Eva Veiga, coa súa obra Soño e vértice resultou gañadora do Concurso de Poesía “Concello de Carral” do presente ano.
O xurado escolleu esta obra pola intensidade simbólica da súa proposta poética, unida ao cultivo extremo dunha lírica que mantén en todo momento unha tensión entre o real e o onírico.
Eva Veiga (1961. Ombre-Pontedeume) é xornalista e poeta. En 1985 comeza a traballar na TVG onde desenvolverá unha polifacética e intensa actividade profesional, sobre todo, na dirección e presentación de programas culturais. Un labor que lle valería algúns recoñecementos como o Premio Galicia de Comunicación. Xunto aos músicos Fito Ares e Bernardo Martínez, forma parte do grupo poético-musical Ouriol.
Ten publicado relatos en revistas, xornais e obras colectivas, así como a guía sobre Compostela, Santiago. Cidade de peregrinación (2002). Xunto a Ánxeles Penas, escribe o libro Alfonso Costa, un exhaustivo estudio da vida e obra deste artista. Ten publicados os libros de poesía: Fuxidios (1992), Paisaxes do baleiro (1999), A pedra insomne (2002), A luz e as súas cicatrices (2006), Desconcerto (2006), Poemas do Eume (2009), A frecha azul do teixo (2010), Nesta hora imposible (2012) e A distancia do tambor (2014 – Premio Fiz Vergara Vilariño), publicación que acaba de recibir o premio da Asociación de escritores en lingua galega como mellor libro na modalidade de poesía.
O xurado do concurso estivo formado por Oriana Méndez, Miguel Anxo Fernán Vello e Nacho Alonso, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Isabel López Pérez, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez.
O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra.
O acto de entrega do premio terá lugar o 29 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2015. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, O que precede a caída é branco de Oriana Méndez. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.