O Concello de Carral manifesta o seu compromiso coa cultura, traballando para buscar solucións á diversa programación cultural que non se está podendo facer e a que se verá afectada a curto prazo polos efectos do coronavirus. O departamento municipal de Cultura segue a traballar na busca de alternativas para que as múltiples actividades, actos, espectáculos e eventos se adíen, mais non se cancelen. Se están manexando varias opcións para poder ofrecer á cidadanía de Carral unha completa programación, aínda coas dúbidas que
existen sobre a evolución da pandemia, de cando se poderán levar a cabo este tipo de actividades, de cales serán as características dos espazos e os aforos permitidos, e de como se irá avanzando cara a normalidade que coñecíamos antes das restricións sanitarias.
Os programas máis afectados son aqueles que anualmente se manteñen nunhas mesmas datas. Son os casos do acto do Premio de Poesía Concello de Carral, as Noites de Cine, o ciclo Músicas Íntimas e dos Venres de Monólogo. Ademais están diversas actividades que se realizan nos centros de ensino, nas bibliotecas municipais, os espectáculos de teatro de outono ou os ciclos de cine na Casa da Cultura, entre moitos outros. Para todas elas estanse buscando alternativas para que se poidan levar a cabo unha vez as autoridades sanitarias autoricen facelas. Unha das opcións que se barallan é que a programación do 2020 poida estenderse ata o Entroido. Para iso tamén se está atento ás medidas que se están a adoptar desde a Xunta de Galicia ou a Deputación, xa que boa parte da programación se realiza en colaboración con estas administracións.
É inquedanza do Concello de Carral manter o nivel de actividade cultural da que se beneficia a veciñanza, á vez que mantén o apoio e compromiso coas industrias e os traballadores culturais, un sector sempre moi precarizado e que neste tempo de corentena está a sufrir unhas consecuencias económicas moi complicadas.
Tag Archive for: música
O Coro de Mulleres Rurais de Guísamo e a Coral Polifónica Aires de Carral ofrecerán un concerto de panxoliñas en Tabeaio, organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Carral.
O concerto terá lugar o domingo 22, ás 19:00 h. no local Xente Nova. A entrada é de balde.
Este festival forma parte da programación de Nadal que organiza o Concello de Carral.
Desd
e Chile chegou a cantautora Andrea Andreu para ofrecer no colexio público Vicente Otero un concerto didáctico, dentro do Encontro Internacional de Música de Pulso e Púa en Galicia, no que colabora o Concello de Carral a través da súa concellería de Cultura.
Andreu actuou para alumnado de 6º de primaria interpretando pezas do folclore chileno e explicando a orixe das cancións, os estilos musicais de Chile e a súa traxectoria como cantante e guitarrista.
Este encontro internacional desenvólvese en diversos concellos da provincia durante esta semana, coa participación de grupos de Colombia, Portugal, Chile, Rusia e España. O concerto de clausura terá lugar no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, o domingo 6 de outubro ás 19:00 h. con entrada libre.
A Concellería de Cultura do Concello de Carral desenvolve unha programación propia que complementará as actividades planificadas pola Comisión de Festas do Socorro para
esta semana.
O xoves 5, no edificio Toñito Espiñeira, O Mago Pablo presentará o seu espectáculo Unha maxia diferente, dirixido a público familiar e promovendo valores de igualdade de xénero. A función comezará ás 18:00 h. con entrada libre e aforo limitado.
O venres á mesma hora, no Campo da Feira diante da Casa do Concello, Pakolas ofrecerá un espectáculo con cancións dirixidas a público infantil. No mesmo emprazamento e á mesma hora, o sábado chega Culturactiva cunha comedia gastronómica titulada Saaabor!, protagonizada por Fran Rei e Félix Rodríguez.
O domingo remata esta programación cultural cun concerto do grupo galego The Cerne, interpretando clásicos do rock, do soul e do blues. A actuación comezará ás 19:00 h. no Campo da Feira.
Para facer posible esta programación, o Concello de Carral conta coa colaboración da Deputación da Coruña, de Agadic e da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia
O departamento de Cultura convida a todos e todas a gozar das festas e das diversas manifestacións culturais que nelas teñen cabida.
A Casa da Cultura de Carral acollerá este venres, ás 20:00 h, o acto do 22º Certame de Poesía Concello de Carral, no que se lle entregará o premio a Xurxo Alonso por gañar esta edición co seu libro En luz escrita, e no que tamén se presentará a publicación do libro gañador do ano pasado, As bicis de Xabier Cid.
O acto estará presidido polo alcalde en funcións José Luis Fernández Mouriño, e contará tamén coa participación do director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, do escritor e editor Miguel Anxo Fernán Vello, e de Inma Otero, membro do xurado da presente edición.
Teatro do Atlántico pechará o acto co espectáculo poético musical De abrentes e ocasos, facendo un percorrido por poemas dalgúns dos nosos autores e autoras galegas máis significativas, coa música en directo ao piano de Nani García.
Como en edicións anteriores deste premio, o Concello de Carral, grazas á colaboración da Xunta de Galicia, agasalla aos asistentes o libro que se presenta. Nesta ocasión Xabier Cid poderá dedicarllo aos participantes no acto.
