuberta de Paleo, detrás do Centro de Saúde.

Para facer posible esta programación, o Concello de Carral conta coa colaboración da Deputación da Coruña a través da súa Rede Cultural e da Xunta de Galicia co Centro Dramático Galego e o programa Cultura no Camiño.

Información detallada dos espectáculos de CultuRúa 2025 premendo aquí

O programa municipal CultuRúa entra na súa recta final con humor, música, cine e folclore.

O martes volve Pedro Brandariz á Piscina municipal con Contos e outras andrómenas. Será unha actuación para usuarios da piscina que comezará ás 18 h.

O xoves, no Campo da Feira ás 18 h, Xabi Longueirón ofrecerá o seu concerto infantil As cancións creadas na casa da miña avoa. O cine volve o sábado co éxito español dirixido por Alejandro Amenábar Mientras dure la guerra. Será no Campo da Feira ás 22 h.

A primeira edición de CultuRúa remata o domingo na feira coa actuación de Xacarandaina ás 12 h. Esta é unha actuación incluída en Danza 3 · Xacobeo 21-22.

CultuRúa naceu este ano para ofrecer no verán unha programación que se desenvolvera en espazos abertos e públicos.