O Concello de Carral, desde o seu departamento de Normalización Lingüística, organiza para mañá venres un espectáculo do actor galego Santi Prego. A función está incluída no programa de dinamización lingüística Falaredes que promove a Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Contos en Rede, que é como se denomina o espectáculo, comezará ás 21:00 h, no edificio social Toñito Espiñeira de Carral. A entrada é libre ata completar o aforo.
Santi Prego é actor de teatro, cine, televisión, dobraxe, títeres e contacontos desde 1987 e profesor na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Como actor traballou recentemente en películas como A esmorga, de Ignacio Vilar ou en Los Fenómenos, de Alfonso Zarauza. En televisión forma parte do elenco de Portocabo, para a TVG e El Incidente, en Antena 3 (personaxe fixo en ambas). Tamén tivo aparicións en Casa Manola e A Casa da Conexa, para a TVG.
Na súas contadas emprega un romance de cego como conto popular, algúns milagres do Camiño de Santiago e outras historias e fabulacións, algunhas delas contadas con algunha marioneta. É un contador que bebe moito da cultura popular, nas súas narracións apoiase tamén en elementos que lle dan un xogo escénico diferente.