A Casa da Cultura de Carral acollerá este venres, ás 20:00 h, o acto do 20º Certame de Poesía Concello de Carral, no que se lle entregará o premio a Xosé Luís Mosquera Camba por gañar esta edición co seu libro Das árbores tropicais e do amor, e no que tamén se presentará a publicación do gañador do ano pasado, Devalar sen pel do poeta fisterrán Modesto Fraga.
O acto estará presidido polo alcalde José Luis Fernández Mouriño, e contará tamén coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, do escritor e editor Miguel Anxo Fernán Vello, e de Inma Otero Varela, membro do xurado da presente edición.
O acto servirá tamén para a estrea do audiovisual que o Concello de Carral realizou para repasar estas dúas décadas da vida do certame, no que aparecen todos os premiado, así como o editor Miguel Anxo Fernán Vello, varios especialistas e escritores e escritoras que formaron parte dos xurados, o actual alcalde, o exconcelleiro de Cultura, Lois Anxo Ferreiro, que tivo a iniciativa de poñer en marcha este premio, e o técnico de Cultura municipal, Carlos Lorenzo, que foi o coordinador desde o nacemento do premio. O documental estará presente na rede a partir desta fin de semana.
A parte musical do acto correrá a cargo de Gonçalo Guerreiro, presentando temas do seu disco Ar, con temas creados a partir de poemas do escritor portugués Fernando Pessoa na súa versión orixinal. Ao igual que en todas as edicións deste premio, o Concello de Carral, grazas á colaboración da Xunta de Galicia, agasallan aos asistentes o libro que se presenta. Nesta ocasión Modesto Fraga poderá dedicarllo aos participantes no acto.
No marco desta celebración dos 20 anos do certame Concello de Carral, nos exteriores da Casa da Cultura estará ata o 8 de xuño unha exposición que revisa aos gañadores e gañadoras do premio, con datos biográficos e fragmentos da súa poesía. Tamén a Concellería de Cultura desenvolveu nos centros de ensino de Carral concursos e obradoiros de poesía, co fin de fomentar entre os máis novos, tanto a lectura como a creación poética.