Os departamentos de Cultura, Educación e Deportes están preparando o acto que servirá de remate ao curso 2014-2015 das escolas municipais. O devandito acto consistirá en exhibicións dalgunhas das disciplinas que se impartiron no curso, que remata nun desfile no que tomará parte a totalidade do alumnado deste programa municipal. Será o alcalde, José Luis Fernández Mouriño, quen entregará os diplomas aos alumnos e alumnas. Xunto ao primeiro edil estarán as concelleiras de Cultura, Isabel López, de Educación, Florinda Duarte, e de Deportes, Diego Otero.
A clausura terá lugar mañá sábado 30 de maio, a partir das 17:00 h.
No curso que remata agora tomaron parte case 600 persoas de todas as idades en modalidades tan diversas como Fotografía, Fútbol, Informática ou Zumba. En total, se puxeron en marcha un total de 19 escolas.
Entre as novidades que comezaron no curso que agora remata, está a de Equitación, na que houbo unha salientable participación.
No eido das escolas deportivas débese destacar o bo papel realizado nas diversas competicións e exhibicións nas que participaron. Entre estas escolas hai que destacar o papel feito polas de Patinaxe, Ximnasia Rítmica, Judo e Fútbol.
Algunha das escolas culturais ofrecerán exposicións dos seus traballos. Entre elas a de Fotografía, que fará unha pequena exposición.
O programa de escolas deportivas, culturais e educativas é un dos máis importantes do Concello de Carral, tanto pola cantidade de persoas que toman parte nel como polos obxectivos que se perseguen ao poñelo en marcha. Entres eses obxectivos pódense salientar os de favorecer a adquisición de novos coñecementos, habilidades e destrezas, fomentar a creatividade e a práctica deportiva e propiciar alternativas para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral.
A organización do acto de clausura desexa advertir do peche do aparcamento do pavillón do Espiño durante a tarde do sábado e da necesidade de circular con precaución pola rúa de Paleo debido á alta afluencia de público que asiste a este evento.