A Concellería de Cultura ven de incorporar á súa programación o ciclo Músicas Íntimas Concertos na Piscina, que terá lugar os vindeiros 3 e 4 de setembro. Xoán Curiel será o encargado de abrir o ciclo o sábado presentando as cancións do seu disco Ecuacións. O domingo será a ocasión de gozar das fermosas e poéticas interpretacións de 2naFronteira.
Xoán Curiel presenta o seu novo cd Ecuacións acompañado de dous músicos. Este disco, presentado en marzo deste ano en Santiago de Compostela, foi gravado na Radio Galega e trátase dun disco experimental con temas moi líricos, con aires intimistas e bases electrónicas. Ademais, cantará tamén cancións que verán a luz nun próximo traballo discográfico.
2naFronteira presenta o seu cuarto disco Sons de Nós, que está cheo dunha enerxía alegre, vital e sensual. Con influencias do jazz, popular galego e lied europeo, o seu eclecticismo fainos difícil de clasificar e convérteos nunha das propostas máis interesantes, frescas e de calidade da música actual galega. Acompañan ao dúo músicos de primeira fila, con instrumentos moi particulares. Así, Carmen Penim e Maurizio Polsinelli estarán acompañados por Carmen Gallego e Miguel Paz.
Serán dúas excelentes ocasións para emocionarse e gozar de marabillosas alternativas do panorama musical galego actual.
O espazo no que se desenvolverán os concertos será a zona de baño infantil da piscina municipal, na que se instalará un pequeno escenario e un aforo para 50 persoas sentadas, tentando así crear un lugar acolledor no que gozar da música en directo. No caso de que a meteoroloxía sexa desfavorable, os concertos realizaranse na sala de audiovisuais da Casa da Cultura.
Os concertos comezarán ás 22:30 h. e a entrada é de balde.