• As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude ata o 18 de setembro.
• Ofertaranse actividades para diferentes idades en distintas categorías: deportes, educación e servizos sociais.
O Concello de Carral presenta a súa programación de escolas municipais que inclúe, un ano máis, diferentes actividades para todos os gustos e idades.
O período de inscricións abriuse hoxe, luns, ás 09:00 horas e estará activo ata o 18 de setembro. Poderá pecharse antes se se completan todas as prazas da modalidade.
As prazas son limitadas e as solicitudes poderán presentarse presencialmente na Casa da Cultura, a través do formulario web habilitado para tal fin na web https://carral.es/escolas-municipais/ e a través da sede electrónica.
As formacións darán comezo a primeira semana de outubro, sendo responsabilidade do alumnado informarse nas dependencias municipais das datas, horas e lugares concretos das súas actividades.
A cota xeral será de 14 euros mensuais por persoa e actividade ou de 15 euros para aquelas que inclúen tres horas semanais. O prezo da Escola de Música é de 40 euros mensuais.
Haberá bonificacións para as familias numerosas, para persoas da terceira idade ou con discapacidade e para as voluntarias de Protección Civil. Todos elas terán un desconto de tres euros ao mes por actividade.
Deportes
Atletismo, ioga, patinaxe, rítmica e judo son as modalidades ofrecidas para os máis pequenos e pequenas no pavillón do colexio durante o horario escolar.
Equitación, baloncesto e pádel serán as opcións para o público xeral.
Pola outra banda, os adultos terán á súa disposición clases de zumba e ximnasia de mantemento. Ademais, durante este curso ofreceranse, a través do departamento de Deportes, cursos de iniciación a diferentes modalidades deportivas.
Educación
O CEIP Vicente Otero Valcárcel volverá contar con servizo de madrugadores, de 7:30 a 9:20 horas, e de conciliación, de luns a venres de 15:20 a 16:20 horas.
O centro acollerá tamén distintas actividades extraescolares entre as que se inclúen: robótica, debuxo e pintura, inglés, informática, baile moderno ou cociña.
Ademais, a escola municipal de música continuará coa súa formación de música e movemento nas mesmas instalacións.
Asociacións
As asociacións ofrecerán diferentes opcións deportivas e culturais para os veciños e veciñas das parroquias.