O ciclo de concertos Músicas Íntimas, concertos na Piscina chega esta fin de semana á súa quinta edición coa participación de Talabarte e Las Antonias.
Fake é o título do concerto de Talabarte, que coas súas músicas do mundo ocuparán o escenario o sábado. Pola súa banda Las Antonias actuarán o domingo co seu espectáculo Boleros e outras delicias. Os concertos comezarán ás 22:00 h.
O aforo está limitado polas exixencias sanitarias, polo que é necesario solicitar convites chamando á Casa da Cultura ao 981 67 25 80 antes das 12:00 h. do venres. No caso de choiva os concertos trasládanse á Casa da Cultura limitando a asistencia aos primeiros 25 convites.
Talabarte está formado por Quim Fariña, Kin García e Pedro Pascual, nomes intimamente vencellados con grandes proxectos da música galega coma Berrogüetto ou Marful e tamén con prestixiosos músicos de jazz coma Jorge Pardo, Walter White ou Steve Brown. Tras publicar o seu primeiro traballo discográfico, recibiron grandes eloxios de crítica e público, levando a súa musica por teatros, auditorios e festivais da Península Ibérica, Bretaña, Serbia… Fake saíu en 2016 con ilustracións de Pablo Xiráldez “O Pastor” e textos de Carlos Meixide acompañando músicas inspiradas por esas historias que non se sabe canto teñen de real e canto de mentira.
Las Antonias nacen en 2015 na Sala Mardigras da Coruña cando dúas compañeiras de baile, das que queiman pista, decídense a montar unha banda feminina. Toma forma coa necesidade de devolverlles ás cancións de toda a vida, o empoderamento que as mulleres se merecen. Destripan boleros, tangos e outras delicias fundindo as súas voces entre guitarra, escobillas, melódica e un fagot atopado. Introdúcennos con histriónico pracer no seu mundo Antoñil para facernos sentir e saber que todos somos Antonias e Antonios. Elas son Antonia Le (Ana Le), Antonia Colorees (Mamen Bazarra) e Antonia Pentagramas (Elena García-Fresca).
Músicas Íntimas conta co apoio de Agadic e a Deputación da Coruña.