A OMIX organiza unha excursión, na que os/as participantes poderán realizar unha ruta de sendeirismo polas fragas do Eume e unha ruta en kaiak, por esa mesma zona.
Esta actividade planificada para o día 5 de setembro, está destinada a nenas e nenos de 10 a 14 anos.
A saída realizarémola desde a Casa da Cultura, ás 10 h. e o regreso ó mesmo lugar sobre ás 19 h. Informámoste de que se inclúe a comida e que debes levar roupa para cambiarte así coma traxe de baño e unha pequena toalla, tamén algo para picar se queres.
As prazas son limitadas e o prazo de inscrición remata o 31 de agosto. Recodámosche que está actividade e totalmente de balde!
Tag Archive for: sendeirismo
A Concellería de Cultura do Concello de Carral rematará o seu programa 20 km Camiño con Cultura de sendeirismo cultural, organizando para o sábado 15 de outubro unha ruta polo Courel.
Realizarase o roteiro mítico entre Valdomir e Froxán. Logo de acceder a Valdomir en autobús, ollarase o camiño ata a aldea de Vilar. Este é un sitio moi coñecido pola divulgación dun roteiro marcado que atravesa os seus soutos, a ermida e un castro situado sobre o río Lor, un lugar inesquecible para os que o visitan.
O camiño desde o castro baixa polo monte ata o río, cruzando por unha vella ponte de madeira. Logo de pasalo os participantes atoparanse co sobreiral de magníficos exemplares de corticeiras que se aproveitan para facer trobos de abellas.
Por camiños antigos chegaremos ata Froxán, un dos paraísos do Caurel, unha aldea ben conservada, restaurada e habitada na actualidade. Coma fin do roteiro, antes de emprender a volta, visitaremos a vila de Seoane do Courel.
As prazas son limitadas e as persoas interesadas deberán inscribirse na Casa da Cultura antes do martes 11 de outubro. O prezo por persoa é de 15 euros, que inclúe o transporte e os monitores e guías durante o percorrido.
Xa está aberto o prazo para inscribirse na terceira ruta do programa 20km Camiño con Cultura, que organiza a Concellería de Cultura do Concello de Carral. O próximo percorrido terá lugar o sábado 17 de setembro por Marcelle e a Reserva da Biosfera Río Miño, na provincia de Lugo. Ao igual que nas anteriores rutas, o prezo é de 15 € que inclúe o transporte e a asistencia técnica de monitores e guías especializados.
Os participantes comezarán o roteiro por pistas, preto da máxica “Reserva de Marcelle”, onde habitan animais salvaxes que viven en semiliberdade. Unha vez cheguen á ribeira do Río Miño, iniciarán unha subida ata o salto e as fervenzas do Piago, un lugar dunha grande beleza que é pouco coñecido e que asombrará aos participantes. Desde alí, subindo, atoparán o monumental Castiñeiro de Martul. Por pistas que atravesan zonas de monte chegarán ao Miño, e cruzando o río na localidade de Ombreiro voltarán por vellos camiños e chousas, hoxe convertidas en auténticos bosques dominados por carballos. Antes do remate pasarán pola ribeira do Miño ao carón das chamadas “ínsuas”, espazos que forman parte do corazón da Reserva da Biosfera das Terras do Miño.
O prazo para inscribirse nesta actividade estará aberto ata o 13 de setembro. A información sobre o programa de sendeirismo cultural ofrécese na Casa da Cultura.
A Concellería de Cultura presenta un novo programa chamado 20 km Camiño con Cultura, consistente en catro roteiros cos que gozar do patrimonio cultural e natural de Galicia.
O primeiro roteiro, Betanzos polo Camiño Inglés, terá lugar o 16 de abril. O seguinte, que se fará polo Val de Loureda de Arteixo, será o 21 de maio. Despois das festas do Socorro, o 17 de setembro, realizarase un percorrido por Marcelle e a Reserva da Biosfera Río Miño; rematando o programa o 15 de outubro cun roteiro polo Courel.
As prazas para cada xornada son limitadas, e as persoas interesadas deberán inscribirse na Casa da Cultura antes do martes anterior a cada roteiro. O prezo por persoa é de 15 euros, que inclúe o transporte e os monitores e guías durante o percorrido.