Nesta semana tamén se están facendo os actos de entrega dos premios dos concurso escolar e xuvenil de poesía, no que se presentaron un total de 28 obras. Os actos estanse a facer nos centros de ensino, no que se premian os tres mellores poemas de cada categoría e no que se fai entrega a todos os participantes de agasallos consistentes en libros e discos cedidos pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e do propio Concello de Carral.
O programa Papeques 2019 conclúe esta semana con dúas funcións que terán lugar na sala do edificio social Toñito Espiñeira de Carral.
Camiños é un espectáculo musical e un libro-disco a cargo de Magín Blanco, un dos mellores músicos e compositores de Galicia dedicados ao publico infantil e xuvenil. Camiños é unha metáfora da vida onde conflúen música, teatro, poesía e contos, para estimular e enriquecer a imaxinación e a creatividade dos nenos. Este espectáculo terá lugar o xoves 11 de abril, ás 18:00 h. e está dirixido a público infantil e familiar.
Títeres Babaluva presentará para bebés (de 0 a 3 anos) A alfombra máxica, un lugar de libre experimentación, unha alfombra táctil, sonora e olfactiva onde a artista plástica convida aos máis pequenos e pequenas a mergullarse nunha viaxe sensorial. Xuntos descobren o pracer de apalpar, manipular, escoitar, ver, saborear… As prazas para asistir a este espectáculo sensorial son limitadas, polo que é necesario recoller previamente as entradas na Casa da Cultura. A alfombra máxica presentarase o venres 12 de abril ás 18:00 h.
Con estas dúas funcións finaliza a segunda edición deste ciclo de cine e espectáculos infantís, que ata o momento conseguiu un total éxito de público.
A Concellería de Cultura do Concello de Carral ven de presentar a segunda edición do programa Papeques, que comprende espectáculos e cine para público infantil e familiar. Teatro, contacontos, películas e concertos configuran unha programación que se desenvolverá do 28 de marzo ao 12 de abril nas bibliotecas municipais, no local Xente Nova e no edificio social Toñito Espiñeira.
Todos os espectáculos son de balde e os aforos limitados. Para algúns deles será necesario retirar convites desde 48 horas antes da actividade.
Papeques comezará o xoves 28 de marzo con Un invento para chegar ao ceo, contacontos a cargo de Trinketrinke Teatro na Biblioteca da Casa da Cultura. Ao día seguinte proxectarase El bebé jefazo. O sábado 30 de marzo en Tabeaio presentarase a obra teatral O soutos dos prodixios de Producións Dispersas. A segunda sesión de cine será o xoves 4 de abril co clásico de Disney 101 Dálmatas. O primeiro espectáculo para bebés será un contacontos de Pavís Pavós na Biblioteca infantil o 5 de abril. Malasombra ofrecerá en Tabeaio un espectáculo para todos os públicos con pompas de xabón titulado Os fabulosos cleaners. Magín Blanco traerá o seu espectáculo musical Camiños ao Toñito Espiñeira o 11 de abril, e ao día seguinte, para pechar a programación, Títeres Babaluva ofrecerá un espectáculo sensorial para bebés titulado A alfombra máxica.
O departamento de Cultura deseña este ciclo coa intención de que sexa vivido en familia. Cada función é unha aprendizaxe e un goce. É moi importante a implicación dos adultos para que os máis pequenos comprendan e asimilen os valores que se transmiten en cada espectáculo.
Tamén é importante que os pais leven os pequenos ás funcións que mellor encaixen coas súas idades. Na publicidade de Papeques distribuída polo municipio, así como na web municipal, indícase a información de cada actividade, as idades ás que se dirixe e se é necesario retirar convites previamente.
O Concello de Carral quere consolidar este programa no seu calendario anual. Nesta nova edición mudou de datas para trasladalo aos meses de marzo e abril, coa intención de mantelo nesta época do ano entre o Entroido e a Semana Santa.
Para algúns dos espectáculos cóntase coa participación da Deputación da Coruña, a través da súa Rede Cultural.
O local Xente Nova de Tabeaio acollerá este sábado 9 de marzo un concerto do Quinteto InVento, cun repertorio de recoñecidas pezas latinoamericanas.
O concerto, que comezará ás 20:30 h, combinará obras orixinais con adaptacións que permitan escoitar grandes obras cunha nova sonoridade. Interpretarán obras de Astor Piazolla, Paquito d’Rivera, Vinicio Meza e Julio Medaglia, entre outros autores.
O Quinteto InVento é un grupo galego de música de cámara que xorde da amizade dos seus compoñentes, provenientes dalgunhas das principais orquestras de Galicia. O quinteto está formado por flauta, oboe, fagot, trompa e clarinete.
A entrada ao concerto é de balde. A Concellería de Cultura do Concello de Carral, organizadora do concerto, pide ao público puntualidade para evitar molestias unha vez iniciada a actuación.
Un ano máis, ao chegar estas datas do Nadal, a concellería de Cultura organiza en colaboración coa Asociación Cultural Aires de Carral, o Festival de Panxoliñas. Participarán a
coral polifónica San Pedro de Domaio, o grupo de música tradicional Arnela e a coral polifónica Aires de Carral.
As tres agrupacións interpretarán as cancións típicas desta época, a partir das 19:00 h. do domingo 16 de decembro no local Xente Nova de Tabeaio.
A entrada é libre.












