A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural presentou no pasado Culturgal o Banco de boas prácticas na xestión cultural, no que se recompilan 100 proxectos culturais galegos. Nesta selección están incluídos dous proxectos do Concello de Carral: o Premio de poesía Concello de Carral e Fotos para as mil historias de Carral.
Este banco de boas prácticas é un portal dixital que busca ser un escaparate de proxectos destacados e permitirá a difusión e visibilidade internacional de iniciativas culturais do panorama galego, así como a formación, mellora da empregabilidade e recoñecemento social do sector profesional da nosa cultura. Son 100 proxectos culturais seleccionados en base a criterios de innovación, efectividade nos seus resultados, exemplaridade inspiradora e transferibilidade.
O Premio de Poesía Concello de Carral ven de cumprir 20 anos de existencia. Está recoñecido como un dos principais certames literarios de Galicia cos que se ten potenciado a creación poética.
Pola súa banda a iniciativa denominada Fotos para as mil historias de Carral é un dos proxectos culturais municipais de maior éxito e impacto. A creación dun arquivo fotográfico, exposicións, libros e unha páxina de Facebook teñen unha alta aceptación e implicación da sociedade carralesa, tanto da que reside no municipio como no exterior.
Desde o Concello de Carral se manifesta a satisfacción por un traballo ben feito desde o departamento municipal de Cultura, que ten recibido a honra de que dous dos seus proxectos sexan recoñecidos como modelo de boa xestión cultural. Ao mesmo tempo felicítase á Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural por levar a cabo o Banco de Boas Prácticas co que se pon en valor a calidade das iniciativas culturais de Galicia.