Tag Archive for: Papeques

alfonbraMaxicaO programa Papeques 2019 conclúe esta semana con dúas funcións que terán lugar na sala do edificio social Toñito Espiñeira de Carral.

Camiños é un espectáculo musical e un libro-disco a cargo de Magín Blanco, un dos mellores músicos e compositores de Galicia dedicados ao publico infantil e xuvenil. Camiños é unha metáfora da vida onde conflúen música, teatro, poesía e contos, para estimular e enriquecer a imaxinación e a creatividade dos nenos. Este espectáculo terá lugar o xoves 11 de abril, ás 18:00 h. e está dirixido a público infantil e familiar.

Títeres Babaluva presentará para bebés (de 0 a 3 anos) A alfombra máxica, un lugar de libre experimentación, unha alfombra táctil, sonora e olfactiva onde a artista plástica convida aos máis pequenos e pequenas a mergullarse nunha viaxe sensorial. Xuntos descobren o pracer de apalpar, manipular, escoitar, ver, saborear… As prazas para asistir a este espectáculo sensorial son limitadas, polo que é necesario recoller previamente as entradas na Casa da Cultura. A alfombra máxica presentarase o venres 12 de abril ás 18:00 h.

Con estas dúas funcións finaliza a segunda edición deste ciclo de cine e espectáculos infantís, que ata o momento conseguiu un total éxito de público.

o souto dos prodixios1cadA Concellería de Cultura do Concello de Carral ven de presentar a segunda edición do programa Papeques, que comprende espectáculos e cine para público infantil e familiar. Teatro, contacontos, películas e concertos configuran unha programación que se desenvolverá do 28 de marzo ao 12 de abril nas bibliotecas municipais, no local Xente Nova e no edificio social Toñito Espiñeira.

Todos os espectáculos son de balde e os aforos limitados. Para algúns deles será necesario retirar convites desde 48 horas antes da actividade.

Papeques comezará o xoves 28 de marzo con Un invento para chegar ao ceo, contacontos a cargo de Trinketrinke Teatro na Biblioteca da Casa da Cultura. Ao día seguinte proxectarase El bebé jefazo. O sábado 30 de marzo en Tabeaio presentarase a obra teatral O soutos dos prodixios de Producións Dispersas. A segunda sesión de cine será o xoves 4 de abril co clásico de Disney 101 Dálmatas. O primeiro espectáculo para bebés será un contacontos de Pavís Pavós na Biblioteca infantil o 5 de abril. Malasombra ofrecerá en Tabeaio un espectáculo para todos os públicos con pompas de xabón titulado Os fabulosos cleaners. Magín Blanco traerá o seu espectáculo musical Camiños ao Toñito Espiñeira o 11 de abril, e ao día seguinte, para pechar a programación, Títeres Babaluva ofrecerá un espectáculo sensorial para bebés titulado A alfombra máxica.alfonbraMaxica

O departamento de Cultura deseña este ciclo coa intención de que sexa vivido en familia. Cada función é unha aprendizaxe e un goce. É moi importante a implicación dos adultos para que os máis pequenos comprendan e asimilen os valores que se transmiten en cada espectáculo.

Tamén é importante que os pais leven os pequenos ás funcións que mellor encaixen coas súas idades. Na publicidade de Papeques distribuída polo municipio, así como na web municipal, indícase a información de cada actividade, as idades ás que se dirixe e se é necesario retirar convites previamente.

O Concello de Carral quere consolidar este programa no seu calendario anual. Nesta nova edición mudou de datas para trasladalo aos meses de marzo e abril, coa intención de mantelo nesta época do ano entre o Entroido e a Semana Santa.

Para algúns dos espectáculos cóntase coa participación da Deputación da Coruña, a través da súa Rede Cultural.

Programa Papeques 2019

 

Cartaz Misterios wO programa infantil Papeques remata este sábado coa representación da obra Misterios da compañía O Aturuxo de Melpómene. É unha obra escrita e dirixida por Paula Carballeira, na que Mara, a nena protagonista, ten un día no que só parece atopar misterios na súa casa, na da veciña, na rúa, no galiñeiro… e non hai nada máis emocionante nin máis divertido que resolvelos.

A función comezará ás 18:00 h. no local Xente Nova de Tabeaio, con entrada de balde.

Papeques é un programa que puxo en marcha a Concellería de Cultura do Concello de Carral coa intención de consolidalo na programación cultural anual, tentando ofrecer diferentes alternativas para o público infantil desde os 6 meses de idade. Nesta primeira edición o ciclo comprendeu cine, contacontos e teatro.

Redondo 4A Concellería de Cultura comeza o venres 8 de xuño cun novo programa cultural dirixido aos nenos e nenas de Carral. Papeques, que é o nome deste novo ciclo, terá películas, teatro e contacontos ao longo de tres semanas deste mes de xuño.

Os venres ofreceranse tres películas clásicas de Walt Disney, comezando por Dumbo, seguindo con Peter Pan e rematando con La dama y el vagabundo. Haberá unha sesión de contacontos a cargo de Pablísimo o xoves 14, e tres obras de teatro, tanto de actor como de monicreques, no local Xente Nova de Tabeaio, os tres sábados que comprende Papeques.

Dúas das funcións teatrais están dirixidas a bebés (de 1 a 3 anos de idade). A primeira é Redondo, un espectáculo de Caramuxo Teatro para a primeira infancia que xoga coas formas. A mr. Round fascínanlle todos aqueles obxectos redondos, os máis curiosos obxectos con forma de circunferencia. Un día, na súa incesante procura atopará unha asombrosa esfera que agocha historias sorprendentes. Unha proposta visual, case sen palabras, para gozar en familia. Redondo terá lugar o sábado 9 de xuño, ás 18:00 h.

Trompicallo ofrecerá a súa obra O día que chegou unha nube e choveu o sábado 16 de xuño. Dirixido a idades de 1 a 5 anos, é un espectáculo de actor e monicreques que destaca a importancia da auga para a existencia da vida. A compañía O Aturuxo de Melpómene pechará Papeques co espectáculo Misterios, escrita e dirixida por Paula Carballeira. Será o sábado 23 de xuño. Vai dirixida a nenas e nenos maiores de 6 anos.

As localidades para todas as actividades son limitadas e é recomendable que se retiren previamente as entradas na Casa da Cultura nos dous días anteriores a cada función ou proxección. As entradas son de balde.

Papeques é unha iniciativa do departamento de Cultura do Concello de Carral que conta coa colaboración da Deputación da Coruña a través da Rede Cultural e da Xunta de Galicia co seu programa Ler conta moito.

Cartel Papeques 2018.